Por que temos a boca seca? Causas e tratamento da xerostomía

Malia non ser unha enfermidade, senón un síntoma, a secura bucal pode estar detrás de problemas como a halitose, a ronqueira ou a dificultade para falar

A xerostomía, ou sensación de boca seca, é o resultado dun fluxo inadecuado de saliva. Con todo, a secura de boca non é unha enfermidade en si mesma, senón un síntoma que pode estar provocado, ente tantas cousas, por algunha enfermidade sistémica ou efecto secundario de certos medicamentos ou tratamentos. Pese a tratarse dun síntoma, esta incorrecta produción de saliva non debe pasar desapercibida.

A súa importancia é tal que o corpo produce, ao día, preto dun litro de saliva. Sen esta, as caries e outras enfermidades poderían avanzar dunha maneira moi rápida. “A saliva é a principal defensa da boca contra a carie dental, xa que esta degrada os elementos e outros refugallos, neutraliza ácidos producidos polas baterias na boca e proporciona substancias que combaten enfermidades na boca”, sinala Simón Pardiñas López, director médico da Clínica Pardiñas e especialista en Cirurxía Oral e Periodoncia

Publicidade

A importancia da saliva na saúde bucodental

Malia o papel fundamental de procedementos externos á hora de manter unha hixiene bucal axeitada, estes non son capaces de eliminar todos os microbios da boca por si sós. Para manter a boca libre de xermes, é necesaria a colaboración da saliva que, composta por unha mestura de enzimas, reguladores, anticorpos e nutrientes, é quen de actuar contra os organismos patóxenos.

Amais, resulta un aliado fundamental no proceso de traballo dos dentes e das enxivas, posto que os seus ezimas inician o proceso de dixestión dos alimentos, descompondo os hidratos de carbono en unidades máis pequenas e azucres simples. Segundo explica Pardiñas, “precisamente estes azucres son utilizados polas bacterias para alimentarse e producir ácidos, pero a saliva regula o pH da boca, evitando o seu desenvolvemento”.

Xunto con esta función dixestiva e antibacteriana, na saliva tamén están presentes certos minerais, especialmente o calcio e o fosfato, que son os ingredientes dos que se compoñen os dentes. Así, a saliva axuda a remineralizar a dentadura e a reparar pequenas lesións no esmalte.

As causas dunha boca seca

Algúns medicamentos antihistamínicos, desconxestionantes, analxésicos, diuréticos, antihipertensivos ou antidepresivos poden xerar unha certa secura de boca nos seus consumidores, ao igual que os tratamentos de quimioterapia e radioterapia.

Noutros casos, a secura na boca pode ser un indicador da síndrome de Sjörgen. Un trastorno autoinmune crónico no que o sistema inmunitario do corpo ataca por erro as súas propias glándulas produtoras de saliva e bágoas, así como outros órganos. Xunto a esta efermidade, a diabetes tamén pode producir xerostomía.

Ademais dos medicamentos e enfermidades sistémicas, a boca seca tamén pode ser xerada por algún problema nas glándulas salivais, ou por ter unha respiración continua a través da boca, moi habitual durante os catarros.

Problemas relacionados coa secura de boca

A secura de boca é unha das causas máis frecuentes da halitose. Cando non hai saliva suficiente, os restos de alimentos non se eliminan, o que adoita xerar un maior volume de placa nos dentes e na lingua, e o seu consecuente mal cheiro. Xunto con esta, existen outras problemáticas vinculadas á xerostomía:

  • Secura e dor de gorxa constante. Por mor da falta de saliva, as mucosas que recubren a gorxa seca, podendo chegar a provocar malestar.
  • Sensación de ardor na boca. A falta de lubricación nas mucosas pode xerar unha sensación de queimadura tanto en lingua, enxivas, como fazulas.
  • Secura nas fosas nasais.
  • Ronqueira. As vías respiratorias necesitan lubricación para poder funcionar correctamente, tanto a nivel fisiolóxico como defensivo.
  • Boca pastosa. O fluxo disminuído de saliva pode provocar que esta sexa máis densa e xere unha sensación de boca pastosa.
  • Beizos gretados. Unha correcta hidratación dos beizos é fundamental para manter o seu estado saudábel.
  • Chagas. A falta de saliva provoca que as mucosas estean menos protexidas fronte a úlceras e aftas.
  • Maior incidencia de carie. A saliva é a principal defensa do corpo fronte ás caries, polo que estas poden desenvolverse máis facilmente se o fluxo de saliva diminue
  • Dificultade para falar. Unha lubricación inadecuada de boca pode dificultar a pronuncia das verbas.
  • Dificultade para tragar. A saliva axuda ao bolo alimenticio a deslizarse polo sistema dixestivo, polo que a súa ausencia pode dificultar este proceso.

Tratamentos contra a xerostomía

Para solucionar os problemas de boca seca e restaurar a humidade, o máis aconsellábel é o aumento da inxesta de auga. Xunto a isto, tamén é recomendable reducir a inxesta de alimentos azucrados ou picantes, así como diminuír o consumo de alcohol e tabaco.

Doutra banda, o consumo de caramelos ou goma de mascar sen azucre pode axudar a estimular o fluxo de saliva, e a humidade pódese substituír mediante o uso de saliva artificial e enxagues orais. Nos casos máis extremos, o dentista tamén pode receitar o uso de medicamentos que estimulen a produción de saliva.

En colaboración con Clínica Pardiñas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os riscos do ‘piercing’ na boca e como evitalos

Este tipo de perforacións están de moda, pero non son inofensivas, poden causar numerosas complicacións e lesións

Un estudo busca atopar a relación entre e a saúde bucodental e a do resto do corpo

A Fundación Clínica Pardiñas busca pacientes con periodontite para participar nun traballo sobre a eficacia de diferentes enxaugues bucais para a súa prevención

A saliva do verme da cera contén encimas que degradan o plástico

O achado, realizado por un equipo de investigadores do CSIC, podería ter numerosas aplicacións no tratamento e reciclaxe deste tipo de residuos

Un estudo da USC identifica novos biomarcadores do cancro colorrectal, de cabeza e colo

Unha tese da Universidade de Santiago identifica novos biomarcadores para diagnosticar a enfermidade a través de estratexias novidosas