Isabel Bandín e Carlos Pereira: “Relaxar as restricións? Nin falar diso!”

Os virólogos da Universidade de Santiago advirten de que a leve mellora da pandemia non abonda para soster que a situación estea baixo control

Isabel Bandín Matos e Carlos Pereira Dopazo son virólogos e profesores da Facultade de Bioloxía da USC.
Isabel Bandín Matos e Carlos Pereira Dopazo son virólogos e profesores da Facultade de Bioloxía da USC.

Cando en xaneiro se comezou a falar do SARS-CoV-2 como un problema crecente en Wuhan, a meirande parte da poboación non prestou demasiada atención. A pesar das estritas medidas das autoridades chinesas, a información arredor daquel virus parecía remitir a situacións anteriores que apenas afectaron ao resto do planeta como o primeiro SARS, e logo o MERS. Mais houbo un momento no que Carlos Pereira Dopazo e Isabel Bandín Matos percibiron que algo podía pasar. “Cando se falou de decenas de miles de casos, vimos que aquilo podía traspasar fronteiras, e advertimos, como fixeron outros compañeiros; pero non se prestou moita atención”, lembran os virólogos da Universidade de Santiago de Compostela, profesores da Facultade de Bioloxía e expertos en epidemioloxía animal.

Despois da sorpresa, a falta de previsión e o impacto da primeira onda, Bandín e Pereira consideran que, unha vez superados os momentos críticos, as autoridades, e con elas a cidadanía, tropezaron por segunda vez na pedra. “Estamos equivocándonos todos unha vez máis; os brotes non están baixo control, e pedir que se relaxen algunhas restricións é bastante irresponsable”, expoñen. Avogan, por tanto, por que a pesar do descenso na detección de casos, se sigan limitando ao máximo as aglomeracións e a mobilidade, xa que queda moito inverno por diante. Do mesmo xeito, consideran que queda moito camiño por diante, a pesar do moito xa avanzado, para que as vacinas contribúen a devolvernos un mundo igual (ou máis semellante) ao que tiñamos antes de marzo de 2020. “Hai que ter paciencia, e facer todo o posible para que o impacto sexa menor, pero isto non vai ter solución inmediata”, conclúen.

– Como se explican o rápido aumento de casos dous últimos meses en España e Europa? Parece clara a estacionalidade do virus?

– Parece evidente que hai un factor estacional, aínda que non cremos que sexa virus-dependente, senón por comportamento social: coa climatoloxía adversa, pasamos máis tempo en lugares pechados; neste tipo de ambientes, os virus poden sobrevivir longos períodos de tempo en suspensión nos aerosois que se forman.

De todos os xeitos, hai outro factor, do que se fala pero non se adoita relacionar coa situación actual: as aglomeracións favorecen a circulación das variantes máis virulentas. E este é o caso nesta pandemia: a única maneira de favorecer que o virus se adapte á poboación é reducir a circulación das variantes máis virulentas e, para iso, é necesario volver a unha corentena longa (de máis 2 meses), e non finalizala  abruptamente e sen permanencia de controis, que foi o fallo da anterior ocasión.

–  Estase amosando un certo freo na incidencia de novos casos e xa se abre a opción de relaxar algunhas restricións: como valora isto?

– Nin falar de rebaixar as restricións! Se na primeira onda, cando a restrición foi superior á que se está aplicando agora, non se conseguiu o resultado que se esperaba (reducir a pandemia) máis aló do tempo que durou a corentena, foi, precisamente, porque se volveu demasiado pronto á “nova normalidade”. Foi mal entendida pola poboación e peor explicada polas autoridades, as que, ademais, se desentenderon do necesario control estrito posterior; probablemente porque pensaron, erroneamente, que o virus xa estaba baixo control. E falta tamén unha acción pedagóxica real, para convencer á cidadanía de que abonda con que unha pequena parte da poboación incumpra as restricións para reactivar a pandemia, o que danará a toda á sociedade e freará a recuperación que todos desexamos e precisamos.

– Sobre as vías de transmisión hai un importante debate respecto da importancia dos  chamados aerosois fronte ao contaxio directo por pingas de maior tamaño. Como ven este debate?

