4.000 billóns de operacións por segundo: así será o supercomputador Finisterrae III

O novo equipamento incorpora o primeiro simulador de computación cuántica de 30 qbits instalado en España, que converterá o CESGA en referente neste eido

Na Avenida de Vigo do Campus Sur de Santiago de Compostela atópase un dos ordenadores máis potentes de Galicia. E en pouco tempo, as capacidades do supercomputador do CESGA, do que se nutren infinidade de operacións de equipos científicos que traballan en Galicia, multiplicaranse por doce coa instalación do Finisterrae III, o equipamento que actualmente está en proceso de instalación no edificio do Centro de Supercomputación de Galicia.

Con esta nova ferramenta, o obxectivo do Cesga é seguir sendo un referente en España e en Europa ao incluír 708 procesadores de última xeración Intel Ice Lake, as últimas GPUS de NVIDIA modelo A100, un sistema de almacenamento en disco de 5petabytes e unha Librería de Cintas de 20 petabytes. Para almacenamento local, os nodos inclúen discos de estado sólido SSD NVMe, cunha capacidade agregada de 355 terabytes e unha velocidade de entrada/saída de datos ultrarrápida. Grazas a estes dispositivos acadará unha potencia de cálculo de 4 Petaflops é dicir, é capaz de resolver 4.000 billóns de operacións (10 elevado a 15) por segundo.

Publicidade

No seu conxunto, os nodos do supercomputador dispoñen dunha memoria agregada de 118 terabytes e unha capacidade de almacenamento en disco de 5 petabytes.

O Finisterrae III tamén incorporará o primeiro simulador de computación cuántica de 30 qbits instalado en España, un Atos QLM, que situará ao Cesga como un referente no mundo da computación cuántica.

Publicidade

Este conxunto de software inclúe ferramentas para bioloxía, xenómica, ciencia computacional, enxeñaría de datos, matemática, estatística, dinámica molecular, modelización de estrutura electrónica molecular, química cuántica, modelización de materiais, multifísica ou dinámica computacional de fluídos, entre outras, o que permite ao Cesga dar adecuada resposta á infinidade de demandas científico-técnicas.

A adquisición deste equipo supón un investimento de sete millóns de euros que foi posible grazas ao cofinanciamento achegado polas institucións representadas no padroado da Fundación Cesga, a Xunta de Galicia e o CSIC, así como ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Tras a súa instalación, entrará nun período de probas e despois abrirase o seu uso á comunidade científica galega e aos grupos de investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en todo o Estado. O equipo, do mesmo xeito que os seus antecesores, incorporarase tamén á Rede Española de Supercomputación (RES) e ata un 20% da súa capacidade será posta a disposición de calquera grupo de investigación de países da UE ou asociados.

O pasado ano, o Centro de Supercomputación de Galicia prestou servizo a 692 investigadores e innovadores procedentes fundamentalmente das tres universidades galegas e o CSIC, aínda que neste grupo inclúese tamén a persoal doutras universidades, centros tecnolóxicos e de investigación, administracións e industria.

O uso das infraestruturas contribuíu a 144 proxectos de I+D+i financiados a través de convocatorias competitivas que no seu conxunto mobilizaron máis de 143 millóns de euros, dos que os grupos usuarios captaron máis de 34 millóns de euros. Este financiamento contribuíu a sufragar 189 postos de traballo de moi alta cualificación.

Así, o obxectivo do Cesga é promover a integración do uso destas tecnoloxías por parte dos axentes do tecido produtivo, centros tecnolóxicos, hubs de innovación dixital e, de modo especial, por parte das pemes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta insta á empresa responsable da represa do río Umia a corrixir as deficiencias detectadas

As inspeccións detectaron filtracións que afectan o correcto funcionamento da infraestrutura e do paso previsto para os peixes migratorios

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

A Xunta activa por primeira vez a emerxencia cinexética en toda Galicia ante os danos do xabaril

A medida estará vixente ata o 31 de xullo de 2027 e permitirá intensificar as capturas para reducir os danos na agricultura, os accidentes de tráfico e os riscos sanitarios