FlowReserve, a nova spin-off da USC contra as cardiopatías isquémicas

A técnica desta empresa permite coñecer o grado preciso de oclusión das arterias coronarias calculando o fluxo interno sobre imaxes do TAC

O sistema ofrece un diagnóstico en 24 horas. FOTO: Santi Alvite

FlowReserve, a nova spin-off da USC e da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, acaba de ver a luz para ofrecer solucións de medicina personalizada en cardioloxía ao proporcionar indicadores de diagnóstico cardiolóxico por métodos non invasivos obtidos mediante reconstrución de imaxes do TAC e aplicación de modelos de dinámica de fluxo. Os socios e o equipo promotor da empresa proceden do Grupo de Investigación de Física Non Lineal da USC, con Alberto e Vicente Pérez Muñuzuri á cabeza; e do Departamento de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, liderado polo tamén profesor da USC, José Ramón González Juanatey. A directora xeral será María Seoane.

A solución que está a desenvolver esta spin-off permite que o equipo médico coñeza o grado preciso de oclusión das arterias coronarias, obtido a través do cálculo de fluxo interno sobre a reconstrución das imaxes do TAC dos pacientes con cardiopatía isquémica. O 1% da poboación total poderíase beneficiar desta proba diagnóstica non invasiva.

Os socios e o equipo promotor da empresa proceden do Grupo de Investigación de Física Non Lineal da USC, con Alberto e Vicente Pérez Muñuzuri á cabeza; e do Departamento de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, liderado polo tamén profesor da USC, José Ramón González Juanatey. A directora xeral será María Seoane.

Este sistema ofrece un diagnóstico detallado en 24 horas que lle permite ao cardiólogo dispor da información sen ter que levar a cabo o procedemento que agora mesmo se utiliza e que consiste na introdución dun catéter e guía de presión ata o corazón. Con esta nova tecnoloxía evitaríanse procedementos diagnósticos e terapéuticos innecesarios, así como complicacións relacionadas. Esta solución permite unha mellor planificación do tratamento, mellora da calidade de vida do doente, redución do tempo de recuperación e da súa presenza no hospital, así como un notable aforro nos custos do tratamento.

“Agora mesmo xa se está a probar no Hospital Clínico, con resultados prometedores, e realizaranse máis probas noutros hospitais, tanto do Sergas como internacionais”, apuntan dende o equipo que conforma esta nova spin-off. Os plans da empresa son ampliar o estudo clínico, expandir a solución a outros hospitais, colaborar en proxectos de cardioloxía a nivel europeo e incorporar variables preditivas.

BioIncubaTech

FlowReserve é un dos proxectos acollidos en BioIncubaTech, a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. Conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia. O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación Incyde na súa convocatoria 2018 de “Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes” (Fondos FEDER), e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.