Un científico galego atopa unha alternativa para tratar a fibrose pulmonar

Juan Fandiño, do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, demostra que o uso dun fármaco mellora as perspectivas desta doenza crónica

Só ou en combinación con outros fármacos o tratamento con liraglituda pode supor unha nova alternativa terapéutica da fibrose pulmonar idiopática, unha enfermidade crónica, progresiva e fatal que se caracteriza por unha diminución progresiva da función pulmonar e que só en España afecta a entre 8.000 e 12.000 persoas. Esta é a principal conclusión da tese de doutoramento de Juan Fandiño, investigador do Laboratorio de Endocrinoloxía do Cinbio, Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo.

Imaxes de mostras de diferente tipo de tecido pulmonar. Fonte: Duvi.
Imaxes de mostras de diferente tipo de tecido pulmonar. Fonte: Duvi.

A fibrose é unha resposta de reparación anómala na que se sintetiza unha gran cantidade de proteínas que se acumulan entre as células, como é o coláxeno, que substitúen ao tecido pulmonar normal e reducen a función respiratoria. “O tratamento con liraglutida non só posúe efectos antifibróticos, senón que tamén produce melloras a nivel funcional e vascular no tecido pulmonar”, explica o investigador, quen resalta a importancia destes achados facendo fincapé en que na actualidade o tempo de supervivencia promedio desde o diagnóstico da enfermidade é de só catro anos.

Publicidade

A alternativa baséase no uso de liraglutida, un fármaco usado na diabetes ou a obesidade

A día de hoxe existen dúas moléculas aprobadas para o tratamento desta doenza que fan, lixeiramente, algo máis lento o desenvolvemento da enfermidade, se ben non ofrecen unha melloría importante nin, moito menos, unha cura, polo que é fundamental desenvolver novas terapias que conduzan a unha melloría e/ou cura da enfermidade. Nesta liña, o autor da tese explica que algúns dos novos fármacos empregados para tratar a diabetes e a obesidade, caso da liraglutida, teñen importantes efectos beneficiosos sobre a función respiratoria e a circulación pulmonar, “e parecen ter tamén un papel relevante no proceso madurativo do pulmón, como xa puidemos demostrar en estudos previos do noso laboratorio”, explica Fandiño.

Estudo da fibrose en ratas

Na súa tese centrouse en estudar os efectos do tratamento con liraglutida nun modelo de fibrose pulmonar inducido en animais de experimentación, neste caso ratas. “Atopamos que esta molécula é capaz de reducir os marcadores do proceso de fibrose, moi elevados nesta doenza”, apunta o investigador. Especialmente, a liraglutida reduce a síntese e secreción de coláxeno e as encimas implicadas na súa biosíntese, incluíndo a encima prolil-4-hidroxilasa, que é crucial para a síntese local de hidroxiprolina, un aminoácido imprescindible na estabilidade do coláxeno.

Publicidade

Ademais esta molécula mellora tamén outros aspectos da bioloxía do pulmón que contribúen á función respiratoria. “Así aumenta a síntese das proteínas do surfactante pulmonar que son fundamentais na estabilización dos alvéolos e para mantelos abertos”, recalca Fandiño, quen fai tamén fincapé en que isto permite un mellor intercambio de osíxeno e dióxido de carbono entre o sangue e o aire respirado.

Integrantes do Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade de Vigo, ao que pertence Juan Fandiño. Foto: Duvi.
Integrantes do Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade de Vigo, ao que pertence Juan Fandiño. Foto: Duvi.

A maiores destas cuestións, na investigación levada a cabo no Laboratorio de Endocrinoloxía puido comprobarse que a liraglutida mellora tamén a circulación pulmonar. Nesta liña, o autor da tese sinala que na fibrose pulmonar idiopática increméntase a resistencia ao paso do sangue polos capilares pulmonares, polo que o ventrículo cardíaco dereito, “o encargado de bombear o sangue á circulación pulmonar”, hipertrófiase e produce hipertensión vascular pulmonar. Neste senso, o autor da tese lembra que a hipertensión pulmonar é unha das principais enfermidades coexistentes ou adicionais que aparecen na fibrose e é tamén o principal factor preditivo da morte nesta patoloxía. “No tratamento con liraglituda todo parece indicar que somos capaces de impedir a aparición da hipertensión pulmonar e, por tanto, da hipertrofia ventricular dereita”, conclúe o autor da tese.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais