Luns 14 Outubro 2024

Unha tese constata os beneficios do teatro en persoas con trastornos mentais

Preto do 9% da poboación española sofre algún tipo de trastorno mental que afecta ao seu desenvolvemento cognitivo, emocional, físico ou social, explica a investigadora da Universidade de Vigo Sara Fernández Aguayo, que centrou a súa tese de doutoramento no deseño e avaliación dun programa de dramaterapia dirixido a persoas afectadas por trastornos mentais.

A investigación, centrada no uso de técnicas teatrais para promover o desenvolvemento persoal e grupal, “identificar e desenvolver fortalezas, identidade, habilidades metas e obxectivos”, a dramaterapia é unha ferramenta de intervención que proporciona un lugar no que “relacionarse con diferentes problemáticas sen necesidade de vivilas directamente”, explica a investigadora do grupo GIES-10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Nun campo no que “non hai publicacións científicas previas en España”, o da dramaterapia e a saúde mental, Fernández Aguayo puido comprobar a eficacia desta disciplina para o desenvolvemento da autoestima, a asertividade, a creatividade, a identificación e expresión de emocións, sentido da vida e capacidade para facer fronte a interaccións sociais dos e as participantes, “mellorando así a súa calidade de vida”.

Publicidade

Dirixida pola catedrática desta facultade e investigadora principal do grupo GIES-10, Margarita Pino, a tese Drama como técnica terapéutica en saúde mental: deseño e avaliación dun programa xorde “como resposta á situación das persoas cun diagnóstico de enfermidade mental en Galicia, unha poboación estigmatizada e con escasas posibilidades para a súa inclusión e desenvolvemento”, apunta Sara Fernández, quen sinala que estas enfermidades poden traducirse en “illamento social, baixa autoestima, falta de motivación, aplanamento emocional ou falta de metas ou propósitos”.

Sara Fernández Aguayo defendeu a súa tese na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Foto: Duvi.
Sara Fernández Aguayo defendeu a súa tese na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Foto: Duvi.

Fronte a estas problemáticas, numerosos estudos, engade, amosan “a eficacia das artes” na recuperación deste tipo de pacientes e máis en concreto nos “beneficios e mellorías que se producen especialmente nos síntomas negativos e cognitivos cando se traballa coa dramaterapia”. Non obstante, esta ferramenta conta ata a data con “moi escasos recursos teóricos e científicos” en español, recoñece a investigadora, quen buscou tamén coa súa tese contribuír a achegar coñecemento teórico sobre esta disciplina e a súa aplicación, así como a “intentar conseguir o recoñecemento da dramaterapia en España, que noutros países é unha terapia recoñecida”.

Publicidade

Un programa desenvolvido con 50 pacientes

O programa deseñado pola autora deste tese foi posto en práctica cun grupo de 51 pacientes adultos nos centros de rehabilitación das asociacións Avelaíña e Doa, en Baiona e A Guarda e en Vigo e Cangas, respectivamente. Constituído por unha serie de actividades “baseadas nos principios do drama e o teatro”, que implicaban “dunha forma ou outro o corpo no traballo”, o programa realizado por persoas diagnosticadas de esquizofrenia, no 76% dos casos, xunto con pacientes con bipolaridade e trastorno obsesivo compulsivo, centrábase nunha primeira parte en traballar, a través de diferentes exercicios e dinámicas teatrais, a autoestima, a relación cos demais ou a superación dos medos.

Xa na súa segunda parte, a iniciativa tiña como eixo a posta en común dos materiais creados nos diferentes exercicios co propósito de levar a cabo unha “creación colectiva”, na que cada grupo “decide que quere contar e como o vai contar” e que podían presentar en público ao remate do programa, como fixeron os catro grupos participantes na iniciativa. “Esta creación en común fíxase como a consecución dun logro e queda como referente para outras situacións futuras”, sinala da fase final dun programa que previamente presentara no libro Diseño y evaluación de programas educativos en el ámbito social, do grupo GIES10.

Mellor resposta ante diferentes situacións sociais

Valéndose de instrumentos cuantitativos e cualitativos, que contribúen tamén a replicación dun programa que con adaptacións podería aplicarse tamén a outros colectivos, a investigación completouse co desenvolvemento dun método de avaliación dos resultados desta iniciativa que permitiu comprobar “a súa eficacia e utilidade para o desenvolvemento da autoestima, asertividade, sentido da vida, calidade de vida, interaccións sociais, expresión de emocións e creatividade das persoas con deterioro da súa saúde mental”.

Concretamente, nesta avaliación final rexistrouse unha “eficacia estatisticamente significativa na diminución do malestar e probabilidade de resposta ante diferentes situacións sociais”, os dous compoñentes de asertividade analizados. Do mesmo xeito, rexistráronse melloras na percepción por parte dos participantes dos seus niveis de “saúde, dependencia e soidade” Concretamente, o 35% referiron que o seu grao de saúde se elevara ao final do programa, mentres que máis do 50% apuntaban que o seu nivel de dependencia diminuíra e un 25% sinalaban unha mellora no “grao de sociedade” percibido.

“Aínda non sendo significativos”, xa que se trata de variables que requiren “dun longo proceso” para ser interiorizadas, os resultados amosan tamén, explica a investigadora, un aumento da autoestima e da súa percepción do sentido da vida entre o inicio e o final da actividade. “O programa presentouse como un reto que a través do traballo foron alcanzado, xerando así un referente de éxito que se reforza coa presentación ante o público e a boa resposta deste”, engade Fernández Aguayo, quen constatou tamén nesta análise melloras “na identificación e expresión emocional, así como un aumento da creatividade”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves de Cobenfy, o fármaco que emprega unha nova vía para tratar a esquizofrenia

Ao evitar o bloqueo da dopamina e centrarse noutro neurotransmisor, o tratamento elimina os efectos secundarios das terapias máis clásicas

Tres consellos para levar unha vida activa e combater o estrés e o cancro

Diversas investigacións amosan que os pacientes con maior proporción de músculo experimentan unha quimioterapia máis eficaz e menos tóxica

Sofres estrés despois das vacacións? Estes son os consellos dos expertos para voltar ao traballo

A contorna laboral expón aos traballadores ao que dous importantes cardiólogos estadounidense definiron na década dos anos 70 como a 'enfermidade das présas'

Catro de cada dez galegos tomaron tranquilizantes nalgunha ocasión

Un informe do Sergas sobre condutas de risco destapa unha problemática xeneralizada en torno á saúde mental, cunha especial incidencia nas mulleres adultas de entre 45 e 64 anos