Un dos investigadores participantes no achado do sistema para a detección de toxinas. Foto: Campus Terra USC.
Un dos investigadores participantes no achado do sistema para a detección de toxinas. Foto: Campus Terra USC.

O Campus Terra patenta un sistema para extraer toxinas dos alimentos

O grupo de investigación Farmatox, que coordina o catedrático de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Luis M. Botana e con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC,  vén de patentar un sistema ou procedemento para a extracción de toxinas na cadea alimentaria (alimentos, pensos, bebidas e agua) a traves do emprego de compostos (nanopartículas) baseados en estruturas híbridas magnéticas.

Esta invención ou método de destoxificación  é resultado dun proxecto Interconecta centrado na eliminación de micotoxinas e no que, ademais do grupo Farmatox, en colaboración con a profesora de Agricultura Mª Jesús Sáinz, responsable da identificación de fungos, tamén participan a multinacional francesa de solucións nutricionais Evialis, a través da súa planta de Sada, Custom Drinks, a spin-off da USC Cifga, con sede en Lugo, e o grupo de Física da USC liderado polo catedrático de Electromagnetismo José Rivas Rey, responsable da elaboración das nanopartículas magnéticas.

 O sistema emprega nanopartículas con imáns para separar as toxinas dos alimentos

As micotoxinas, substancias tóxicas producidas por fungos que crecen en alimentos en determinadas condicións de humidade e cambios de temperatura, constitúen unha problemática de seguridade alimentaria que vai en aumento por mor dos efectos do cambio climático e do comercio internacional de cereais e outros produtos, co que se globaliza o problema, sinala Botana, quen tamén considera laxa ou pouco estrita a lexislación vixente ao respecto, xa que ademais de regula valores máximos de toxinas, moitas das micotoxinas non se coñecen ou están en condicións químicas ocultas (toxinas en forma de precursores).

O catedrático da área de Farmacoloxía da USC explicou que o proceso o método patentado para extraer as micotoxinas semella moi sinxelo, pero o certo é que agocha detrás moita tecnoloxía e anos de traballo e colaboración interdisciplinar. Evialis, achegou á investigación todo a materia prima e as fariñas problemáticas para a súa análise, o grupo da profesora María Jesús Sáinz ocupouse do estudo dos fungos advertidos nese material, os membros de Farmatox comprobaron analíticamente as toxinas que se  producen, mentres que Cifga avanzou na estandarización e obtención de patróns de micotoxinas de cereais, explica. Finalmente, o grupo de Física de José Rivas encargouse de desenvolver as nanopartículas magnetoquímicas que captan estas substancias tóxicas e que, a posteriori, poden extraerse cun imán de gran potencia.

 Na colaboración participaron físicos, veterinarios, biólogos, químicos e empresas

O procedemento patentado baséase na elaboración de partículas magnéticas compostas con distintos materiais na súa superficie, de modo que manifesten afinidade química cara as toxinas de interese. Debido á distinta natureza destes compostos, utilízanse superficies específicas para cada tipo de toxina. As partículas compostas póñense en contacto con matrices contaminadas por micotoxinas, durante un tempo, para permitir o proceso de absorción, e posteriormente extráense mediante o uso de imáns permanentes, de tal forma que as toxinas se poden recuperar da súa superficie.

A utilización de estruturas magnéticas híbridas de distinto tamaño (decenas-centenas de micrómetros) é unha estratexia para optimizar a eliminación magnetoquímica de toxinas lipofílicas ou hidrofílicas da cadea alimentaria. Baséase no feito de que, a maior tamaño de partícula, e dependendo da textura e densidade da matriz en que se trate, mellor e máis eficaz será a captura das mesmas cos imáns permanentes. En alimentos e pensos en fase sólida sobre os que se utilicen, especialmente fariñas, será máis difícil a extracción das partículas de tamaño máis pequeno. En industrias alimentarias que inclúan nos seus procesos algunhas etapas en fase líquida (por exemplo a obtención de grans secos de destilería para pensos) ou en plantas de procesado de bebidas ou de auga, a interferencia coa captación de nanopartículas de menor tamaño é moito menor.

O procedemento de destoxificación que vén de patentar o grupo de investigación liderado polo catedrático da USC Luis M. Botana antóllase como un avance con incidencia directa no ámbito da seguridade alimentaria, xa que posibilita a eliminación de substancias tóxicas (micotoxinas) de pensos (cereais, fariñas…) empregados para a alimentación, pero, entre outras posibles utilidades, tamén resulta acaído para proceder á depuración de augas ou moluscos contaminados afectadas por toxinas naturais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.