Martes 19 Marzo 2024

A reutilización de aparellos electrónicos é máis eficiente que a súa reciclaxe

Despois de tres anos de intenso traballo entre cinco departamentos da Universidade de Vigo, Revertia e EnergyLab, o proxecto EcoRaee finaliza cunha clara conclusión: a reutilización dos aparellos eléctricos e electrónicos é máis eficiente que a reciclaxe. Na actualidade, a meirande parte destes produtos son reciclados, fundindo as súas pezas para fabricar outros novos, pero moitas das súas compoñentes son altamente contaminantes.

Equipo Ecoraee
A illa de recilaxe na que se recuperan os ordenadores. Foto: Proxecto EcoRaee

Organismos europeos estiman que o 4% do lixo xerado no continente é electrónico e calcúlase que para 2020 trataranse de forma inadecuada 4,3 millóns de toneladas cada ano de ordenadores, móbiles ou consolas. A reutilización xorde como alternativa ao proceso de reciclaxe, recuperando os aparellos, reparándoos e dándolles unha nova vida. Segundo as análises e demostracións levadas a cabo ao abeiro do proxecto europeo EcoRaee nos últimos anos, non é só unha alternativa, senón que é un proceso máis eficiente e optar pola reutilización fronte á reciclaxe supón un aforro de 45 euros en custes ambientais por cada aparello tratado. Así o explicou José Antonio Vilán, comisionado para o proxecto Vigo Tecnolóxico, que fixo o balance final desta iniciativa xunto co reitor da Universidade, Salustiano Mato.
EcoRaee é o sexto dos 35 proxectos seleccionados na convocatoria 2011 do programa da Unión Europea LIFE+ dentro do subprograma de política medioambiental e gobernanza. Para os tres anos de duración contou cun orzamento total de 1.269.155 €, dos que a UE achegou 622.038 €. “O obxectivo era demostrar o proceso de reutilización de RAEE dirixido a propoñer políticas de regulamentación de conformidade coa lexislación da UE”, explica Vilán. Por parte da universidade viguesa, participaron no proxecto cinco departamentos: Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría Informática, Economía Aplicada e grupo REDE e Dereito Ambiental, xunto coa Oficina de Medio Ambiente.

A preparación dos equipos custa 6 euros

O obxectivo de EcoRaee era constar que a reutilización é económica, técnica e ambientalmente máis eficiente que a reciclaxe no caso de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE). Os investigadores e socios do proxecto fixeron unha demostración dun proceso de reutilización de RAEE para a promoción de estándares de acordo coa normativa europea. “Demostramos algo que se intuía, que a reutilización é máis eficiente, pero fixémolo con números, con datos, calculando ata o último gasto”, explica Vilán. Tendo en conta a cifra de 45 euros de aforro en cada aparello reutilizado e analizando os resultados agregados para o mercado español, se se cumpre o obxectivo do 3% (escenario de mínimos), o beneficio agregado roldaría os catro millóns de euros. Outra cifra que deixa esta análise é o custe do proceso de desmontaxe e preparación dos aparellos, 6 euros por equipo, correspondendo un 75% de contía a custes loxísticos, principalmente de transporte.

Publicidade

O beneficio agregado roldaría os catro millóns de euros

Atendendo a todos estes datos, José Antonio Vilán destacou a necesaria colaboración das autoridades para mellorar a lexislación que incremente e facilite a reutilización e tamén para a concienciación da sociedade, “porque na actualidade case a totalidade dos ordenadores se reciclan, non se reutilizan”. Como exemplo da falta de coñecemento e divulgación neste campo, explicou que as empresas fabricantes están obrigadas a recoller os RAEE, algo que os consumidores descoñecen. “Ata agora, cando se mercaba un televisor, por exemplo, o vendedor debía acceder a recoller o vello, pero agora, coa entrada en vigor do novo real decreto en 2015, deben facelo aínda que non merquemos un novo”. Isto está ligado cunha das recomendacións de modificación do ordenamento xurídico que achegan dende EcoRaee, para que as facturas desglosen o custe de reciclaxe ou reutilización de cada aparello. “Os fabricantes pagan un canon para que alguén se ocupe posteriormente deses procesos, e ese canon trasládase ao comprador e acaba formando parte do prezo de venda do produto”, comenta Vilán. Polo tanto, as empresas están obrigadas a recoller os aparellos vellos ou estragados, xa que o consumidor paga por ese proceso.

