María Victoria Moreno, elixida para o Día das Letras Galegas 2018

A escritora María Victoria Moreno, figura da literatura infantil galega, será a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018, por decisión da Real Academia Galega. Mestra e escritora, naceu en Estremadura. En Madrid licenciouse en Filoloxía Románica, onde tivo como profesores a Rafael Lapesa e Dámaso Alonso. No ano 1963 chegou a Pontevedra e quedou namorada para sempre da cidade, ainda que fixo logo estadías en Lugo e Vilalonga (Sanxenxo). Xa asentada definitivamente en Pontevedra, foi profesora nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, desde os anos 80 ata a súa xubilación.

Aínda que publicou as súas primeiras obras en castelán -e mesmo foi finalista do Premio Café Gijón– en Galicia adquiriu o compromiso de escribir só en galego.

Publicidade

O Álbum das Mulleres do Consello da Cultura Galega fai un repaso da obra de María Victoria Moreno:

“Contaba María Victoria que soñara Mar Adiante como a singradura dunha escola ideal. O conto “Crarisca e Luceiro” levou o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho” en 1972. Leonardo e os fontaneiros (1986) era a súa obra preferida. Esta novela, que propón diferentes formas de lectura, reflicte o mundo interior dun rapaz e a súa amizade cun can da rúa. Levou o terceiro premio do concurso “O barco de vapor” en 1985. Anagnórise (1989) é unha das obras con máis éxito da literatura xuvenil galega. A xeito de “road-movie”, unha muller misteriosa recolle no seu coche a un desorientado adolescente que emprenderá unha viaxe cara ao coñecemento. Guedellas de seda e liño (1999), mención especial White Ravens 2002, retrata dous mundos, o paio e o xitano, a través da vida de dúas nenas e un primeiro amor. No 2004, afectada polo cancro de mama que lle levou a vida, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade“.

Publicidade

Ademais de novelas e contos, María Victoria Moreno escribiu obras de ensaio, colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección “Árbore” da editorial Galaxia. “Como profesora, afanábase na procura dun método de ensino no que prevalecese o gozo que supón a aprendizaxe”, explica a súa entrada no Consello da Cultura Galega: “Fronte ás prohibicións, a censura e o medo, María Victoria ofrecía liberdade e xogos. Alimentaba os seus “cachorros” de palabras fermosas. A eles deixou en herdanza a súa biblioteca persoal”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio optan a Palabra do Ano 2025

A iniciativa impulsada pola RAG e a Fundación Barrié inicia o seu período de votacións, que pechará o 21 de decembro ás 23:59 horas

O manuscrito no que Castelao descoñece a súa elección como membro da RAG

A institución publica en formato dixital documentos vinculados ao ingreso do escritor galego o 25 de xullo de 1934

Onde están as mulleres? Só sete homenaxes en 62 anos de Letras Galegas

Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias, Luísa Villalta e as cantareiras son a única pegada feminina

Cantareira, dina, fala, meu… Estas son as seis candidatas a Palabra do Ano 2024

A Real Academia Galega abre a fase de votación popular para elixir o vocablo que sucederá a cibercarracho, comadre e tanxugueiras