Un estudo en ratos alumea o camiño dunha posible vacina contra o alzhéimer

Un novo enfoque abordado por científicos británicos e alemáns conseguiu reducir os síntomas da doenza nestes modelos animais

Os investigadores están agora preparando ensaios clínicos para avanzar neste novo enfoque contra o alzhéimer. Foto: Universidade de Leicester.
Os investigadores están agora preparando ensaios clínicos para avanzar neste novo enfoque contra o alzhéimer. Foto: Universidade de Leicester.

Un traballo desenvolvido por científicos do Reino Unido e Alemaña, e cuxos resultados avanza a revista Molecular Psychiatry, pode ser un dos primeiros pasos para afrontar con novas armas unha das enfermidades con maior impacto no presente e nas vindeiras décadas, como é o alzhéimer. Este equipo de investigadores desenvolveu estudos en ratos cos que conseguiron reducir os síntomas da doenza a partir dun tratamento de anticorpos e unha vacina baseada en proteínas.

Segundo explica a Universidade de Leicester, á que pertence parte do equipo, “no canto de centrarse na proteína beta-amiloide, asociada habitualmente co alzéimer, o anticorpo e a vacina diríxense a unha forma soluble e distinta da proteína, da que se cre que é altamente tóxica. Algúns científicos consideran que unha alta proporción das manifestacións de beta-amiloide poden acurtarse ou tronzarse, e que ao acontecer isto están implicadas de forma decisiva no progreso da enfermidade.

Así o explica o profesor Thomas Bayer, do Centro Médico Universitario de Göttingen: “Nos ensaios clínicos, ningún dos tratamentos potenciais que disolven as placas amiloides no cerebro mostraron moito éxito en termos de reducir os síntomas de Alzheimer. Mesmo ás veces observáronse efectos secundarios negativos. Entón, decidimos un enfoque diferente. Identificamos un anticorpo en ratos que neutralizaría as formas tronzadas da beta amiloide soluble, pero que non se uniría nin ás formas normais da proteína nin ás placas”.

Con este coñecemento, varios dos membros do equipo adaptaron o citado anticorpo para que o sistema inmunitario humano non o recoñecese como estraño e fose aceptado. Cando se analizou como e onde se unía este composto (chamado TAP01_04) á forma tronzada de beta-amiloide, chegou a sorpresa. Viron que a proteína implicada no alzhéimer estaba dobrada sobre ela mesma, nunha estrutura en forma de forcada.

“Esta estrutura nunca se vira antes na beta-amiloide. Porén, o achado dunha estrutura tan definida permitiu ao equipo deseñar esta rexión da proteína para estabilizar esta ‘forcada’ e unirse do mesmo xeito ao anticorpo. A nosa idea era que esta forma modificada podería potencialmente ser usada como vacina, para activar o sistema inmunitario e producir anticorpos TAP01_04″, segundo explica o profesor Mark Carr, do Instituto de Bioloxía Química e Estrutural da Universidade de Leicester.

Posteriormente, ao probar esta proteína modificada en ratos, atoparon que os individuos que recibían esta especie de ‘vacina’ producían anticorpos do mesmo tipo. Despois, o grupo da universidade alemá de Göttingen probou o anticorpo “humanizado” e a vacina beta amiloide modificada, chamada TAPAS, en dous modelos de rato distintos para a enfermidade de alzhéimer.

A partir de técnicas de imaxe semellantes ás usadas para diagnosticar esta doenza en humanos, observaron que tanto o anticorpo como a vacina axudaron a restaurar a función neuronal, aumentar o metabolismo da glicosa no cerebro, restaurar a perda de memoria e reducir a formación das placas de beta-amiloide.

Segundo Preeti Bakrania, tamén autor do traballo, e científico do centro de investigación LifeArc, os resultados observados son “realmente prometedores para a enfermidade, ben como anticorpo terapéutico ou como vacina”. Engade que “o anticorpo humanizado TAP01_04 e a vacina TAPAS son moi diferentes aos usados anteriormente en ensaios clínicos sobre a enfermidade, porque se dirixen a unha forma distinta da proteína beta-amiloide”.

Tanto Bakrania como Mike Carr, outro dos autores do traballo, coinciden en sinalar que “se o tratamento ten éxito, podería transformar a vida de moitos pacientes“, xa que “abre a posibilidade non só de tratar o alzhéimer unha vez se detectan os síntomas, senón tamén de vacinar potencialmente contra a enfermidade”. Agora, os autores do traballo están á procura dun socio comercial para financiar o desenvolvemento do anticorpo e a posible vacina a través de ensaios clínicos.


Referencia: Discovery of a novel pseudo β-hairpin structure of N-truncated amyloid-β for use as a vaccine against Alzheimer’s disease (Publicado en Molecular Psychiatry).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.