Unha nova bateria intestinal. Ese é o achado dun equipo de investigadoras do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos, centro de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (IATA-CSIC). Conseguiron identificar unha nova bacteria do xénero Holdemanella que, ademais, é capaz de reducir os niveis de glicosa en sangue despois das comidas, así como de mellorar o metabolismo en órganos como o fígado. Estes dous indicadores están alterados en persoas con obesidade, con síndrome metabólico ou con diabetes tipo 2, polo que a súa regulación e restauración funcional sería moi beneficiosa para estas patoloxías.
O equipo que levou a cabo o descubrimento está coordinado por Yolanda Sanz, investigadora do IATA-CSIC. Centrou o seu estudo en analizar a función que as bacterias que habitan no noso intestino teñen na nosa saúde, non unicamente os efectos locais que exercen no intestino, senón tamén os que se producen a través da súa interacción con diversos órganos e sistemas, incluído o fígado e o cerebro.
Modelos experimentais
No estudo, publicado na revista The Federation of American Societies for Experimental Biology Journal, avaliouse a eficacia preclínica dunha bacteria do xénero Holdemanella en modelos experimentais animais, e demostrouse que esta bacteria é eficaz para regular os niveis de glicosa en todo o organismo, exercendo unha función que podería ser moi útil para a prevención e o tratamento da resistencia insulínica, a hiperglicemia e a diabetes. Ademais, xa se secuenciou o xenoma completo desta bacteria para confirmar a seguridade do seu uso en humanos.
“As aplicacións desta bacteria son diversas e presentan un horizonte optimista. En particular, no campo da alimentación, a bacteria podería utilizarse como probiótico de nova xeración”, así o explica Marina Romaní, investigadora postdoutoral no IATA-CSIC. Continúa afirmando que esta bacteria tamén se podería empregar na industria farmacéutica como axente bioterapéutico para o tratamento e a prevención das disfuncións do metabolismo da glicosa. Así mesmo, en combinación con fármacos antidiabéticos, para incrementar a súa eficacia a doses reducidas e, por tanto, reducir tamén os seus efectos adversos.
Como actúa a bacteria intestinal
A bacteria intestinal do xénero Holdemanella forma parte da microbiota natural de individuos metabolicamente sans e ten a capacidade de mellorar a tolerancia á glicosa. É dicir, de reducir as concentracións de glicosa tras a inxesta, no contexto da obesidade. Tamén diminúe as concentracións de glicosa elevadas en condicións basais e reverte alteracións da gluconeoxénese e a resistencia insulínica no fígado asociadas á obesidade. Esta bacteria presenta a peculiaridade de que é capaz de modular o sistema endocrino do intestino e a comunicación que existe entre o intestino e o cerebro para controlar o metabolismo.
A maiores disto, a bacteria favorece a secreción da hormona gastrointestinal GLP-1 no intestino groso. Esta hormona libérase despois de cada comida para reducir os niveis de glicosa en sangue. No intestino delgado, a bacteria tamén parece mellorar os sinais que a hormona GLP-1 manda ao cerebro, por vía neural, favorecendo o control do metabolismo da glicosa en tecidos periféricos como o fígado. Esta hormona é de gran interese para a industria farmacéutica, de feito, análogos sintéticos da hormona GLP-1 son comercializados actualmente para o tratamento da diabetes tipo 2.
A relación entre sobrepeso, obesidade e a diabetes
É preciso indicar que na actualidade, a diabetes afecta a ao redor dun 8% da poboación xeral. Trátase dunha enfermidade grave e, de non tomar medidas, pronto afectará ao 10%. O abuso de alimentos ricos en carbohidratos ou azucres, frecuentemente asociado ao sobrepeso e a obesidade, relaciónase con maiores niveis de glicosa en sangue. A glicosa, a nosa principal fonte de enerxía, entra nas células grazas á insulina, hormona liberada polo páncreas tras a inxesta de comida.
Os suxeitos con sobrepeso e obesidade presentan un exceso de glicosa en sangue, como consecuencia do consumo de dietas pouco saudables, e requiren unha maior secreción de insulina para que a glicosa, tras a inxesta de alimentos, entre no interior das células e reduza a glucemia en sangue. A longo prazo, a maior demanda de insulina fai que as células non respondan a esta hormona e que a función do páncreas finalmente resulte deteriorada. Como consecuencia, os niveis de glicosa en sangue permanecen elevados de forma continuada derivando no desenvolvemento de diabetes e ocasionando fallos en distintos órganos, como o páncreas.
Referencia: Holdemanella biformis improves glucose tolerance and regulates GLP-1 signaling in obese mice. (Publicado en FASEB Journal)