Catro procesos demostrativos

Experimento EcoRaee
Experiemento de refrixeración líquida para a creación de clústers de ordenadores. Foto: Proxecto EcoRaee.

As conclusións de EcoRaee corresponden a tres anos de traballo que se centraron en catro procesos demostrativos que deron unha segunda vida a ordenadores en desuso, aínda que como explica o comisionado para o Vigo Tecnolóxico, se podería ter feito tamén con outro tipo de aparellos como lavadoras, neveiras, teléfonos, etc. A primeira demo consiste en usar a CPU como unidade central de adquisición de datos e control. O prototipo deseñado está implantado na Escola de Enxeñaría Industrial e permite controlar a iluminación e aire acondicionado das zonas comúns. A segunda demo centrouse no deseño de clústers de ordenadores, creando equipos moi potentes a partir de CPU en desuso, que funcionan en paralelo para operacións de cálculo matemático moi potentes, como as relacionadas coa xenética. O prototipo, deseñado en colaboración co Cesga, consta de 20 CPU e está no CITI de Ourense. A demo tres emprega os equipos como seguridade perimetral, para protexer redes intranet controlando o acceso a elas dende internet. José Antonio Vilán explica que acúan como unha barreira de seguridade, para o que normalmente se empregan servidores, “pero é máis barato facelo con ordenadores”. As probas desta demo fixéronse en empresas da Confederación de Empresarios de Ourense. Finalmente, no cuarto demostrativo optouse por facer “novos ordenadores a partir das pezas utilizables”. Unha vez instalado o software libre, os equipos foron doados á ONG.
En total, nas dúas illas de reutilización que se crearon (unha na Universidade e outra en Revertia) “xa se reutilización máis de 1000 computadores”, apunta Vilán. Os investigadores apostan porque continúen en funcionamento unha vez rematada a vixencia do proxecto, para que “a OMA poida seguir recuperando equipos e continuar doándoos”.

Os proxectos institucionais dobran a captación de recursos de I+D

O reitor felicitou aos investigadores e parceiros do proxecto e destacou a importancia deste tipo de proxectos institucionais, comandados pola propia Universidade de Vigo que permiten traballar dun xeito diferente que “queremos estender e intensificar e nos está a dar resultados económicos importantes, pero sobre todo xera un cambio de cultura, de maneira de traballar na institución”. Mato aposta por este tipo de estruturas nos proxectos, que facilitan segundo explicou a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial da contorna e ás institucións públicas, pero tamén a relación entre grupos de diferentes ámbitos de coñecemento.
Os proxectos institucionais apostan por buscar oportunidades para xerar resultados que teñan impacto e visibilidade e promovan a colaboración “de todos os activos que temos na Universidade”, de aí nace a idea da especialización, da que foron xurdindo o Campus do Mar, o Campus da Auga, o Vigo Tecnolóxico ou o Campus Crea. Este tipo de apostas permitiu que nos últimos dous anos, como subliñou Mato “a captación de recursos a partir destas iniciativas institucionais sumen máis recursos que os captan os investigadores e investigadoras da Universidade en conxunto”. Este é para o reitor, “o camiño da Universidade do século XXI”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A pegada ambiental do turismo galego: as termas son a actividade máis contaminante

Un estudo nas Rías Baixas no que participan investigadores de Vigo e Santiago conclúe que os festivais e as visitas a xardíns son opcións máis sostibles

Unha nova iniciativa de Clúster TIC impulsa o emprendemento tecnolóxico galego

As propostas seleccionadas contarán co respaldo de socios da entidade para optimizar os seus modelos de negocio

Volve a Galicia o festival de divulgación científica nos bares

É un evento gratuíto e para todos os públicos que terá lugar os próximos días 22, 23 e 24 de maio na Coruña, Santiago, Lugo e Vigo

Tecnoestrés: un fenómeno real pero evitable

As tecnoloxías facilitan a nosa vida, pero o uso descontrolado pode afectar á saúde. Adaptación e organización son as chaves para protexernos