A televisión segue a ser o dispositivo preferido polos rapaces galegos

A pesares de que internet e os videoxogos ocupan cada vez un maior espazo no seu tempo de ocio, a televisión continúa a ser a pantalla predilecta dos nenos e nenas galegos, que dedican máis de dúas horas ao día ao consumo destes tres medios, segundo constatou a investigadora de CCSS e da Comunicación Beatriz Feijóo. Na súa tese de doutoramento, analizou o consumo destas tres pantallas entre máis de 2000 estudantes de 6º de primaria de diferentes localidades galegas, ou que lle permitiu comprobar tamén como o tempo dedicado a estes dispositivos “increméntase de forma acusada” nas fins de semana, así como o feito de que o peso crecente que estas teñen na vida e no ocio dos nenos non implica o abandono das actividades sociais, xa que a maioría sinalaron que tamén lles gusta moito investir o seu tempo libre cos seus amigos ou xogando na rúa.

Coñecer o nivel de penetración e uso das pantallas entre a infancia era o obxectivo central da investigación que Feijóo realizou para a súa tese A infancia ante as pantallas: Análise do consumo de medios audiovisuais (TV, videoxogos e internet) entre os nenos galegos do último curso de primaria en 2010, dirixida polos profesores de CCSS e da Comunicación Aurora García e Jesús Pérez Seoane. Para iso, realizou unha enquisa a un total de 2202 estudantes de 77 colexios públicos e privados das catro provincias, que responderon un cuestionario dirixido a coñecer o tempo dedicado á televisión, internet e os videoxogos, así como as súas preferencias para o tempo libre.

Publicidade

Televisores, ordenadores e videoconsolas conforman, xunto cos teléfonos móbiles, “o equipamento tecnolóxico máis común dos fogares españois”, como lembra Feijóo, e de aí que se trate de pantallas coas que os nenos e nenas teñen unha vinculación sólida e forte e que cada vez teñen máis peso no ocio infantil. Nese senso, apunta que “diversos estudos advirten dunha progresiva mediatización do ocio dos nenos e mozos”, que contribuíu por unha banda a hábitos máis sedentarios e a que as novas tecnoloxías se volvesen imprescindibles para as súas interaccións sociais.

O tempo que os cativos e cativas dedican ás pantallas non implica que desatendan as actividades sociais

Como consecuencia, os nenos cada vez se distancian máis das formas tradicionais de ocio infantil e optan polas novas tecnoloxías que os achegan a modelos de ocio adulto, engade a investigadora, quen, non obstante, puido comprobar que o tempo que os cativos e cativas dedican ás pantallas non implica que desatendan as actividades sociais. De feito, nos cuestionaron realizados sinalaron como preferentes, por riba do consumo de pantallas, actividades como saír xogar cos amigos, ir ao parque ou facer deporte. É máis, mesmo aqueles e aquelas que afirmaron permanecer máis de catro horas ao día diante das pantallas valoraron tamén positivamente ditas actividades.

Publicidade

O estudo realizado permitiu a Feijóo constatar hipóteses de partida como que os nenos e nenas galegos dedican máis de dúas horas ao día ás diferentes pantallas, pero tamén rexeitar outras, como que esas novas pantallas fosen desprazar á televisión nas preferencias dos cativos. De feito, “a mostra dedica máis tempo ao consumo de televisión que ao de videoxogos ou internet, tanto nos días de colexio como na fin de semana”, apunta esta investigadora, que incide en que un de cada tres nenos e nenas dixo dedicar ao menos dúas horas ao día a ver a televisión, período de tempo que, atendendo aos estudos realizados por diferentes expertos, Feijóo tomou como referencia para determinar o punto a partir do cal os nenos estarían sobreexpostos ás pantallas.

A investigadora de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Feijóo.
A investigadora de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Feijóo.

En conxunto, os nenos e nenas dedican máis de dúas horas ao día a estes tres medios, un tempo que se incrementa de forma acusada os sábados e domingos e que tamén é maior no caso dos nenos con respecto ao das nenas, segundo comprobou Feijóo, quen tamén atopou que as preferencias en canto a contidos difiren bastante en función do sexo, “sobre todo en programas de televisión e na selección de videoxogos”.

No tocante á televisión, preto do 65% dos enquisados afirmaron dedicarlle “ata dúas horas” nos días de colexio, un consumo que se incrementa de forma considerable nas fins de semana, mentres que no caso de internet, presente no 76% dos fogares dos enquisados, con grandes diferenzas no grao de penetración entre a contorna urbana e o rural, a maioría declararon permanecer conectados menos dunha hora durante os días de colexio, tempo que de novo se incrementa nas fins de semana. Por último, os cativos aseguraron dedicar menos dunha hora ao día aos videoxogos durante os días de colexio, mentres que, en sábados e domingos, máis do 50% afirmou xogar entre unha e tres horas.

É fundamental o papel dos pais coma responsables da alfabetización dixital dos nenos

Outra das conclusións deste estudo, trala análise dos contidos sinalados como favoritos, é que os nenos e nenas consumen produtos “non recomendados para a súa idade”. Nese senso, Feijóo apunta que, no tocante á televisión citaron programas non aptos para unha audiencia menor de 12 ou 16 anos, ao igual que aludiron a videoxogos para maiores de 18. De feito, a investigadora apunta que mentres que na televisión os nenos e nenas de forma xeral si adoitan ver as series e debuxos animados dirixidos a esta franxa de idade, no tocante aos videoxogos as súas preferencias pasan por aqueles de uso xeneralizado en todas as idades. Do mesmo xeito, “en internet ademais de visitar portais e servizos restrinxidos por lei a usuarios maiores de 14 anos, como as redes sociais, optan por empregar tamén servizos, aplicacións ou portais pensados para un público adulto”, explica Feijóo, que incide na súa tese no papel que deben xogar pais e nais, como responsables da alfabetización dixital dos nenos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A contratación de internet medra máis do 20% en tres anos en concellos de menos de 5.000 habitantes

Preto do 64% dos galegos merca en liña e máis dun 78% dos internautas emprega a banca electrónica

Así se ve a constelación de satélites de Elon Musk

Máis de 4000 obxectos orbitan arredor da Terra para vender unha tarifa de datos que proporciona acceso universal á rede

Caída masiva de internet nas principais compañías móbiles en España

Numerosos usuarios quéixanse de dificultades para acceder á rede e incluso chamar, pero non transcendeu que impacto tivo en Galicia

Un enxeñeiro galego crea un mecanismo para acelerar as conexións a internet no móbil

Esta proposta da tese de Pablo Fondo, do atlanTTic, é compatible coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración