Santiago busca novos fármacos contra a dor crónica

Un momento da inauguración da nova unidade do CIMUS.
Un momento da inauguración da nova unidade do CIMUS.

“Estamos poñendo talento ao dispor da sociedade”, manifestou a profesora Mabel Loza na inauguración este luns da Unidade Mixta de I+D que a USC e o laboratorio Esteve lideran para o desenvolvemento de fármacos contra a dor crónica no Centro singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). O reitor Juan Viaño e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, encabezaron a comitiva de autoridades presentes nesta xornada inaugural na que tamén figuraban a coordinadora do grupo de investigación Biofarma, Mabel Loza García; a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes; o director do CiMUS, Carlos Diéguez; o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey; e, por parte de Esteve, o director de Descubrimento de Fármacos e Investigación Preclínica, José Miguel Vela; o director de Famacoloxía, Manuel Merlos; o director de xestión da carteira de I+D, Antonio Párraga.
A alianza entre o sector público e privado da man da USC e Esteve manifesta “a alta capacidade da nosa investigación” subliñou o reitor Juan Viaño, e “consolida un modelo de investigación e desenvolvemento en rede na procura da excelencia”. José Miguel Vela compartiu estes argumentos agradecendo unha colaboración que considera posible “grazas ao intenso traballo e á experimentación neste campo da USC e a axuda da Xunta de Galicia”. Neste mesmo senso, Francisco Conde dixo que a a colaboración e a confianza entre USC e Esteve “permiten acelerar a necesaria transferencia de coñecemento” á sociedade en forma de valor engadido e mellora das condicións de vida.

A Axencia Galega de Innovación achega o 30% do financiamento

O grupo BioFarma da USC e Esteve impulsan esta Unidade Mixta que conta co apoio da Axencia Galega de Innovación que recoñece a excelencia da proposta e achega o 30% do financiamento deste proxecto. Cun horizonte de tres anos e un orzamento inicial de tres millóns de euros, a Unidade Mixta espera acurtar os prazos na obtención de resultados e abrir as portas á comercialización dunha nova xeración de medicamentos analxésicos máis eficaces, seguros e que abarquen máis tipos de dor que os actuais. Os promotores da Unidade tamén agardan un impacto económico e sanitario elevados coa creación de emprego de alta cualificación e o desenvolvemento de novas tecnoloxías preditivas.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que a dor é un dos motivos de consulta máis frecuente (22%) en atención primaria en Europea, América, Asia e África. Ademais, a International Association on the Study of Pain (IASP) e a European Federation of the IASP Chapters (EFIC) destacan que, aínda que a dor aguda se considere un síntoma de enfermidade ou lesión, a dor crónica e recorrente constitúe especificamente unha enfermidade ou síndrome. Así, está considerado un dos grandes problemas actuais da saúde pública, tanto pola súa prevalencia mundial como polos custes económicos, sociais ou psicolóxicos que conleva.

Publicidade

Algúns expertos defenden que a dor crónica non é só un síntoma senón un síndrome

O traballo da nova Unidade centrarase no desenvolvemento de novos ensaios experimentais en dianas innovadoras para o tratamento da dor, na identificación de compostos activos nestas dianas e na avaliación de fármacos en relación coas dianas propostas e antidianas. Ademais vai traballar na caracterización de compostos mediante estudos funcionais en sistemas celulares, realizarán estudos de farmacocinética preliminar in vitro e in vivo e executarán estudos de seguridade preliminar.
BioFarma e Esteve colaboran dende o ano 2004 na execución de programas de descubrimento de fármacos e participaron como socios en proxectos de alcance internacional. Baixo a dirección da profesora Mabel Loza, o grupo BioFarma achega ao proxecto a súa experiencia investigadora no desenvolvemento de ensaios in vitro en fases temperás do descubrimento de fármacos, con máis de quince anos de experiencia e un cadro de investigadores/as especializado. Pola súa banda, Esteve achegará persoal e coñecementos para ensaios in vivo, xunto co deseño e síntese de novos compostos químicos.
Emprazado no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e considerado un referente internacional no seu ámbito, o grupo de Mabel Loza está especializado en investigación aplicada ao descubrimento temperá de fármacos en colaboración coa industria farmacéutica e biotecnolóxica. Esteve é unha empresa farmacéutica española líder no sector, cun volume de ventas de 818 millóns de euros en 2013 e unha inversión en I+D+i de 60 millóns de euros nese mesmo ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego permitirá que os bancos actualicen a súa criptografía sen cambiar as formas de pago

Qryption é unha iniciativa do centro tecnolóxico Gradiant pola que poderán centralizarse os sistemas criptográficos financeiros nun só punto de xestión, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Un estudo con participación galega asocia o sangrado menstrual abundante con depresión máis grave

A investigación relaciona a dor intensa, a maior frecuencia de síntomas premenstruais, os tabús e a falta de participación social cunha peor saúde mental

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso