Coca-Cola financiou a 74 entidades médicas e científicas en España, segundo o estudo.

Coca-Cola financiou a 74 entidades médicas e científicas en España, segundo o estudo.

Coca-Cola pagou oito millóns en España por investigacións que mellorasen a súa imaxe

Dous científicos españois sinalan que a multinacional financiou a institucións médicas para estudos que minimizaban os efectos das bebidas azucradas

Os maiores aínda recordan o tempo no que o tabaco estaba enraizado no máis profundo da sociedade e a opinión pública. As grandes tabacaleiras anunciaban e vendían os seus produtos como un sinónimo de elegancia e distinción social. Mesmo os médicos se prestaban a saír nos anuncios de cigarros, negando calquera efecto daniño sobre a saúde. E o mesmo acontecía co azúcar, xa que recentes investigacións internacionais expuxeron que as grandes azucreiras influíron en estudos científicos para minimizar o dano dos seus produtos nas doenzas coronarias ou a carie. Esta reportaxe de Hipertextual explica perfectamente aqueles anos de manipulación. Pero, son estas prácticas cousa do pasado? Un estudo publicado por dous científicos españois, que avanzou o pasado venres Materia, conclúe que Coca-Cola pagou só en España arredor de oito millóns de euros a entidades médicas e científicas para financiar investigacións sobre nutrición e saúde.

“Os estudos pagados por Coca-Cola están en desacordo cos esforzos realizados para mellorar a saúde da poboación”

Parte destes estudos, segundo as conclusións dos autores do artigo, publicado na revista da Asociación Europea de Saúde Pública, “cumpren obxectivos comerciais que están en desacordo cos esforzos realizados para mellorar a saúde da poboación” en materia de nutrición. Os científicos que asinan a investigación, Carlos Alberto González e Juan Pablo Rey, describen de xeito pormenorizado as relacións entre Coca-Cola e as organizacións de saúde en España.

Os datos, que achega a propia Coca-Cola e que tamén recolle Materia, sinala que a fabricante de bebidas pagou, entre 2010 e 2017, 835.000 euros á Fundación Iberoamericana de Nutrición, 640.000 euros á Fundación Española del Corazón e, 567.000 euros á Fundación Española de Nutrición, entre outros. Con todo, segundo recolle o artigo, “os problemas de transparencia entre os autores e as organizacións receptoras implican que estamos ofrecendo estimacións moi conservadoras sobre o impacto desta empresa na saúde pública”.7

De 20 publicacións estudadas, 14 delas aliñáronse coas estratexias de comercialización de Coca-Cola, din os autores

“A redución da inxesta de refrescos segue sendo un obxectivo importante para mellorar a saúde da poboación, e existen preocupacións acerca de como os estudos de nutrición patrocinados pola industria tenden a favorecer o interese do patrocinador“, sinalan González e Rey.

Os resultados do estudo expoñen que en España “un total de 74 organizacións de saúde recibiron fondos de Coca-Cola entre 2010 e 2016. As organizacións de nutrición e cardioloxía recibiron o maior apoio”. Os científicos identificaron 20 artigos derivados dos proxectos pagados por Coca-Cola. E “a maioría das publicacións (14 de 20) aliñáronse coas estratexias de comercialización utilizadas por Coca-Cola (por exemplo, centrándose na inactividade física como a principal causa da obesidade)”, din os investigadores.

Na propia web da multinacional tamén se poden atopar estudos que promoven o consumo das bebidas edulcoradas, como son as da liña Light ou Zero da Coca-Cola, relacionándoas co control do peso, unha dieta equilibrada ou coa mellora da saúde e demostrando que a súa inxesta non aumenta os niveis de glucosa no sangue.

Segundo a Escola de Saúde Pública da universidade de Harvard, unhas 180.000 mortes cada ano están asociadas ao excesivo consumo de bebidas azucradas; 133.000 delas por diabetes, 44.000 por doenzas cardiovasculares e 6.000 por cancro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.