Así é Robobo, o robot galego premiado polo Foro Económico Mundial

O catedrático da UDC Fran Bellas recolle en Dubai o segundo premio de xoguetes intelixentes no certame organizado polo Centro para a Cuarta Revolución Industrial dos Emiratos Árabes

O robot Robobo, desenvolvido por un grupo de investigadores da Universidade da Coruña coordinados polo catedrático en Computación e Intelixencia Artificial, Fran Bellas, gañou onte o segundo premio do Concurso Smart Toys promovido polo Foro Económico Mundial e a Dubai Future Foundation, nun concurso organizado polo Centro para a Cuarta Revolución Industrial dos Emiratos Árabes Unidos.

O profesor do Campus de Ferrol recolleu o premio este domingo en Dubai, logo de superar un exhaustivo proceso de selección no que o robot da UDC foi superando diversas fases. Os finalistas foron avaliados por xuíces internacionais que se centraron, sobre todo, nos aspectos éticos do xoguete, ademais de ser testados por nenos e nenas que os usaron durante varios días.

Publicidade

Xoguetes con Intelixencia Artificial

Este premio ten como obxectivo avaliar os xoguetes que integran Intelixencia Artificial para determinar os valores e os principios que conteñen estes xoguetes de forma que contribúan a unha aprendizaxe creativa dos nenos e nenas e á vez que xogan poidan apoiar o seu crecemento e desenvolvemento. Con estes premios recoñecen os xoguetes intelixentes, innovadores, éticos e responsables.

Robobo é un robot dirixido a estudantado de secundaria e bacharelato que xa ten algunha experiencia en robótica e programación. Con Robobo e o material didáctico asociado aprenderán os conceptos básicos da Intelixencia Artificial aplicada á robótica, utilizando o seu propio teléfono intelixente como núcleo do robot. Este robot utiliza tecnoloxía a custe moi baixo e pode actualizarse con sucesivos smartphones. O desenvolvemento deste robot deu lugar á creación da empresa spin off da Universidade da Coruña MINT.

Publicidade

Os investigadores do grupo detrás de Robobo, coordinados por Fran Bellas, teñen experiencia como profesores universitarios de Enxeñaría e Robótica Intelixente

O grupo de investigación que hai detrás de Robobo ten experiencia como profesores universitarios de Enxeñaría e Robótica Intelixente. Ademais, coordinados polo profesor Fran Bellas, son pioneiros na introdución da Intelixencia Artificial na educación xeralista, desde secundaria ata a universidade, desenvolvendo material docente adaptado ás diferentes etapas educativas.

Plan de estudos de IA para toda Europa

O profesor do Grupo Integrado de Enxeñaría Fran Bellas liderou un equipo de traballo internacional que desenvolveu os contidos dunha materia de Intelixencia Artificial para Secundaria e Bacharelato para centros educativos de Europa. O proxecto europeo de innovación educativa AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School desenvolveuse de 2019 a 2022, cando se presentaron os resultados nun acto no Campus Industrial de Ferrol.

Robobo con outros robots presentados ao concurso. Combina unha base robótica móbil cun smartphone para crear a próxima xeración de robot educativo; a base de Robobo é o seu corpo e o teléfono, o seu cerebro.
Robobo con outros robots presentados ao concurso. Combina unha base robótica móbil cun smartphone para crear a próxima xeración de robot educativo; a base de Robobo é o seu corpo e o teléfono, o seu cerebro.

Este proxecto contou coa colaboración de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).

Como continuación desta investigación, acaban de poñer en marcha un segundo proxecto financiado pola Unión Europea Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market (AIM@VET), en colaboración con universidades e centros de FP de Eslovenia, Portugal e España (o CIFP Rodolfo Ucha, de Ferrol) para realizar o plan de estudos dunha materia de IA para alumnado de Formación Profesional de centros educativos de Europa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Resucitar moléculas da Prehistoria contra as superbacterias: a nova fronteira dos antibióticos por IA

Os modelos xenerativos xa poden recuperar péptidos do ADN de especies desaparecidas e agora enfrontan o reto de converter os achados computacionais en medicamentos

É a IA unha ameaza? “Os avances van máis rápido do que a sociedade pode asumilos”

Fernando Suárez e Senén Barro aseguran que a intelixencia artificial si presenta riscos, pero a destrución da humanidade non se atopa entre eles

Un grupo de investigación da USC alerta dos perigos da intelixencia artificial en contacto coa infancia

O traballo analiza diferentes experiencias dos Estados Unidos e China e expón a necesidade de valorar a IA dende unha perspectiva tecnolóxica, educativa, lexislativa e ética