Venres 19 Abril 2024

Así funciona o estimulador vagal que mellora a vida dos nenos con epilepsia

Esta especie de marcapasos colócase no nervio vago, situado na rexión cervical e permite controlar as crises mediante a emisión de impulsos ao cerebro

A epilepsia é unha desorde neurolóxica común que afecta ao 0,8% da poboación en Galicia, o que supón aproximadamente 18.000 persoas, segundo os datos da Unión Galega de Epilepsia. Esta enfermidade desencadea na persoa síntomas como: convulsións, espasmos musculares, perda momentánea da conciencia, mirada perdida, camiñar sen rumbo, mastigación, tremores, movementos torpes ou fala confusa.

O tratamento máis común para abordar as crises son os fármacos —efectivos nun 70% das persoas—, pero tamén se poden aplicar outros métodos como a cirurxía ou os estimuladores. Na XXXVII Reunión da Sociedade Española de Neurocirurxía Pediátrica celebrada en Santiago, a neurocirurxiá da Unidade de Epilepsia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) Carla Frieiro, falou da experiencia do estimulador vagal implantado no seu hospital, toda unha referencia a nivel galego.

Publicidade

O estimulador vagal

No caso das crianzas con epilepsia, “cando os medicamentos non funcionan a doses moi altas ou os nenos non son candidatos para a cirurxía, ou ben esta falla, implántase o estimulador vagal”, indica Frieiro. Esta especie de marcapasos colócase no nervio vago, situado na rexión cervical, e permite controlar as crises mediante a emisión de impulsos ao cerebro. “É un método moi seguro, sen apenas efectos secundarios”, sinala a doutora.

Ilustración da colocación do estimulador vagal.
Ilustración da colocación do estimulador vagal.

“O dispositivo é unha especie de hélice que hai que enrolar sobre o nervio, implantando o eléctrodo por medio de cirurxía”, explica a neurocirurxiá, e engade que “leva unha batería que se coloca na axila do paciente e que vai conectada co pescozo por baixo da pel”. A este estimulador fóronlle incorporando avances, como un imán que as familias poden colocar na batería cando detectan que a crianza vai sufrir unha crise, co que se consegue que se acurte, ou mesmo que finalmente non se desencadee. “É o sistema máis eficaz que existe na actualidade para tratar a nenos con epilepsias graves”, asegura.

Experiencia galega

Na Unidade de Epilepsia do CHUS este dispositivo comezou a implantarse no 2008 a criaturas procedentes de toda Galicia e incluso doutros puntos de España. Dende ese ano, foron 28 os nenos aos que se lles puxo o estimulador vagal. Segundo Frieiro: “Os resultados mostran un 55% de efectividade. Iso quere dicir que se diminúe o número de crises en máis do 50%. A maiores, case o 10% de pacientes aos que lle implantou está sen ningunha crise”.

Unha das crianzas con estimulador vagal.
Unha das crianzas con estimulador vagal.

No caso de funcionar correctamente, este aparello pode ser de por vida. Non obstante, hai que ter en conta que “a pila, que se coloca na rexión axilar, se a usas con frecuencia hai que cambiala cada 4 ou 5 anos” indica a doutora, “o que implica unha intervención cirúrxica, que require de anestesia xeral”. Entre os datos positivos destaca que “o risco de infección a posteriori é moi baixo, do 1%”.

Aínda que o dispositivo non produce moitos efectos secundarios, “algunhas criaturas si que teñen tos ou disfonía, provocadas pola estimulación do nervio vago, que é moi sensible”, explica Frieiro. E engade: “A parte boa é que como se poden axustar os parámetros no aparello, son efectos bastante levadíos”.

Calidade de vida

A epilepsia é unha desorde neurolóxica común que xera unha alteración na actividade normal das neuronas, concretamente é unha excesiva actividade eléctrica dun grupo de neuronas que provoca que se produzan crises de forma repetida. No caso das crianzas que presentan epilepsias patolóxicas e que lles resulta moi complicado controlar as crises, o estimulador vagal adoita complementarse coa administración de fármacos —aínda que a comunidade experta busca que se chegue a abandonar o seu consumo ou polo menos reducilo notablemente—.

“Ao diminuír o número de crises, as crianzas empezan a mellorar a expresividade verbal e a atención, e poden chegar a escolarizarse”

Este dispositivo ten como vantaxe principal a mellora do rendemento escolar. “Ao diminuír o número de crises, as crianzas empezan a mellorar a expresividade verbal e a atención, e poden chegar a escolarizarse, o que lles axuda a mellorar a súa calidade de vida”, conclúe a doutora Carla Frieiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os proxectos galegos REDILE e NEmecum, galardoados nos III Premios Ennova Health

Investigadores do HULA e do CHUS, premiados por iniciativas para a rehabilitación dos trastornos da linguaxe e para corrixir a desnutrición de pacientes hospitalizados

Problemas de sono e TDAH: como se relacionan estes dous trastornos?

O trastorno por déficit de atención e hiperactividade e os problemas para durmir son alteracións frecuentes na infancia que parecen retroalimentarse

A exposición a plastificantes no embarazo asóciase con menor cociente intelectual na infancia

Unha investigación achega novas evidencias sobre os posibles efectos no desenvolvemento cerebral dos nenos e nenas de 10 anos

A sobreexposición dixital dos nenos en verán provoca ansiedade e trastornos do sono

Máis do 16% dos cativos de 10 anos xa utilizan dispositivos electrónicos diariamente, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE)