Venres 19 Abril 2024

Científicos galegos demostran o vínculo entre sistema inmunitario e envellecemento

Unha investigación con peixes cebra atopa que a mutación dun xene implicado na resposta inmune está asociada a un envellecemento prematuro

Un equipo internacional con participación de varios investigadores galegos revelou nun estudo con peixes cebra (Danio rerio) que o sistema inmunitario xoga un papel fundamental no envellecemento. O resultado, publicado na revista Aging Cell, é froito de máis de dez anos de traballo no marco do proxecto europeo FishforPharma e de proxectos do Plan Estatal, e está asinado, entre outros por investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC, en Vigo, e do Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS) de Santiago de Compostela.

Os investigadores estudaron a mutación dun xene que provoca a falta de resposta inmune específica, é dicir, a ausencia de anticorpos. “O principal achado radica na observación de que a mutación do devandito xene (o Rag1) en peixe cebra vai asociada a un envellecemento prematuro, menor vida media e alteracións morfolóxicas típicas da idade. Esta consecuencia pódese explicar porque o exceso de inflamación que teñen os peixes mutantes xera un estado de estrés oxidativo que dana o ADN e acelera o envellecemento”, explica Antonio Figueras, profesor de investigación do IIM de Vigo e membro do grupo que liderou o estudo.

Publicidade

“A mutación, ademais, parece afectar á capacidade de reparar outras zonas do ADN celular. A maior resistencia dos peixes mutantes, que fai que non sufran máis infeccións que os peixes non mutantes, a diferenza dos mamíferos, permitiunos establecer un modelo de envellecemento e poder estudar non só os mecanismos implicados, senón establecer un excelente modelo para avaliar tratamentos fronte ao envellecemento celular”, engaden os investigadores.

“De feito, puidemos avaliar a eficacia de distintos compostos que son capaces de reducir a acumulación de células envellecidas e de contrarrestar os efectos asociados á idade. Por tanto, estes metabolitos postúlanse como atractivos compostos para paliar os efectos adversos xerados polo paso do tempo”, explica Patricia Pereiro, investigadora.

A investigación estivo liderada por Beatriz Novoa e Antonio Figueras, do Grupo de Inmunología e Xenómica do IIM e contou coa colaboración de investigadores das universidades de Murcia e Miguel Hernández, Hospital Clínico Universitario Virgen de la Arrixaca, IDIS de Santiago e Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria.

O traballo centrouse no estudo do xene Rag1 en peixe cebra, para comparar os seus resultados cos obtidos noutros traballos acerca deste xene en mamíferos. “O estudo con peixe cebra, cuxo xenoma está totalmente secuenciado, ofrece múltiples vantaxes para a investigación fronte aos tradicionais ratos de laboratorio: pode manterse en grandes cantidades en instalacións sinxelas, ten unha alta taxa reprodutiva e rápido desenvolvemento embrionario e larvario e durante os seus primeiros anos de vida é facilmente manipulable a nivel xenético”, explica Novoa.

Referencia: Rag1 immunodeficiency‐induced early aging and senescence in zebrafish are dependent on chronic inflammation and oxidative stress (Publicado en Aging Cell).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte