Por que ten cancro de pulmón quen nunca fumou? Atopan mutacións que o explican

Describen tres subtipos moleculares vinculados a tumores de pulmón non vinculados ao tabaco, o que pode abrir novas vías de terapia

O estudo detectou tres subtipos de cancro de pulmón vinculados a persoas non fumadoras. Foto: Pixabay.
O estudo detectou tres subtipos de cancro de pulmón vinculados a persoas non fumadoras. Foto: Pixabay.

É ben coñecido que o risco de padecer cancro de pulmón increméntase por mor do tabaquismo. E hai outros factores tamén identificados, como é a exposición ao gas radon, que amosa altos niveis no territorio galego e resulta a segunda causa máis habitual despois do tabaco. Porén, non son poucas as persoas que, sen ter fumado (entre un 10% e un 20% de casos, moitas veces mulleres de mediana idade) nunca na vida desenvolven este tipo de tumores, dos que causan máis mortes no mundo. E por que acontece isto? Unha análise xenómica na que participan científicos españois atopou que a maioría destes cancros xorden da acumulación, e describiu tres subtipos moleculares desta patoloxía vinculados a non fumadores, o que podería axudar no futuro a desenvolver tratamentos clínicos máis precisos.

O artigo, que recolle Nature Genetics, está liderado por Investigadores do National Cancer Institute (EUA), e contou coa participación do grupo de Xenómica Biomédica do IRB Barcelona, liderado por Núria López-Bigas.

“O que estamos a ver é que hai diferentes subtipos de cancro de pulmón en non fumadores con características moleculares e procesos evolutivos distintos e, no futuro, é posible que desenvolvamos diferentes tratamentos baseados nestes subtipos”, explica a epidemióloga María Teresa Landi, investigadora do Instituto Nacional do Cancro dos EUA e unha das asinantes do artigo.

Os factores de risco ambientais –como a exposición ao fume de tabaco, o radon, a contaminación do aire e o asbesto– ou padecer enfermidades pulmonares con anterioridade poden explicar algúns tipos de cancro de pulmón entre non fumadores, pero os científicos aínda non saben que ocasiona a maioría destes tipos de tumor.

O estudo epidemiolóxico, os investigadores utilizaron a secuenciación do xenoma completo para caracterizar os cambios xenómicos no tecido tumoral e o tecido normal emparellado dunha mostra de 232 persoas non fumadoras, predominantemente de ascendencia europea, a quen se diagnosticou cancro de pulmón de células non pequenas. Os tumores incluían 189 adenocarcinomas –o tipo máis común de cancro de pulmón–, 36 carcinoides e outros sete tumores de varios tipos. Os pacientes aínda non se someteron a tratamento.

Sinaturas mutacionais

Os investigadores analizaron os xenomas tumorais en busca de sinaturas mutacionais –patróns de mutacións asociadas con procesos mutacionais específicos, como danos por actividades naturais no corpo (reparación defectuosa do ADN ou estrés oxidativo) ou por exposición a carcinóxenos–, que actúan como o arquivo de actividades dun tumor que dan pistas sobre que ocasionou o desenvolvemento do cancro.

Actualmente existe un catálogo de sinaturas mutacionais coñecidas, aínda que dalgunhas firmas non se coñece a súa causa. Neste estudo, os investigadores descubriron que a maioría dos xenomas tumorais das persoas que nunca fumaron tiñan sinaturas asociadas con danos en procesos endóxenos, é dicir, procesos naturais que teñen lugar no corpo.

Ao cinguirse a persoas que nunca fumaran, os investigadores non atoparon ningunha sinatura mutacional asociada previamente ao tabaquismo. Tampouco localizaron esas firmas entre os 62 pacientes que estiveran expostos ao fume do tabaco ambiental.

Con todo, Landi advirte que necesitan “un tamaño de mostra máis grande, con información detallada sobre a exposición, para estudar realmente o impacto do tabaquismo pasivo no desenvolvemento do cancro de pulmón entre as persoas que nunca fumaron”.

Os tres novos subtipos

As análises xenómicas tamén revelaron tres novos subtipos de cancro de pulmón en non fumadores, aos cales os investigadores asignaron nomes musicais en función do seu nivel de ‘ruído’ –do número de cambios xenómicos– dos seus tumores.

O subtipo predominante, ‘piano‘, é o que tiña a menor cantidade de mutacións e parecía estar asociado coa activación de células proxenitoras, que participan na creación de novas células. Este crece moi lentamente durante moitos anos, e é difícil de tratar porque pode ter moitas mutacións condutoras diferentes.

O subtipo ‘mezzoforte‘ mostraba cambios cromosómicos específicos, así como mutacións no xene receptor do factor de crecemento EGFR, que comunmente se altera no cancro de pulmón, e mostrou un crecemento tumoral máis rápido.

O subtipo ‘forte‘ mostraba unha duplicación do xenoma completo: un cambio xenómico que se observa a miúdo no cancro de pulmón de fumadores. Este subtipo de tumor tamén crece rapidamente.

“Estamos comezando a comprender como evolucionan estes tumores”, afirma Landi. “Esta análise mostra que hai heteroxeneidade ou diversidade no cancro de pulmón nas persoas que nunca fumaron”. Engade que “o subtipo ‘piano’, de crecemento lento, podería brindar aos médicos unha xanela para detectar estes tumores antes, cando son menos difíciles de tratar. Pola contra, os outros presentan só unas poucas mutacións impulsoras importantes, o que suxire que poderían identificarse mediante unha soa biopsia e poderían beneficiarse de tratamentos dirixidos”, mantén.

Os futuros pasos serán estudar a persoas de orixes étnicas e localizacións xeográficas distintas, e cuxo historial de exposición aos factores de risco de cancro de pulmón estea ben descrito.

Stephen J. Chanock, director da División de Epidemioloxía e Xenética do Cancro do NCI, conclúe: “Esperamos que esta investigación sobre as características dos tumores xenómicos desbloquee novas vías de descubrimento para múltiples tipos de cancro”.


ReferenciasGenomic and evolutionary classification of lung cancer in never smokers (Publicado en Nature Genetics).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.