Audrey e a súa parella, Rohan, xunto aos profesionais que a salvaron do seu paro cardíaco. Fonte: Hospital Vall d'Hebron.
Audrey e a súa parella, Rohan, xunto aos profesionais que a salvaron do seu paro cardíaco. Fonte: Hospital Vall d'Hebron.

Salvan a vida dunha muller en Barcelona despois de seis horas de paro cardíaco

A coordinación dos profesionais de emerxencias e os médicos do Vall d'Hebron fixeron posible recuperar o latexo despois dunha hipotermia severa

Audrey, unha muller británica que sufriu un episodio de hipotermia severa, durante o cal o seu corpo chegou a baixar a unha temperatura de 18ºC, conseguiu sobrevivir despois dun paro cardíaco de seis horas grazas ao traballo conxunto de profesionais do Hospital Vall d’Hebron, Bombers da Generalitat e SEM (Sistema d’ Emergències Mèdiques) de Catalunya. A paciente, que saíra de excursión o pasado 3 de novembro xunto ao seu marido polos Pireneos cataláns, participou este xoves nunha rolda de prensa na que o equipo que tomou parte na súa reanimación explicou o fito aos medios.

Unha vez recibida a información dos equipos de rescate e emerxencias, no Vall D’Hebron habilitouse o protocolo para a técnica ECMO (osixenación com membrana extracorpórea), un sistema no que o hospital barcelonés é centro de referencia. A ECMO úsase en pacientes críticos que sofren enfermidades moi graves respiratorias ou cardiolóxicas nas cales non abonda co apoio vital convencional. Esta máquina substitúe temporalmente a función do pulmón ou do corazón, extraendo o sangue a través dunha cánula grosa localizada nunha vea de calibre grande, móvea mediante unha bomba centrífuga para que atravese o osixenador, onde se incorpora osíxeno e retírase dióxido de carbono. Posteriormente, o sangue volve introducirse no organismo por unha vea ou unha arteria.

Os médicos usaron unha técnica de osixenación mentres o corpo recuperaba a temperatura normal

Cando Audrey chegou a Vall d’ Hebron, o Dr. Eduard Argudo, do Servizo de Medicina Intensiva e membro da ECMO Team, coordinado polo Dr. Jordi Riera, xa dispuxera o operativo para realizar a ECMO. Despois de examinar á paciente no mesmo túnel de Urxencias, e comprobar o paro cardíaco, decidiu que había que aplicar esta técnica inmediatamente. “O corazón non tiña actividade eléctrica, non había signos vitais, tiña a pel fría e livideces. Parecía que estaba morta, pero sabiamos que, no contexto dunha hipotermia, Audrey tiña opcións de sobrevivir”, explicaba este xoves o doutor Argudo. Deste xeito, foi trasladada directamente ao quirófano onde os profesionais do Servizo de Cirurxía Cardíaca colocaron as cánulas da máquina ECMO para facer circular o sangue fóra do organismo, mentres profesionais dos servizos de Anestesioloxía e Medicina Intensiva seguían coas manobras de resucitación. Despois, Audrey foi trasladada á Unidade de Coidados intensivos en ECMO, aínda co corazón parado, para seguir co tratamento e estabilización.

Así, segundo engadiu o doutor Argudo, o obxectivo desta actuación, co corpo de Audrey a 20ºC “era osixenar o sangue e perfundir o seu tecidos pero tamén requentala para, lentamente, aumentar a temperatura corporal. Por tanto, a ECMO permitiu levar osíxeno aos tecidos e requentar o seu organismo”. En situacións de hipotermia severa, o cerebro pode tolerar períodos de paro cardíaco un tempo dez veces superior que a 37 ° C.

Así, esta actuación tiña como meta “gañar tempo para que o cerebro recibise osíxeno mentres tratabamos a causa do paro cardíaco e corrixiamos as alteracións que presentaba”. Salienta o médico que “a hipotermia estivo a piques de causar a morte a Audrey pero á vez, tamén a salvou, debido a que o seu organismo, e sobre todo o seu cerebro, non se deteriorou. Se estivese en paro cardíaco tanto tempo cunha temperatura corporal normal, certificariamos a súa morte. Pero sabiamos que, cunha hipotermia tan severa, tiña unha oportunidade de sobrevivir grazas á ECMO”.

O corazón volve latexar

Así, mentres ía recuperando a súa temperatura, Audrey estivo na UCI en paro cardíaco mentres se seguía requentando. Ás 21.46 horas, o seu organismo xa chegara aos 30 graos. “Decidimos realizar unha descarga eléctrica para tentar espertar o seu corazón. E así sucedeu: o seu corazón volveu latexar de forma autónoma”.

Desde o paro cardíaco ata que o corazón volveu latexar autónomamente, pasaran máis de seis horas. Unha vez recuperada, Audrey presentou unha situación de disfunción multiorgánica que requiriu tratamento na UCI. Estivo na UCI durante seis días, “debido a que queriamos estudala continuamente para valorar a súa recuperación física e neurolóxica. Preocupábannos especialmente as posibles secuelas neurolóxicas, debido a que practicamente non hai casos de persoas que estiveran co corazón parado tanto tempo e puidesen ser reanimados”, conta Argudo. Posteriormente, Audrey foi trasladada a unha habitación na planta de hospitalización do Servizo de Medicina Interna, onde finalizou a súa estancia hospitalaria seis días despois.

Actualmente, Audrey fai practicamente vida normal e está recuperada. Volverá ao traballo nos próximos días. Falta que recupere toda a sensibilidade e movemento nas mans, que quedaron afectadas polo frío.

O fito acadado no Vall d’Hebron é un dos máis salientables no mundo ata a data. En Galicia, o ano pasado, un equipo do Chuac conseguía salvar a un neno de cinco anos mentres era operado para corrixir unha cardiopatía, mantendo o seu corazón sen latexar durante tres horas, segundo contaba La Voz de Galicia.

A importancia da coordinación

Este xoves, os equipos de rescate que fixeron posible o traslado de Audrey ata o hospital explicaron como se axustaron os tempos e a atención á muller para conseguir salvarlle a vida. O seu marido, Rohan, lembrou que cara ás 13 horas viu que a súa muller falaba de forma estraña e inconexa. Pouco despois, Audrey deixou de moverse e quedou inconsciente. Rohan estaba en contacto telefónico cuns amigos que se atopaban en Vall de Núria, que avisaron aos bombeiros ás 13.36 horas.

A partir dese momento, púxose en marcha un amplo dispositivo de servizos especiais, como a Unidade GRAE (Grupo de Actuacións Especiais) para localizar o lugar exacto onde se atopaba a parella, ata que sobre as 15.30 horas conseguiron localizalos. O mal tempo dificultaba as manobras do aparello, así que o helicóptero realizou un estacionario (helicóptero parado no aire) e o persoal do GRAE saltou desde o aparello a dous metros de terra. “A primeira valoración de Audrey indicaba que a situación era grave. Non lle atoparon ningún signo vital e practicáronlle manobras sanitarias prehospitalarias”, explicou Pere Serral, membro do GRAE. Aínda coa complicada situación polo estado da vítima e as condicións meteorolóxicas, o equipo de rescate dos Bombers da Generalitat cargouna ao helicóptero. Unha vez chegaron a un heliporto próximo, empezaron as manobras de reanimación cardiopulmonar básicas de forma ininterrompida xunto co equipo do SEM, sobre as 16.15 horas.

Ao constatar a hipotermia severa, comezouse coa reanimación e o recalentamento do corpo, contactando ao tempo co Vall d’ Hebron para que preparasen a atención precisa. Dada a proximidade do ocaso, o SEM decidiu que se tiña que activar o helicóptero medicalizado nocturno para que fixese a derivación hospitalaria. “Para acurtar os tempos, os helicópteros do SEM atopáronse nun punto intermedio, en Vic, onde se realizou o traslado da paciente (17:07 horas) e foi o helicóptero de voo nocturno do SEM o que a trasladou ata Vall d’ Hebron, saíndo ás 17.24 horas e chegando ás 17.44 horas”, engade Cabanas. Alí, unha unidade terrestre do SEM fixo o traslado hospitalario, onde o estaba esperando o ECMO Team de Vall d’ Hebron.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.