Venres 11 Outubro 2024

Reganosa e USC gañan o Premio Transferencia de Tecnoloxía de Galicia

A eficiencia enerxética e a saúde bucodental son os temas centrais dos proxectos galardoados nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa segunda edición. O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Ás categorías para pemes e grupos de investigación da primeira edición, súmase agora unha terceira para grandes empresas. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar proximamente en Santiago de Compostela.

O grupo de investigación da USC premiado polo seu traballo en saúde dental.
O grupo de investigación da USC premiado polo seu traballo en saúde dental.

O premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en Reganosa, empresa galega dedicada ao transporte e regasificación de gas natural con sede en Mugardos (A Coruña). A contratación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial da Universidade de Santiago de Compostela (USC) permitiulle á empresa incorporar unha innovadora ferramenta que permite a xestión integral das redes de gas baixo criterios de máxima eficiencia. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos polo seu esforzo no eido da transferencia de tecnoloxía.

Publicidade

O software desenvolvido polos investigadores da USC e transferido a Reganosa, que o usa de xeito estable desde 2014 e que se segue perfeccionando, supera as limitacións das existentes no mercado. A ferramenta deseñada permite analizar a cadea de deselvolmento das redes de transporte de gas dende a súa planificación ata o seu funcionamento en situacións nas que pode perigar a seguridade de subministración.

Tamén foi premiado un grupo de investigación da USC sobre saúde bucodental

A solución desenvolvida baséase na aplicación da matemática industrial para simular, en calquera escenario, o funcionamento das redes de transporte de gas de xeito moi rápido (no caso da española, de 13.000 quilómetros, en menos de 10 minutos). A súa aplicación permite considerar todas as situacións de demanda posibles e tomar decisións de forma eficiente. O rápido incremento do consumo de gas en Europa nos últimos dez anos, a posta en marcha do mercado organizado de gas en España a finais de 2015 e a progresiva unificación dos mercados na Península Ibérica son un contexto de grande oportunidade para esta ferramenta. No caso particular de Galicia, que ten un índice de gasificación de 8, case a metade da media española, é fundamental contar con tecnoloxías como esta, capaz de avaliar as mellores alternativas de deseño das súas futuras conexións.

Publicidade

Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a Evasa. Esta empresa situada en As Pontes (A Coruña) desenvolveu, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias (ITMA), dous novos encapsulantes para a fabricación de vidro laminado, tamén coñecido como vidro de seguridade, que permiten un significativo aforro enerxético para esta industria.

O vidro laminado é o que leva unha capa intermedia de polímero para, en caso de rotura, evitar que se desfaga en perigosos anacos. Utilízase por exemplo en parabrisas ou vidros arquitectónicos. Estas capas intermedias ou encapsulantes son capaces de protexer o vidro fronte á exposición á humidade ou aos raios ultravioleta e manter así a súa integridade co paso do tempo.

Investigación na empresa Evasa.
Investigación na empresa Evasa.

Os materiais máis utilizados como encapsulantes para o vidro laminado supoñen un alto consumo enerxético porque precisan de altas temperaturas de proceso e da climatización dos locais nos que se almacenan. Os novos encapsulantes desenvolvidos integramente por Evasa superan estas desvantaxes porque precisan menos temperatura de proceso e pódense usar ciclos de traballo moito máis curtos no forno, o que se traduce nun importante aforro de enerxía.

Evasa comezou xa a comercializar un dos dous materiais, o que lle supuxo un incremento exponencial das súas vendas en 2015, coa expectativa de dobralas no prazo de dous anos. O segundo material, máis específico, porase a venda este ano, cunhas previsións tamén excelentes. Grazas a estes innovadores produtos, a empresa agarda competir cada vez mellor coas multinacionais que copan este mercado e aumentar así as súas vendas a nivel internacional, tendo en conta que os seus produtos están xa presentes en mercados de 20 países.

O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu nun equipo multidisciplinar da USC. No proxecto colaboraron dez científicos dos departamentos de Microbioloxía e Parasitoloxía e da área de Estomatoloxía e Cirurxía Oral, coa colaboración da empresa catalá Dentaid.

O traballo de ciencia básica que orixinou este proxecto fora xa galardoado co Premio de Investigación da RAGC en 2010. Ao longo destes anos, a investigación avanzou nos seus obxectivos e deu os seus primeiros pasos cara ao mercado, o que lle valeu este novo galardón.

O traballo premiado logrou aplicar no campo da saúde bucodental unha estratexia alternativa aos antibióticos e antisépticos: actuar sobre os procesos de comunicación que establecen as bacterias entre elas para formar a placa dental, retrasando así a súa formación e a aparición de enfermidades como a carie ou a xinxivite. Esta fórmula, sen efectos secundarios e moi efectiva, evita os problemas de resistencias que acaban xerando os antibióticos, así como as alteracións na flora intestinal que estes medicamentos poden provocar.

A viabiliade desta estratexia foi ratificada con ensaios in vitro realizados pola USC e a empresa Dentaid, con bos resultados na redución da formación de placa dental de entre o 80% e o 90% en mostras de pacientes sans e en alomenos do 50% en pacientes con diferentes patoloxías orais. Segundo os investigadores, isto demostra o seu potencial de transferencia á industria biomédica en forma de enxaugues bucais e probióticos.

A cota do mercado é moi elevada, dada a grande incidencia das dúas principais enfermidades bucodentais. A carie, considerada unha pandemia nos países industrializados, afecta a máis do 52% dos escolares galegos de 12 anos. A periodontite é a principal causa da perda de pezas dentais nos adultos de todo o mundo. Ademais, as enfermidades bucais son tamén factores de risco noutras doenzas importantes como as enfermidades cardiovasculares e o cancro oral e de páncreas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

A Academia Galega de Ciencias celebra o ingreso de tres novos académicos correspondentes

Francisco Marcellán, Jorge Martínez e Juan Ramón Sanmartín manifestaron o seu compromiso coa evolución da ciencia en Galicia

A Academia de Ciencias premia a investigación de “alto nivel” producida en Galicia

Os galardóns foron para Diego Peña e Marcos Fernández, máis dúas mencións honoríficas a Luis Carral e Sergio Vila