Científicos galegos reconstrúen a nivel xenómico a evolución dun cancro colorrectal

O catedrático de Xenética David Posada, da UVigo, lidera un traballo que utiliza unha sofisticada técnica para coñecer mellor o ADN do tumor

“É o primeiro artigo importante que resulta do noso proxecto ERC”. Así se refire o docente e investigador da Universidade de Vigo David Posada ao traballo que este mércores publica a revista Nature Communications. A investigación reconstrúe a partir da análise xenómica a historia evolutiva dun cancro colorrectal e a súa expansión metástatica. Tamén asinan o traballo os seus compañeiros da UVigo Joao Alves e Sonia Prado, e o patólogo do Hospital Clínico Universitario de Santiago José Manuel Cameselle.

Mostraxe do tecido usado polo cancro e a metástase. Fonte: Nature Communications.
Mostraxe do tecido usado polo cancro e a metástase. Fonte: Nature Communications.

“Isto é unha proba de concepto, un estudo onde amosamos como se poden utilizar técnicas evolutivas sofisticadas para reconstruír o modo e o tempo da diseminación tumoral dentro dunha persoa”, explica o catedrático, que sinala que, se o cancro é un proceso evolutivo, empregar esta perspectiva é natural para entender como medra e se expande e a que velocidade o fai.

Publicidade

Segundo subliña Posada, o traballo supón “entender a bioloxía do cancro”. O científico destaca a novidade que supón a abordaxe con modelos probabilísticos dos cambios xenómicos dun tumor no tempo e no espazo, algo que, segundo o investigador da Universidade de Vigo, se intentou previamente, aínda que dun xeito máis descritivo. “Utilizamos métodos sofisticados que nos permiten estimar parámetros evolutivos relevantes a partir do ADN tumoral, como a taxa de crecemento, a migración celular ou a adaptación xenómica. Achegamos medidas cuantitativas da dinámica tumoral”, detalla Posada, que destaca en que o equipo que coordina é o primeiro en empregar esta metodoloxía evolutiva avanzada para a análise do cancro, razón pola que Nature Communications decidiu publicar este traballo.

O traballo é o primeiro en usar unha sofisticada metodoloxía para achegarse ao ADN do tumor

O catedrático vigués incide na idea de que alén dos achados que se derivan desta investigación, a súa importancia reside “na abordaxe e na proba concepto de como se pode investigar de xeito retrospectivo un cancro para aprender como células tumorais se moven e adaptan a novos ambientes para prolongar a súa existencia, e nun futuro aplicar este coñecemento de maneira prospectiva ou para estratificar os pacientes”.

Publicidade

A investigación, que se prolongou durante dous anos, conclúe que, no caso do paciente estudado, a metástase inicial, en lugar de ser a través do sistema linfático, foi a través da vena porta, que une o colon co fígado, é dicir, vía sanguínea. “Demostramos así que o cancro pode chegar aos nodos linfáticos do intestino non a partir do propio colon, senón pasar primeiro polo fígado.  Apuntamos ademais os posibles cambios xenómicos concretos que poderían explicar a adquisición da capacidade metastática, é dicir, da posibilidade de diseminarse con éxito e colonizar outros órganos e tecidos”, detalla Posada.

O traballo tamén está asinado polo patólogo do CHUS José Manuel Cameselle. Foto: Duvi.
O traballo tamén está asinado polo patólogo do CHUS José Manuel Cameselle. Foto: Duvi.

Así mesmo, o traballo dos investigadores suxire que a metástase, “neste paciente, e posiblemente na maioría”, especifica Posada, ocorre antes do que normalmente se pensa. “Non parece que o tumor primario teña que medrar moito e dalgún xeito ‘madurar’ para poder diseminarse. Neste caso particular pensamos que desde o principio medraron case á vez o tumor primario e as metástases no fígado, o que loxicamente foi fatal para o paciente”.

A investigación, que agora publica Nature Communications, está precedida dun traballo que se inicia a finais do ano 2014, cando David Posada recibiu unha subvención de dous millóns de euros da convocatoria do Consello Europeo de Investigación (ERC) Consolidator Grants para estudar a evolución celular no cancro colorrectal e na leucemia linfocítica. “O groso dos resultados deste proxecto aínda non chegou.  Por sorte, contamos dende o principio coa axuda fundamental dun gran patólogo como Jose Manuel Cameselle. Traballar con xenomas de células únicas é moi complicado e tivemos que implementar técnicas moi avanzadas. Este é o primeiro resultado importante, pero esperamos máis. Niso estamos a traballar”, detalla Posada.


Referencia: Rapid evolution and biogeographic spread in a colorrectal cancer (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

Os pesticidas, baixo sospeita no aumento do cancro de colon en adultos novos

Investigadores analizan por primeira vez o papel de factores ambientais e de estilo de vida mediante patróns de modificacións no ADN