– Todas as vías de transmisión das que se falou son potenciais, con maior ou menor grao de probabilidade ou risco. E co SARS-CoV-2 temos o risco engadido de que hai unha marxe de tempo na que a persoa non ten síntomas, non sabe que porta a doenza e pode transmitila aos seus contactos. Cando se fala cunha persoa, nun ton normal, as  micropingas que despedimos son un risco directo. Anúlase este risco coas máscaras? Si, pero depende do tipo de máscara. Cando falamos máis alto, esas micropingas alcanzan unha maior distancia, o que implica un risco maior; se estamos a correr ou desenvolvendo unha actividade física, o noso alento pode alcanzar maiores distancias,  máxime se falamos simultaneamente. É necesaria a máscara se se fai deporte con outras persoas non conviventes? Por suposto que si. E por que non se fai? Non temos resposta para iso.

Cando respiramos, falamos, etc. nun espazo pechado e con humidade, o virus que portamos (se somos portadores) pasa a formar parte dos aerosois en suspensión. Non os vemos, pero ese particulado está aí. Seguro que todo o mundo viu algunha vez o po en suspensión nos feixes de luz que entran no verán polas fendas da persiana? Iso é po en suspensión, de tamaño bastante maior que o  particulado de humidade en aerosol. Desde o principio non entendimos como algúns “expertos” dicían que estes virus non poden estar en aerosois polo seu tamaño; probablemente porque eses expertos realmente non o eran en virus. Os aerosois con virus son máis perigosos que aquelas  micropingas das que falamos antes. A presenza de aerosois contaminados implica que, estando nese ambiente, a probabilidade de infectarnos é alta; moi alta se se usan máscaras inadecuadas ( p.ex. as hixiénicas sen ningún tipo de filtro) e/ou estamos demasiado tempo nese ambiente.

“Unha vacina é segura cando se probou non en miles, senón en centos de miles de persoas”

– Que valoración farían sobre a procura da vacina e os sucesivos anuncios nos últimos días?

– Que as farmacéuticas están desexosas de ser as primeiras en copar o mercado. Unha vacina é segura cando se probou non en miles, senón en centos de miles de persoas. Xa veremos cal é a primeira en comercializarse e cales os resultados ao comezo da vacinación masiva. Pero temos que saber moitas cousas máis: por exemplo, que é o que pasa coa xente maior, que é a que está experimentando as infeccións máis graves: sabemos se estas vacinas máis avanzadas van a protexelas o suficiente, e sin efectos secundarios graves? Oxalá que sexa así, pero mentres hai que ter cautela.

–  Hai un punto moi relevante cara ás vindeiras ondas: cal é a duración da inmunidade  fronte a posibles reinfeccións; que se sabe ata ou momento?

– Pode que a próxima onda chegue antes de que superemos estas segunda. O que necesitamos é non só ter esa vacina que nos dea unha certa inmunidade poboacional, senón tamén reducir a circulación das variantes máis virulentas.

– Moitos microbiólogos e virólogos advirten de que esta pandemia nos  colleu de imprevisto, pero que detrás poden vir outras. Estamos a tempo de paralas?

– Paralas non; virán igual, aínda que non queiramos. Podemos previlas si; pero, para iso fai falta máis investimento en investigación epidemiolóxica, porque sabemos que hai centos de virus na natureza (miles, segundo algúns). E dá á sensación de que a moita xente, incluídos os gobernos que deberían apoialo, non lles interesa xa cal é o problema de raíz, de onde vén este virus e como se pode evitar que isto pase de novos. Agora, o problema inmediato é o da pandemia, e apoiarase a solución, pero unha vez que isto pase, poñerase o foco nas outras cousas que dean resultados inmediatos. Somos pesimistas nisto.

Moitos deses virus que sabemos que están na natureza son patóxenos potenciais de animais, pero non sabemos moito (ou nada) de se poden comportarse como o SARS-CoV-2 (ou como o ébola, ou como o VIH). É dicir, quen sabe se pode saltar ao home e provocar unha pandemia similar, e mesmo máis grave. A Covid-19 é leve para a meirande parte da xente, pero quen sabe se outro virus causa efectos máis graves?

Por iso é tan importante investir en investigación; pero non só para solucionar o problema cando aparece e está xa enriba (vacinas, desinfectantes, antivirais, …), senón, e sobre todo, previr mediante o coñecemento epidemiolóxico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.