Venres 29 Marzo 2024

As ‘apps’ da UVigo para discapacitados acumulan xa 80.000 descargas

Para as persoas con algún tipo de discapacidade comunicativa os teléfonos intelixentes e as tabletas ofrecen unha nova posibilidade para abrir vías alternativas para interaccionar coa contorna, para expresarse e para evitar a súa exclusión social. O proxecto Accegal, que arrancou en 2011 da man do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón en Santiago de Compostela, traballa para crear aplicacións con esta finalidade. Durante estes seis anos, educadores e enxeñeiros deseñaron e puxeron a disposición da sociedade nove aplicacións que se basean na comunicación alternativa e aumentativa. Un dos enxeñeiros de Accegal, Jonathan Juncal, avaliou o impacto e a efectividade destas nove aplicacións dentro da súa tese de doutoramento. Entre todas elas acumulan máis de 80.000 descargas a nivel internacional, explica o investigador, o que demostra tanto a súa utilidade como o seu correcto funcionamento.

Jonathan Juncal, enxeñeiro da UVigo. Foto: Duvi.
Jonathan Juncal, enxeñeiro da UVigo. Foto: Duvi.

A primeira das aplicacións postas a disposición do público foi VirtualTEC en 2011, á que seguiron PictoDroid Lite, PictoDroid, PictoDroid Head Lite, PictoDroid Med e PictoTalk, que empregan comunicación mediante pictogramas e MessageTTS, MyKeyboDroid e SubTitleMe, que ofrecen comunicación mediante caracteres convencionais.

Publicidade

A finalidade de todas estas ‘apps’ é “dar soporte a persoas con diferentes tipos de discapacidade que afectan gravemente á súa capacidade comunicativa, aproveitando o potencial da tecnoloxía móbil para crear solucións sinxelas, dependentes do sistema operativo Android”. Como remarca Juncal, este é un paso adiante respecto aos comunicadores tradicionais, máis estáticos e caros, xa que os smartphones e tablets permiten o emprego dos comunicadores en calquera lugar, de forma rápida e sinxela. Ademais, destaca tamén o feito de que estes comunicadores sexan funcionais en dispositivos económicos, a partir de 30 ou 40 €, de xeito que tanto as familias con rendas baixas como os centros de educación con menos recursos poden adquirir ditos dispositivos.

Pictogramas ou caracteres tradicionais

As aplicacións desenvolvidas divídense en dous grupos. Por unha banda, unhas empregan pictogramas e están destinadas a suxeitos que non dispoñen de linguaxe oral nin poden acceder á súa forma escrita mediante caracteres convencionais, debido a problemas cognitivos ou motores. Unha segunda tipoloxía emprega caracteres convencionais, destinada a persoas que posúen un nivel cognitivo e conceptual sen apenas carencias pero que non dispoñen de linguaxe oral nin escrito, ou ben posúen un grao de afectación do mesmo moi amplo, na súa maioría con deficiencias motrices.

As aplicacións contribúen á mellorar a comunicación a través de pictogramas e caracteres convencionais

O software de comunicación foi deseñado para que se adaptase non só aos usuarios potenciais, senón tamén ao gusto dos logopedas, profesores de educación especial, etc. que demandaban soluciones de comunicación. Ademais, explica Jonathan Juncal, “as aplicacións poden ser configuradas ao gusto ou necesidade de cada usuario e son totalmente funcionais en calquera dispositivo actual”. No caso da comunicación mediante pictogramas, empregáronse algún dos dispoñibles en ARASAAC, “pero poden ser integrados facilmente símbolos doutros sistemas, así como fotos ou imaxes reais. No caso dos caracteres convencionais, os comunicadores inclúen teclados con caracteres ordenados segundo a frecuencia de aparición en idiomas independentes e teclados optimizados ou clásicos. Outra característica destas aplicacións é que permiten non só crear mensaxes, senón tamén reproducilos, para o cal o software inclúe a síntese de voz proporcionada por Android para tratar de simular a fala humana, así como a posibilidade de utilizar voz pregravada para cubrir as necesidades que a síntese de voz non soluciona.

No referente aos teclados, existen diferentes métodos de acceso, dende unha única pulsación á opción de premer e levantar a man do dispositivo. Sen embargo, lembra Juncal, “estas interfaces de acceso non abarcaban a grupos de usuarios cunha grave discapacidade motora e sen control natural das mans, polo que tamén estudamos outras interfaces de acceso, como a detección de movementos a través da cabeza e o Brain Computer Interface (BCI). “Púidose comprobar que non só foi posible a súa adaptación a determinado dispositivo ou aplicación, senón que estas interfaces amplían o rango de usuarios potenciais destinatarios de todo o software de comunicación”.

Todos os comunicadores están dispoñibles de balde actualmente tanto na tenda oficial de Google Play Store como na web de Accegal. Ata agora, ademais do recoñecemento por parte dos usuarios, familias e educadores, estas aplicacións acadaron tamén varios premios e “puidemos comprobar o seu correcto funcionamento en diferentes lugares, como o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón en Santiago de Compostela ou o CEIP Seis do Nadal en Vigo, entre outros. Nestes colexios séguense a empregar os comunicadores e “as probas realizadas con usuarios reais foron de grande axuda para a corrección de erros e a mellora de funcionalidades”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%