África González. Foto: Duvi.
África González. Foto: Duvi.

África González dirixe un manual de referencia sobre inmunoxenética

A inmunoxenética é unha área de coñecemento que experimentou un espectacular avance nos últimos anos. Precisamente por ser un campo de estudo tan recente, existe unha carencia de libros en castelán sobre a materia, un nicho que tratar de encher o Manual sobre Inmunoxenética que coordina a catedrática da Universidade de Vigo África González. En total participan cinco expertos de centros de investigación e universidades nacionais que asinan unha obra “innovadora, con información moi actual e na que participaron expertos en cancro, inmunodeficiencias, autoinmunidade, grupos sanguíneos, inmunoloxía básica e xenética”.

O traballo busca o máximo rigor científico, pero cunha linguaxe didáctica para achegalo ao público

Así, os autores do libro son, xunto coa profesora González, que asina tres capítulos, Alfredo Corell, profesor da Universidade de Valladolid; Manuel Juan Otero, xefe de Inmunopatoloxía do Hospital Clínic de Barcelona; Eduardo Muñiz, xefe da división de Inmunohematoloxía do Banc de Sang i Teixits de Barcelona e José R. Regueiro, catedrático de inmunoloxía da Universidade Complutense de Madrid. “Apostamos polo máximo rigor científico pero cunha linguaxe didáctica, expoñendo os coñecementos e aspectos da interacción xenes-inmunidade cunha simbiose perfecta entre as dúas disciplinas”. E é que como destacan os autores no prólogo do libro, “está dirixido principalmente ao alumnado de graos do eido científico, como Medicina, Bioloxía, Química, Veterinaria, Bioquímica ou Biotecnoloxía, pero tamén a residentes e a calquera lector con interese na Inmunoloxía e a Xenética”.

África González explica que a idea de poñer en marcha este libro naceu da experiencia previa nunha publicación sobre Xenética, coordinada por César Benito, na que se incluía un capítulo sobre inmunoxenética. Tras o éxito do volume e o interese polo tema, lembra a catedrática, “Benito propúxome coordinar un libro só dedicado á temática da relación do sistema inmunitario coa xenética”, que segundo explica “é a ciencia que estuda as relacións entre os xenes, as enfermidades e o sistema inmunitario. “É un libro moi actual”, apunta, que cobre unha área de coñecemento que experimentou un espectacular avance nos últimos anos.

“Como dicimos no prólogo este libro pretende achegar a Inmunoxenética dunha forma didáctica e amena a todo aquel lector interesado nas bases xenéticas da resposta inmunitaria, así como das súas patoloxías”.  Así, todos os capítulos do volume comezan cunha lista de conceptos por estudar e uns obxectivos para a aprendizaxe e rematan coas conclusións, un resume conceptual e dez preguntas de autoavaliación.

Portada do manual de inmunoxenética. Fonte: Editorial Síntesis.
Portada do manual de inmunoxenética. Fonte: Editorial Síntesis.

O libro iníciase cunha breve historia dos principais fitos en Inmunoxenética, como o descubrimento dos grupos sanguíneos, rexeitamento de transplantes ou a rotura de dogmas da xenética clásica cos mecanismos de recombinación xenética, entre outros, para que o lector poida coñecer posteriormente os principais compoñentes do sistema inmunitario e as súas interaccións.  África González continúa debullando os seguintes capítulos “que se focalizan nas patoloxías, comezando coas inmunodeficiencias de base xenética, as súas causas e tipos principais, pasando polas enfermidades autoinmunes, que se producen cando o sistema inmunitario se dirixe fronte a compoñentes do propio organismo. Neste último capítulo, abórdase sobre todo a relación entre as enfermidades autoinmunes e as moléculas de complexo principal de histocompatibilidade, así como coas inmunodeficiencias.

Outra das patoloxías que se estudan neste bloque é a alerxia, que se está incrementando dun xeito moi importante, sobre todo nos países industrializados, cunha importante compoñente hereditaria, xunto a outros factores tales como ambiente, alimentación e epixenética. “Abordaranse tamén conceptos moi innovadores como o papel do microquimerismo, así como outras enfermidades hereditarias do sistema inmunitario. Afóndase pola xenética dos grupos sanguíneos eritrocitarios, facendo especial fincapé nos principais sistemas descritos e na función biolóxica dos mesmos. Os últimos capítulos céntranse na inmunoterapia xénica, con aplicación tanto en inmunodeficiencias, cancro como en infeccións graves, na inmunoxenética do cancro e finalmente en metodoloxías actuais para os estudos de Inmunoxenética.

Como resume a coordinadora, “agardamos que este libro sexa de interese, aclare conceptos e resolva dúbidas, e que o seu estudo poida axudar a todos aqueles profesionais que desenvolven un labor onde a Inmunoxenética xogue un papel importante”. Os autores amósanse moi satisfeitos co resultado e recoñecen que “a dificultade maior foi homoxeneizar os textos, o nivel, a extensión dos capítulos, etc”. Tamén destacan que o libro, que na súa versión en liña está en cor, é froito dun grande esforzo para que sexa moi visual, con moitos esquemas, fotos e gráficos. Como apunta González, trátase dunha publicación “moi rigorosa e agardamos que sexa atractiva para o alumnado, que axude na súa aprendizaxe, que aclare conceptos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.