Venres 26 Abril 2024

Os corpos humanos fixéronse máis fríos nos últimos séculos

Unha nova investigacion liderada pola Universidade de Stanford suxire que a nosa temperatura corporal baixou dende o século XIX

Durante máis dun século, os 37 graos Celsius foron un fito da saúde humana. Pero, dende hai tempo, existe a sospeita de que a cifra da nosa temperatura corporal precisaba dun axuste… e agora un novo estudo amosa que non é polas razóns que pensabamos.

O médico alemán Carl Reinhold August Wunderlich foi quen fixou en 1851 os 37 graos como a temperatura corporal saudable, nun estudo no que empregou sofisticados trebellos de medición para a súa época. Pero a precisión dos termómetros mellorou nestes 170 anos, polo que agora a cifra máis precisa está nos 36,8 ºC. Pero unha nova investigación afirma que esa variación non está relacionada cos aparatos de medición empregados, senón con feito de que o corpo humano estivo a volverse máis frío nos últimos séculos.

Publicidade

“A nosa temperatura non é o que a xente pensa que é”, di a investigadora médica Julie Parsonnet da Universidade de Stanford nos Estados Unidos: “O que todos creceron aprendendo, que é que a nosa temperatura normal é 37 graos, está mal”.

Este estándar resistiu o paso do tempo sorprendentemente ben. Wunderlich tomou literalmente millóns de medicións de ducias de milleiros de pacientes. Pero o instrumento que utilizou para establecer rangos de temperaturas saudables e non saudables (sen mencionar as fluctuacións diarias, os efectos da idade, etc.) tiña pouco máis de 22 centímetros de longo, vangardista para a súa época, pero moi precario para os medios modernos. “No século XIX, a termometría apenas comezaba”, sinala Parsonnet.

Carl August Wunderlich.

Desde entón, houbo unha chea de estudos críticos coa medición de Wunderlich. Pero Parsonnet e os seus colegas se fixeron unha pregunta diferente: as diferenzas nas medicións viñan por unha tecnoloxía mellorada, ou reflectían en realidade cambios na nosa fisioloxía?

Para pescudalo, os investigadores buscaron nos rexistros médicos de case 24.000 veteranos do Exército da Unión despois da Guerra Civil dos Estados Unidos.

Logo, estes números comparáronse con arredor de 15.000 rexistros dunha enquisa nacional de saúde de principios da década de 1970 e outros 150.000 rexistros dunha plataforma de datos clínicos de Stanford correspondente a principios da década de 2000. En total, o equipo tiña detalles sobre máis de medio millón de medicións de temperatura individuais.

O resultado foi abraiante. Efectivamente, houbo unha clara e significativa diferenza co tempo. As temperaturas entre os que vivían a fins do século XIX eran lixeiramente máis cálidas. Os homes nados na década de 2000, por exemplo, eran 0,59 graos centígrados máis fríos que os nados a principios de 1800, o que representa unha diminución constante de 0,03 graos centígrados por década. A caída foi similar para as mulleres, cunha caída de 0,32 graos Celsius desde a década de 1890.

Os científicos de Stanford empregaron informes de 24.000 veteranos da Guerra Civil Americana e datos actuais

Coa diferenza confirmada, o equipo dirixiu a súa atención ás diferenzas dentro de cada grupo, supoñendo que a cada un medíronlle a temperatura con instrumentos de precisión máis ou menos similar. Ao longo das décadas cubertas polos milleiros de rexistros de veteranos da Guerra Civil, viron unha diminución gradual que coincidía coa tendencia baseada nas súas comparacións orixinais.

Dado que é pouco probable que a tecnoloxía ou os métodos do termómetro evolucionen a un ritmo que explique esta caída constante, podemos preguntarnos se algo sobre os nosos propios corpos, ou o noso medio ambiente, causou que as temperaturas corporais saudables caesen nos últimos séculos. “Fisiolóxicamente, somos diferentes do que eramos no pasado”, di Parsonnet .

“A contorna no que vivimos cambiou, incluída a temperatura nos nosos fogares, o noso contacto con microorganismos e os alimentos aos que temos acceso. Todas estas cousas significan que, aínda que pensamos nos seres humanos coma se fósemos monomórficos e constantes para toda a evolución humana, non somos o mesmo. En realidade estamos a cambiar fisiolóxicamente”, manifestou a investigadora da prestixiosa Universidade de Stanford.

As melloras na saúde e a nutrición poderían ser un obxectivo axeitado para buscar unha explicación. A nosa crecente masa corporal empuxaría aos metabolismos a categorías máis cálidas, pero a inflamación está estreitamente relacionada coas variacións na temperatura corporal, e unha diminución das infeccións crónicas podería explicar por que estamos un pouco menos febrís.

Os cambios pasados ​​tamén poderían proporcionar unha idea de cara a onde imos no futuro, a medida que nos diriximos a un mundo de intensos cambios sociais e ambientais.

O número máxico de Wunderlich aínda podería necesitar un axuste, pero este pioneiro da medicina podería estar satisfeito con este estudo: seica non foron os seus trebellos de medición que fallaron, senón que cada década estamos máis fríos.

Podes consultar a investigación neste artigo da revista científica eLife

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

Atopan a primeira receita médica en galego, unha ‘pequena xoia’ do século XV

Está anotada no reverso dunha escritura notarial datada o 2 de abril de 1477 e conservada no Arquivo da Real Chancillería de Valladolid

Unha investigadora galega deseña próteses en 3D para integrar no tecido óseo

Ana Mejuto vén de gañar un áccesit da Real Academia de Farmacia por un artigo da súa tese doutoral sobre implantes 3D

A EMA avisa de que o uso excesivo de ibuprofeno e codeína pode causar a morte

A Axencia Europea do Medicamento pide que os prospectos sinalen de forma explícita que o seu uso pode causar danos en riles e intestino ou incluso a morte