Venres 19 Abril 2024

‘A biopsia líquida será unha ferramenta moi poderosa contra o cancro’

Unha entrevista de Jesús Méndez / Axencia Sinc

A biopsia líquida é unha das grandes esperanzas para loitar contra o cancro. En Galicia, o grupo Oncomet liderou este ano unha campaña de mecenado para investigar neste sentido, coa que recadaron máis de medio millón de euros. O científico chinés Dennis Lo é un dos pioneiros nesta técnica de diagnóstico a través do sangue. En 1997 foi o primeiro en demostrar a existencia de ADN do feto na circulación da nai, e desenvolveu a técnica que agora permite descartar a síndrome de Down cunha simple análise de sangue, e agora céntrase na biopsia líquida.

Publicidade

Acaba de publicar un traballo con máis de 20.000 participantes no que demostra que se pode anticipar o diagnóstico dun dos tumores máis frecuentes en China, o que abre a porta a tratamentos máis eficaces. A Axencia Sinc entrevistouno en Berlín, onde participou nas xornadas de ciencia Falling Walls.

– Vostede foi o primeiro que conseguiu identificar ADN do feto no sangue da nai. Polo visto, a clave tivérona un par de traballos que atopaban ADN de células tumorais no sangue dos enfermos. Que sucedeu?

– Buscabamos células, o que é razoable, porque normalmente o ADN está dentro do núcleo delas. Pero estas son moi raras, só unha célula de cada millón que viaxan no sangue da nai é do bebé. Cando vin os dous artigos sobre ADN tumoral aboiando fóra das células pensei que probablemente o feto faría o mesmo.

– E agora, a técnica que detecta a presenza de ADN fetal sirve como proba para detectar a síndrome de Down en máis de 90 países. Que papel ten?

“É posible identificar os bebés que non teñen síndrome de Down cunha análise de sangue”

– Úsase como un test de cribado. A miña primeira idea para desenvolver este test era facer un cribado máis seguro. Con el é posible identificar os bebés que non presentan as anomalías da síndrome de Down, e desta maneira facer probas invasivas –como biopsias da placenta, que teñen un certo risco de aborto– só nas embarazadas cuxo test resulte positivo.

– Pero como pode distinguirse o ADN do feto do da nai?

– Polo tamaño. Os fragmentos de ADN do feto son máis curtos, de modo que a estatística permite estimar que fragmentos pertencen a un ou a outra –isto sucede tamén no cancro, a diferenza das células sas–.

– Cre entón que o estudo completo do xenoma fetal será algo habitual?

– Creo que tecnoloxicamente podería selo, pero hai dous problemas. Un é que aínda é demasiado caro; pero sobre todo é un problema ético. Unha muller embarazada xa ten bastantes problemas polos que preocuparse. Se eu analizo o xenoma completo e lle digo que o seu fillo ou filla ten un risco elevado de desenvolver diabetes aos 40 anos, a nai podería empezar a preocuparse innecesariamente.

– Do ADN do feto pasou á biopsia líquida en cancro. Acaban de publicar un traballo sobre a detección precoz dun tipo de tumor. A biopsia líquida encerra moitas promesas,pero tamén riscos, como caer nun posible sobrediagnóstico. Cal é a súa opinión?

– É unha cuestión que se debe debater. Nós acabamos de publicar un estudo sobre a detección de cancro nasofarínxeo, que é moi habitual en China. Queriamos saber se a técnica é o suficientemente boa como para salvar vidas. Agora esperamos que estea dispoñible para os médicos en 2018. Este é o primeiro paso, co que demostramos que pode ser útil. Pero nós fixémolo no sur de China, unha zona onde é endémico. Teremos que facer o mesmo noutros tipos de cancro; por exemplo, o de pulmón en grandes fumadores, e combinar esta técnica cos TAC de última xeración, que por si sós non son tan fiables como se desexaría. Os estudos a longo prazo, a cinco anos, darannos o seu verdadeiro valor.

– No seu estudo detectaban ata 500 mutacións…

– Si. Neste caso, cada célula canceríxena ten unhas 50 copias dun virus chamado “Epstein Barr”, e cada unha delas contén dez repeticións do marcador que buscabamos, así que estabamos a buscar algo que se repite 500 veces. Considerámolo ‘o número máxico’.

– Entón, neste caso resultaba máis sinxelo que para outros tipos de cancro non causados por virus, non?

– Si, pero o que vimos é que necesitamos chegar a ese número máxico. Se en calquera outro tipo de cancro podemos chegar a identificar esas 500 dianas, seremos capaces de detectalo tamén. Estou seguro de que poderemos atopalos para a maior parte dos tumores.

– A única técnica de biopsia líquida aprobada utilízase para detectar unha mutación en cancro de pulmón, cando non pode facerse a biopsia convencional. En caso de estar presente, pode elixirse un tratamento particular. Cre que serán útiles tamén para vixiar as recaídas?

– Só poderemos saber a resposta a esa pregunta estudando cancro por cancro. No noso caso sobre o cancro nasofarínxeo sabemos que, despois do tratamento estándar, se o nivel de alteracións que atopamos no paciente é cero, o prognóstico é moi bo. Se sobe de certo nivel, entón a esperanza baixa ao 50%. Ese é o dato que podemos usar para preguntarnos: podemos engadir algún tratamento adicional?

– Como ve o futuro? Cre que se farán de forma regular na atención do paciente con cancro?

– Si, creo que serán unha parte central, pero non creo que substitúan ás biopsias tradicionais. Creo que son complementarias.

– Está xustificada entón a esperanza?

– Si, aínda que non se poderá usar en todos os casos. Como sucede co ADN fetal, hai persoas que, por algunha razón que non coñecemos, non o liberan ao sangue. En calquera caso: non será a panacea, pero si unha ferramenta moi poderosa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T