O .gal cumpre cinco anos con máis de 4.700 dominios rexistrados

O 14 de xuño de 2013 comezábase a andar un camiño que xa levaba rozándose bastantes anos máis. En 2006, un grupo promotor formado por varias entidades representativas da cultura e sociedade galegas puxo en marcha a Asociación PuntoGal. Querían que Galicia e o galego estivera presente no novo mundo que nacía na Internet. Aquel ano, un manifesto pedía un dominio .gal. En 2012 presentouse a candidatura para optar a este recoñecemento.

E foi hai agora xusto cinco anos cando a ICANN, o organismo internacional que regula a rede, aprobaba a concesión do dominio. E en maio de 2014, dominio.gal convertíase na primeira páxina web creada con esta terminación.

Publicidade

Desde entón, a lingua e a cultura galegas non deixan de medrar na rede. A día de hoxe, PuntoGal ten rexistrados preto de 4.800 dominios. O obxectivo é acadar os 5.000 antes de que remate 2018. Desde os 93 pioneiros que iniciaron o camiño en xullo de 2014, houbo novas institucións, empresas e entidades que se foron sumando día a día á internet en galego.

Na actualidade, a asociación PuntoGal, que preside Manuel González, segue traballando por incentivar tanto o rexistro de novos dominios como a promoción da lingua e cultura galegas na rede, sexa directamente ou a través de acordos de colaboración con outras entidades. Este ano celebráronse, entre outras iniciativas, un concurso de microrrelatos en colaboración coa Real Academia Galega; a impresión de 12.000 marcapáxinas para celebrar as feiras do libro de Galicia xunto coa Federación de Libreiros, Política Lingüística e o IES Leixa de Ferrol; ou a promoción do Día das Letras da man de ReiZentolo. Para o segundo semestre do ano, PuntoGal prepara novas actividades, que abarcan dende a súa presenza na feira Culturgal ata novas iniciativas no ámbito tecnolóxico como xa se fixo no seu momento co lanzamento de i.gal e velaqui.gal en colaboración con Dinahosting.

Publicidade

Descontos para os novos .gal

Para conmemorar o 5º aniversario, a entidade ofrece unha promoción especial de duración limitada. Entre o 14 e o 17 de xuño será posible obter un .gal por tan só cinco euros + IVE como prezo máximo. Os rexistros poderán realizarse nas empresas adheridas á promoción: Blacknight, CdMon, Core, Dinahosting, Don Dominio, Com Laude e Openprovider. Pódese consultar toda a información sobre a campaña na web dominio.gal.

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma