Horarios para tolear

O cambio de hora non é o verdadeiro problema.
O cambio ao horario de verán chega na última fin de semana de marzo.

Cambia a hora, pero Galicia segue lonxe do horario solar. Co atraso do reloxo para o inverno, a diferencia coa hora natural redúcese nunha hora. Pero mantense con Canarias ou o Reino Unido, que serían os referentes naturais da xornada. Os dous cambios anuais foron impostos nos anos 70 do pasado século co obxectivo dun aforro enerxético que, na realidade, case non ten importancia sobre a economía. E poden provocar molestias menores na poboación, como dificultades para conciliar o sono, dores de cabeza e malestar xeral. Sen embargo, todo apunta a que o verdadeiro problema co reloxo non está no cambio de hora, senón nos horarios do día a día, únicos no mundo, con xornadas laborais que semellan interminables.

Entramos á mesma hora a traballar, pero saímos de noite e a xornada laboral dura todo o día

Erguémonos antes de que cante o galo, pero non comemos ata a tarde. Saímos do traballo de noite e ceamos ás dez mentres vemos a televisión, que ten o seu ‘prime time’ de 22:00 a 1:00, o que atrasa a hora de ir para a cama. Os peculiares horarios españois, sen equivalente en ningún outro lugar, teñen consecuencias negativas para a saúde… entón, por que os seguimos?

Un exemplo son os horarios de comidas. En España almórzase cedo, á mesma hora que noutros países, pero, para tolemia dos famentos turistas, o xantar non se fai ata as 14:30 e a cea sempre ten lugar despois das 21:00.

Ao outro lado dos Pireneos ou do Miño, Europa come sobre as 13:00, e é raro cear despois das oito de tarde. Independentemente da cultura ou do clima, todo o mundo, dende os nosos veciños os portugueses, ata na afastada Nova Zelandia, parecen ter un ritmo diferente aos galegos e ó conxunto dos españois. Pero todo isto quedaría en mera anécdota se non fose porque se relaciona con problemas no aproveitamento do tempo.

“Somos dos países europeos que máis tarde se deita e que menos tempo dedica a durmir. Parece coma se estivésemos a gañar un récord de resistencia vital” explica Inés Alberdi, socióloga da Universidade Complutense de Madrid. O atraso da hora de irse para a cama provoca que o tempo que os españois dedican de media ao sono non chegue ás oito horas recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Á parte de quitar o sono, os ritmos españois poñen moi difícil conciliar a vida laboral e a persoal. Mentres no estranxeiro lles abonda con 45 minutos para comer, os españois parten a xornada laboral e dedican ata dúas horas a unha contundente comida. Isto leva a que, aínda que a hora de entrada na oficina é a mesma que noutros países, se sae máis tarde e o tempo para dedicar á familia, o ocio, e as tarefas domésticas se reduce.

Menos tempo para o ocio

“Cando o traballo invade a esfera privada de forma constante, a produtividade redúcese -asegura Ignacio Buqueras i Bach, Presidente da Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois-. As persoas vólvense irritables, menos comprensivas cos intereses da súa empresa, máis propensas a accidentes laborais ou de tráfico e máis estresadas. Todo isto mingua a produtividade“.

O deseño irracional dos horarios afecta de forma distinta a cada grupo social. Segundo enquisas do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso do tempo, as mulleres dedican ás tarefas domésticas e familiares dúas horas máis que as súas parellas do sexo oposto, o cal provoca que elas sufran especialmente as consecuencias dunha xornada laboral inusualmente longa.

“As grandes damnificadas son as mulleres. Se antes elas maioritariamente tiñan un traballo, agora teñen dous pola habitual falta de corresponsabilidade da súa parella”, asegura Buqueras i Bach. E, por se fose pouco, os nenos saen do colexio cando aínda non hai ningún adulto na casa.

O curioso é que non son os españois os diferentes ao resto do mundo, senón os seus reloxos. No momento en que o Sol está máis alto no ceo, é dicir, ás 12 do mediodía segundo a hora solar, os reloxos españois marcan as 13:30.

Segundo o astro rei, en España comemos entre a unha e as dúas solares e ceamos ás 20.30, uns horarios que non difiren tanto cos do estranxeiro. É dicir, os costumes alimentarios en España réxense polo Sol, aínda que os reloxos oficiais parecen empeñarse en ir ao seu.

Galicia chega a estar tres horas por diante do Sol durante o horario de verán

A causa deste desfase horario remóntase aos anos da ditadura, cando Franco adiantou sesenta minutos os reloxos para estar en sintonía coa hora que Alemaña impuxera en todos os territorios ocupados (GMT+1:00). Ata ese momento, os españois viviran acordes co horario do meridiano de Greenwich.

É dicir, ata 1942, os reloxos marcaban unha hora menos que a actual (GMT+0:00), a mesma que teñen hoxe Inglaterra, Portugal e as Illas Canarias e a que a España lle corresponde pola súa situación xeográfica, xa que o meridiano de Greenwich pasa por Castellón e deixa practicamente toda a península ao oeste.

Máis aínda, Galicia, a parte máis occidental da península, podería xa adherirse ao seguinte fuso horario (GMT-1:00). Os seus reloxos durante o inverno están dúas horas adiantados á hora solar.

Pluriemprego na posguerra

Esta incoherencia intensifícase aínda máis ao adoptar o horario de verán. O cambio de hora é unha medida controvertida, pero está establecida por unha directiva da Unión Europea e baséase en estudos que aseguran que favorece o aforro enerxético. Galicia en verán chega a estar ata tres horas por diante do sol, e o mediodía solar acontece despois das 14:30.

Ademais do fuso horario, o pluriemprego durante os anos de pobreza da posguerra tamén se suxeriu como orixe das tardías ceas nacionais. Tras a guerra civil, era común ter un traballo ata as dúas da tarde, e outro despois de comer ata ben entrada a noite.

Aínda que o pluriemprego non é común na sociedade actual, cear tarde podería ser un vestixio dunha época en que si o era, do mesmo xeito que os horarios matinais da banca e a administración.

A Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois propón que a solución sería volver ao fuso horario de Greenwich polo que España se rexía en 1942. “É unha decisión que debe tomar o Goberno, e así pedímosllo, sen éxito, aos dous últimos presidentes,José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy. É doada de levar á práctica, automática e inmediata, e ademais, non xera ningún custo económico” asegura Buqueras e Bach, en declaracións á axencia SINC.

Sería tan sinxelo como non adiantar os reloxos o próximo ano coa chegada da primavera. O proceso debería ir acompañado por un cambio en certas actividades sociais. Por exemplo, o ‘prime time‘ da televisión adiantaríase unha hora e, no traballo e a escola, tería que fomentarse a xornada continua e reducir a pausa para a comida.

“O obxectivo da racionalización dos horarios é facernos a vida máis doada e conseguir que sexan compatibles as diferentes obrigas e desexos de realización vital de homes e mulleres que son, á vez, nais, pais e traballadores” conclúe Inés Alberdi.

2 COMENTÁRIOS

  1. Estiven en Italia bastante tempo, e aínda que ten a mesma franxa horaria (GMT + 1) cean xantan á 12:30-13, e cean ó redor das 20.00. Moita xente érguese cedo, e tamén vai a dormir cedo. Persoalmente, sentíame máis cómoda neses horarios, parécenme máis sanos, máis naturais. Quero tamén engadir que eu lín unha vez que Franco cambiou a hora para tener a mesma franxa horaria que Mussolini e Hitler. En fin…

  2. “Pero mantense con Canarias ou o Reino Unido, que serían os referentes naturais da xornada. ”

    Que problema haberá tamén para engadir Portugal á lista?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.