Xoves 18 Abril 2024

Halitose: como aparece, por que e como evitala e solucionala

O mal hálito, ademais dun problema social, pode agochar algunhas patoloxías bucodentais que deben ser tratadas

É unha sensación incómoda para quen o padece e para quen o percibe. A halitose, tamén coñecida como mal hálito, afecta a un 25% da poboación, o que provoca unha importante repercusión social e pode chegar a afectar á vida cotiá das persoas.

Causas da halitose

En condicións ‘normais’, o alento humano non ten mal cheiro, e pode desprender un olor lixeiramente doce, aínda que pode variar en función dos días. Porén, existen diversos factores que inducen a aparición deste mal olor. “En preto do 85% de todos os casos de halitose o problema atópase na boca”, expón Simón Pardiñas, director da Clínica Médico Dental Pardiñas.

Publicidade

A orixe está, en boa medida, na microbiota que habita na cavidade bucodental. “A lingua posúe unha maior cantidade de carga bacteriana que calquera tecido oral e fai a maior contribución ao número total de bacterias presentes na saliva”, polo que “as bacterias que se acumulan nela producen uns gases que ocasionan cheiros desagradables”, engade Pardiñas.

Se non se acomete unha boa hixiene oral, a aparición de placa, a carie, os problemas nas enxivas, as infeccións na boca poden contribuír á aparición de halitose. Con todo, hai outros factores, como os cambios hormonais ou a morfoloxía da lingua, que tamén poden influír. Simón Pardiñas apunta outros factores, como os portadores de próteses fixas mal adaptadas, que provocan un  acúmulo de residuos que se non se eliminan iranse descompoñendo, ou os  removibles que non se manteñen en condicións hixiénicas correctas.

Alén disto, a halitose pode producirse tamén por mor da xerostomía, tamén coñecida como boca seca. “Ten múltiples causas como poden ser enfermidades sistémicas (Síndrome de  Sjögren, diabetes…) ou por efecto secundario de moitos medicamentos como  antihipertensivos ou antidepresivos”, detalla o odontólogo da Clínica Pardiñas. Este tipo de pacientes “normalmente posúen un maior volume de placa nos dentes e na lingua, o cal provoca mal cheiro”, o que se debe “á falta de saliva e, por tanto, á falta da súa actividade antimicrobiana, que á súa vez aumenta a frecuencia de carie”. Neste sentido, é recomendable, no caso das persoas con tendencia a ter a boca seca, mastigar chicles dentais sen azucre e hidratarse de forma habitual.

En menor medida, as persoas cunhas enxivas sas tamén poden ter halitose, debido á presenza de restos de comida, bacterias,  glóbulos brancos e células  epiteliais descamadas que se acumulan principalmente no dorso da lingua. Alimentos como o allo, cebola, os picantes, alcol e restos de comida producen, do mesmo xeito, este mal hálito.

Enfermidades

“Nun 10% dos casos a halitose non é de orixe oral, senón debido a enfermidades noutras partes do corpo como a enfermidade hepática, renal, diabetes, farinxite, sinusite, etc. É moi importante saber que a halitose de causa extraoral pode ser o sinal dunha enfermidade  sistémica subxacente”, salienta Simón Pardiñas, polo que “podería ser necesario nestes casos organizar consultas con outros especialistas médicos para poder tratalo”. Con todo, apunta o odontólogo, “menos do 2% dos casos de halitose é producido por problemas de estómago”, aínda que a crenza xeral é de que esta porcentaxe é maior.

O mal alento matinal

Simón Pardiñas aclara, con todo, que cómpre diferenciar a halitose do mal alento que podemos ter ao erguérmonos pola mañá. “Non é halitose propiamente dita, senón que é un estado fisiolóxico temporal debido á diminución da produción de saliva durante a noite, o cal aumenta a formación de bacterias. O problema desaparece en canto se procéde ás medidas de hixiene rutineiras”, explica.

Como tratar a halitose?

O primeiro paso para evitar a posible aparición da halitose é a prevención, mediante o cepillado dental tres veces ao día: ao erguerse pola mañá, despois da comida do mediodía e inmediatamente antes de deitarse pola noite. Se, como pode acontecer ás veces, se come fóra da casa, non é posible facer a limpeza no momento, deberá facerse en canto sexa posible. “Se non hai máis remedio pódese, excepcionalmente, prescindir da limpeza do mediodía, pero de ningún modo deben deixar de practicarse a matinal e a nocturna”, apunta Simón Pardiñas.

Todas estas recomendacións, xunto á convenciencia de someterse a unha revisión e limpeza bucal profesional cada seis meses aproximadamente, contribúen a ter unha saúde bucodental axeitada que pode previr, en boa medida, a aparición da meirande parte dos problemas de  halitose ou mal alento.

Dun ou doutro xeito, a limpeza, recorda o odontólogo, debe ser exhaustiva e correcta. “Deberanse cepillar tamén a parte interior das fazulas e a lingua, procurando chegar nesta o máis cara atrás posible”, usando os raspadores linguais dos cepillos para limpar a lingua.

Deste os servizos de saúde bucodental, os profesionais poden abordar o problema a través da análise de mostras bucais para analizar que tipo de bacterias provocan este mal hálito e, deste xeito, orientar o tratamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os riscos do ‘piercing’ na boca e como evitalos

Este tipo de perforacións están de moda, pero non son inofensivas, poden causar numerosas complicacións e lesións

Un estudo busca atopar a relación entre e a saúde bucodental e a do resto do corpo

A Fundación Clínica Pardiñas busca pacientes con periodontite para participar nun traballo sobre a eficacia de diferentes enxaugues bucais para a súa prevención

Un investigador da USC deseña un sistema para calcular idade e sexo en radiografías dentais

A tese doutoral de Nicolás Vila basease nunha metodoloxía de alta precisión e de fácil implantación que reduce os tempos e usa a intelixencia artificial

Que causa a perda de esmalte? Tipos e tratamentos do desgaste dental

A perda da estrutura dental máis externa, que tamén provoca a caída dos dentes, pode ter varias causas, así como solucións acordes a estas