Científicos de Santiago descobren que o aire do sur agrava os casos de gripe en Galicia

O número de casos de gripe diagnosticados en Galicia entre 2003 e 2013 foi de 113.957 -o que supón unha media anual de 10.359-, e o de admisións hospitalarias pola enfermidade de 5.830 persoas. Diversas investigacións apuntan que, ademais dos sociais, os custes hospitalarios e de absentismo laboral asociados á gripe representan unha elevada carga económica, sendo ese custe moi superior entre os pacientes considerados grupos de risco.

Diante desta situación, o grupo Geobiomet formado por investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e Cantabria traballan nun proxecto de investigación de ámbito estatal para elaborar un sistema de alerta que anticipe o nivel de risco biometeorolóxico nas diferentes rexións climáticas peninsulares en materia de epidemias gripais, e así diminuír os custes sociais e económicos que implican os ingresos hospitalarios por esta enfermidade. Forman parte del o xeógrafo da USC Alberto Martí, os investigadores do Departamento compostelá de Saúde Pública Margarita Taracido e Adolfo Figueiras, e os xeógrafos da Universidade de Cantabria Pablo Fernández e Dominic Royé.

Publicidade

O efecto en Galicia
Para valorar o efecto que a dinámica atmosférica puidera ter nos procesos de expansión das epidemias gripais, o equipo estudou a relación entre os ingresos en hospitais públicos asociados á gripe en Galicia e os tipos de tempo nesa comunidade entre os anos 2003 e 2013. Os primeiros resultados presentáronos recentemente no X Congreso Internacional da Asociación Española de Climatoloxía que tivo lugar en Alacante.

Para a investigación manexáronse datos de presión atmosférica da superficie do National Center for Atmospheric Research (NCAR), cos que se elaborou unha clasificación de situacións atmosféricas e de tipos de tempo para Galicia.  Nun modelo estatístico dos utilizados en epidemioloxía ambiental cruzáronse eses datos cos ingresos diarios en hospitais clínicos públicos de Galicia e cos rexistros semanais de casos de gripe que facilitaron o Ministerio de Sanidade e o Instituto Nacional de Epidemioloxía.

Dese traballo concluíron que os maiores aumentos do risco de hospitalización por gripe en Galicia, máis do 70% de incremento, se producen entre 5 e 6 días despois da chegada de masas de aire procedentes do suroeste e do sur, que durante o outono e o inverno provocan un tipo de tempo húmido e frecuentemente chuvioso, con temperaturas suaves.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As consultas por gripe aumentan un 107% en Galicia na última semana

A Consellería de Sanidade contabiliza 150 novos ingresos por influenza, a maioría de tipo A, entre o 6 e o 13 de xaneiro

A vacina da gripe reduce entre tres e catro veces o risco de morte en persoas vulnerables

Investigadores españois defenden que as inxeccións antrigripais previron a metade de mortes asociadas en maiores de 65 anos nas últimas dúas décadas

Drástico descenso da covid: “Pode que nun par de anos xa non teñamos que vacinarnos”

A inmunóloga África González asegura que hai poucos ingresos e leves, polo que o virus pode converterse co tempo nun arrefriado común

Os ingresos por gripe en Galicia aumentaron un 55% na última semana

O virus provocou 107 novas hospitalizacións e suman 313 no que vai de tempada