Unha empresa galega patenta un sistema para atopar avións accidentados no mar

José María Santiago Fontaíña.
José María Santiago Fontaíña.

Unha empresa galega patentou en Europa, EUA e China un dispositivo para localizar avións accidentados no mar que soluciona as principais carencias das tecnoloxías actuais, permitindo unha rápida e efectiva actuación en caso de sinistro.
José María Santiago Fontaíña dirixe na localidade coruñesa de Ribeira a compañía Indeswittec, que ten como lema ‘Creatividade, investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico’, e especializouse en formular solucións a problemas sociais e ambientais en calquera ámbito. Xa ten concedida a patente en Europa, Estados Unidos e China do denominado Dispositivo para localización de vehículos aéreos accidentados, mentres espera que lla concedan en Canadá, Rusia, Xapón e Brasil.
A empresa explica que os accidentes de aviación no mar “poñen en evidencia a falta de eficacia da tecnoloxía actual, que son as caixas negras, que fan o rexistro de datos de voo e emiten ondas de frecuencia de 37.5 kHz durante 30 días aprox”. O problema é que non teñen contacto vía satélite. A tecnoloxía patentada en Ribeira soluciona este grave problema mediante un dispositivo que, ademais de dispoñer do rexistro de datos de voo, ante un estado de emerxencia do avión, este sae catapultado ben por medios manuais ou automáticos, emitindo ao momento sinais GPS. Ademáis, segundo a empresa, “dun compartimento interior saen unhas láminas moi finas que conforman unha nube metálica doada de detectar antes de que o avión colisione”.

Santiago Fontaíña investiga tras o naufraxio en 2010 do seu pesqueiro en cabo Prior

Outra característica importante é que, no caso que o accidente se produza no mar,o dispositivo “está integrado por elementos que o dotan de flotabilidade, conseguindo deste xeito evitar o seu afundimento, como acontece coas caixas negras“.
Indeswittec tamén ten patentado un sistema antideslizante para automóbiles ou un traxe de seguridade, que garante a supervivencia no mar en condicións extremas.
Visitando a web da empresa Indeswittec é doado descubrir que responde a traxectoria do seu fundador, José María Santiago Fontaíña, que ten unha longa carreira como inventor. De feito, en 2010 chegou a situarse no terceiro posto en España en solicitude de patentes. Este empresario dedica as súas investigacións á seguridade, despois de vivir a experiencia como patrón do naufraxio do seu buque, o pesqueiro “Cordero“, que naufragou en Cabo Prior deixando un morto e catro desaparecidos. O dramático suceso empurrouno a investigar sobre seguridade e crear a súa propia empresa, que rexistra as súas patentes.

Publicidade

1 comentario

  1. Paréceme fantástico si José María é capaz de por en valor toda a sua capacidade de inventiva, que a tén. Crear unha empresa que vive de vender patentes, e patentes útiles é fantástico. E que a teñamos aquí en Galicia, pois mellor ainda.
    Moito ánimo Jose María!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Elisa Patiño, Chichana, a primeira aviadora galega

Esta moza, que morreu debido á gripe de 1918 con só 29 anos, subiu a bordo dun avión con outro pioneiro galego, José Piñeiro

O día con máis voos en avión da historia

A web Flightradar24 rexistrou 202.157 voos en 24 horas, e chegou a haber no aire ao mesmo tempo máis de 19.000 avións

Que foi o que provocou o accidente do Prestige?

Investigadores de Noruega, España e Francia analizaron a posibilidade de que unha onda xigante provocara a fenda no casco do petroleiro

O polo aeronáutico de Rozas investigará en avións non tripulados para incendios e emerxencias

O polo aeronáutico de Rozas investigará en avións non tripulados para...