O programa Restaura Coral sitúa a Galicia “á vangarda” do ‘emprendemento azul’

A iniciativa, que ten por obxectivo crear formación e emprego que contribúan á conservación do medio mariño, chega a Galicia

O programa Restaura Coral, que procura a creación de formación e emprego de calidade no marco de accións contra o cambio climático, especialmente no medio mariño, chega a Galicia. A comunidade é, xunto a Andalucía e Baleares, unha das tres autonomías nas que recalará o programa, co obxectivo de situar a estes territorios “á vangarda do emprendemento azul en Europa”.

Nas vindeiras semanas, Galicia acollerá varias xornadas formativas. A primeira delas terá lugar do 16 de xuño ao 2 de xullo en Espazo Papagaio, na Coruña. E haberá unha segunda no mes de setembro. O programa, con apoio e cofinanciamento do Fondo Social Europeo en colaboración coa Fundación Biodiversidad do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, centrarase no emprendemento azul, o turismo sostible e a restauración de arrecifes e colonias de coral. Trátase dunha acción formativa pioneira para crear formación e emprego de calidade e contribuír a frear o cambio climático, principalmente no que respecta ao medio mariño.

Publicidade

A acción formativa gratuíta Restaura Coral que terá lugar na Coruña en xuño capacitará a un número limitado de participantes, dando prioridade a persoas con diversidade funcional e menores de 35 anos. O obxectivo é que os participantes desenvolvan e melloren as súas competencias emprendedoras nunha área tan innovadora como a restauración do medio mariño. O programa, que será presencial e en horario de mañá, contará con todos os protocolos e medidas de seguridade e prevención marcados polas autoridades sanitarias.

As xornadas inclúen tamén a participación de expertos internacionais sobre emprendemento azul ou ecoturismo e unha visita á granxa de coral en Viveiro.

As inscricións nestas accións gratuítas cofinanciadas polo FSE para a formación e un emprego de calidade son limitadas e pódense realizar a través de fse@restauracoral.com.

O programa seleccionará as cinco iniciativas de emprendemento máis viables desenvolvidas durante as accións de innovación social, e proporcionaráselles os coñecementos e ferramentas para a creación dunha empresa sostible

Reactivación ‘azul’

Nun contexto de reactivación da economía despois da pandemia da Covid-19, o proxecto ofrece novas oportunidades para a xeración de emprego na liña co Pacto Verde Europeo. Ademais das accións formativas, o programa contempla o acompañamento na creación de empresas azuis sostibles. O programa seleccionará as cinco iniciativas de emprendemento máis viables desenvolvidas durante as accións de innovación social, e proporcionaráselles os coñecementos e ferramentas para a creación dunha empresa sostible, responsable e en beneficio do medio mariño e da comunidade local.

O uso de metodoloxías participativas e a posta en práctica de medidas de accesibilidade universal e redución da pegada ambiental, incluíndo o non uso de papel, a cooperación con entidades locais e provedores km. 0 ou a redución e compensación das emisións de CO2 son parte do plan integral de #Restaura coral que traballa para inspirar ás persoas, entidades e empresas para impulsar un cambio de paradigma xeneralizado a través dun compromiso real co medio ambiente e as cidades e comunidades sostibles.

Segundo Óscar Caro, director creativo do programa Restaura Coral, “esta acción reafirma o compromiso internacional de impulsar a economía circular na contorna da Unión Europea, contribuíndo a posicionar España e as comunidades galega, andaluza e balear á vangarda de Europa, como referentes en desenvolvemento sostible e en modelos innovadores para contribuír á transición ecolóxica, a restauración dos ecosistemas e frear o aumento da temperatura dos mares e océanos”.

O programa Restaura Coral dá resposta a diversas problemáticas ambientais e sociais de actualidade: reducir a erosión costeira e a contaminación atmosférica a través de iniciativas de recuperación dos arrecifes e colonias de coral; impulsar a conservación dos ecosistemas e a biodiversidade mariña; promover as oportunidades laborais de colectivos en risco de exclusión social (persoas con diversidade funcional e mozos menores de 35 anos) a través de modelos de negocios azuis que impacten de forma positiva na conservación e recuperación dos ecosistemas e os hábitats mariños. Tamén persegue promover o turismo sostible e a economía circular e azul, contribuíndo á competitividade internacional da Unión Europea, á eficiencia no uso dos recursos, á creación de emprego e ao nacemento de novas fontes de crecemento, salvagardando a biodiversidade, protexendo o medio mariño e preservando así os servizos que prestan os ecosistemas mariños e costeiros se se manteñen sans e fortes.

