Non é un caso de ébola. É malaria. As análises de laboratorio veñen de desactivar o protocolo de alarma ante casos de ébola que foi aplicado a un paciente de Guinea Conakri, de 24 anos de idade, que ingresou o martes no Complexo Universitario da Coruña con síntomas de febre, diarrea e vómitos. O doente foi trasladado de urxencia ao hospital do Meixoeiro de Vigo, o centro designado para illamento en emerxencias por ébola. Pero os resultados desmontan a alarma.
O paciente entrou na tarde do martes e, unha vez triado e atendido, tras comprobar que cumpría criterios epidemiolóxicos e clínicos compatibles con infección polo virus do ébola, activouse o protocolo de actuación nestes casos. O doente era un varón guineano de 24 anos de idade, que se atopaba en Galicia visitando á súa familia e que ingresou con febre alta. Segundo un portavoz do Sergas, volou dende Guinea Conakry a Lisboa, para trasladarse por estrada ata A Coruña, onde chegou o pasado luns. O subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, indicou que o varón chegou ás 15,00 horas do martes ao servizo de urxencias do Chuac e ás 15,45 horas identificaron a posibilidade de que ter a consideración de caso sospeitoso. Chegou “andando e febril“. Ademais, tiña un cadro de vómitos e diarrea, aínda que o seu estado clínico “é bo e está consciente e colaborador”, segundo a Xunta.
Ao hospital desprazáronse responsables de Saúde Pública para, conxuntamente co equipo do centro, servizo de Medicina Preventiva, Dirección, Infecciosos, Microbioloxía e servizo de Urxencias, abordar a sospeita epidemiolóxica. Seguindo os protocolos se tomaron as mostras necesarias para confirmar ou descartar unha infección polo virus do Ébola, que foron enviadas para a súa análise no Centro Nacional de Microbiología en Madrid. Os resultados desbotan ébola.
Posteriormente e seguindo o que marcan os protocolos, o paciente foi trasladado nun dispositivo especial do 061, ao centro de referencia para os casos de sospeita de posibles infección polo virus do Ébola en Galicia, no Hospital Meixoeiro de Vigo.
Non é a primeira vez que un caso de malaria activa o protocolo do ébola. No ano 2014, xa pasou en Barcelona, Mallorca, Murcia e Zaragoza, onde se activaron os dispositivos especiais para o virus ébola e o resultado final foi a enfermidade que provoca o parasito da malaria.
A Consellería de Sanidade e a Dirección Xeral de Saúde Pública emitiu unha nota na que agradecen aos profesionais tanto do CHUAC como do CHUVI “a súa xenerosidade e imprescindible colaboración, así como aos seus correspondentes equipos directivos, grazas aos cales é posible manter a alta calidade asistencial”.
GCiencia realiza unha reserva expresa das reproducións e usos das obras e outras prestacións accesibles desde este sitio web a medios de lectura mecánica ou outros medios que resulten adecuados a tal fin de conformidade co artigo 67.3 da Real Decreto - lei 24/2021, do 2 de novembro // Auditado por GFK