Segundo os expertos, ata 2030 a economía circular xerará un beneficio de 1,8 billóns de euros no conxunto da Unión Europea, o que supón 0,9 billóns máis que o actual modelo de economía lineal. Segundo o Programa de Acción de Residuos e Recursos da UE, a economía circular, ademais podería crear preto de tres millóns de postos de traballo e reducir en 520.000 o número de desempregados nos Estados membros para o ano 2030.

O coral en Galicia

Os arrecifes de coral son animais coloniais, dos cales depende ata o 25% das especies mariñas. Os expertos estiman que a poboación desta especie diminuíu un 80% nos últimos cen anos. O programa da Organización de Nacións Unidas para o Medio Ambiente declarou 2018 como o Ano Internacional do Arrecife e impulsou unha campaña mundial para crear conciencia sobre o valor e a importancia destes especímenes, as ameazas á súa sustentabilidade, e motivar aos cidadáns, empresas e Gobernos a tomar medidas para protexelos.

Os arrecifes de coral españois son colonias coralinas repartidas por todo o territorio marítimo. España é dos primeiros países europeos en canto a biodiversidade mariña. En Galicia existe un banco a uns 260 km ao oeste de Vigo cunha importante concentración de Lophelia ou comunmente chamados corais de auga fría que potencian a biodiversidade mariña dada a súa asociación co ciclo vital de moitos organismos mariños. O coral pode vivir máis de 100 anos, crece entre 3 e 5 milímetros anuais e é unha ferramenta fundamental para achegar solucións reais ao cambio climático e ao coidado do planeta.

Restaura Coral está organizado por Eleven, un estudo creativo, de desenvolvemento de ideas, programas e experiencias, orientado a promover a innovación sostible, a accesibilidade universal e o deseño responsable. Eleven idea e impulsa solucións e programas con especial atención ao aspecto ambiental e social, para asegurar que producimos un legado que permita ás presentes e futuras xeracións estar orgullosas das nosas decisións.

O Programa Empleaverde, unha iniciativa da Fundación Biodiversidade ten como obxectivo crear emprego e apoiar a creación e consolidación de empresas na economía verde e azul, con especial foco nunha economía baixa en carbono, unha economía circular e na Rede Natura 2000. Ata o de agora, o Empleaverde cofinanciou 339 proxectos, colaborando con 500 organizacións, apoiando a 1.300.000 destinatarios e creando 2.600 empresas e liñas de negocio en sectores económicos vinculados ao medio ambiente.

O Fondo Social Europeo (FSE), creado en 1957, é o instrumento financeiro máis importante para fomentar o emprego e a inclusión social. Inviste nas persoas e axúdalles a mellorar a súa preparación e perspectivas laborais, garantindo maior igualdade de oportunidades para todos. Cada ano en Europa, o FSE axuda a que 15 millóns de persoas atopen traballo ou melloren as súas capacidades para facelo no futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se emprega o son mariño para conservar as especies das augas galegas

Un equipo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo desenvolve ferramentas acústicas para peixes como a raia riscada, considerada vulnerable

Un equipo galego busca solucións ao ruído mariño: “As ameixas agóchanse para protexerse”

Instalan equipos preto de Cortegada para rexistrar a contaminación sonora e barallan a implantación de motores eléctricos como alternativa

É posible cultivar ourizo de mar? Un equipo de Vigo busca alternativas para frear a sobreexplotación

Científicos do Centro de Investigacións Mariñas analizan as cinco especies de Galicia, moi pouco estudadas ata o de agora

Repoboan unha zona do Morrazo con 30.000 xuvenís de ourizos de mar

Un proxecto liderado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo en colaboración coa confraría de Cangas desenvolve novas técnicas de cultivo da especie