Son moitos máis os elementos patrimoniais que se atopan ameazados en Galicia, pero máis de 30 deles aparecen recollidos nunha lista vermella que impulsa a entidade Hispania Nostra, coa que se pretende denunciar o risco de deterioro, e mesmo desaparición, que sofren numerosos bens en todo o territorio estatal. Desde novembro de 2007, a entidade leva incluíndo, baixo a supervisión dunha comisión científica de especialistas en patrimonio, os bens que se atopan en risco de desaparición, destrución ou alteración esencial dos seus valores.
O desleixo dos donos dos bens, nalgúns casos privados, pode subsanarse ás veces grazas ao traballo de entidades de defensa do patrimonio, que teñen organizado xornadas de limpeza e divulgación e iniciativas para mellorar o seu estado. En Galicia, baixo a supervisión do delegado rexional, Iago Seara, cada un dos bens da lista vermella consta dunha ficha na que se describe a súa historia, o seu valor patrimonial e as razóns que levaron á súa inclusión.
Mosteiro de San Paio. Crecente
Situado na parroquia de Albeos, no concello pontevedrés de Crecente, conta con máis de 1.000 anos de historia, pero o seu estado de conservación é “deplorable”, segundo indica a lista vermella. É unha xoia do románico comesta pola maleza e o abandono, e sufriu sucesivos expolios. Está en mans privadas, e mesmo estivo á venda por 300.000 euros a través da internet. No outono de 2019, a asociación O Sorriso de Daniel realizou unha xornada de limpeza para recoller o lixo acumulado, pero a restauración segue pendente.
Mosteiro San Paio de Abeleda. Castro Caldelas
Mosteiro do século XII que trala desamortización de Mendizábal pasou a mans da Casa de Alba. Ten capiteis románicos policromados, e sufriu xa expolio de retablos barrocos e neoclásicos e algunha columna do antigo claustro. Algunhas entidades realizan limpezas periódicas do lugar para evitar un maior deterioro.
Sanatorio de Cesuras. Oza-Cesuras
Edificio modernista proxectado nos anos 20 do século XX como centro de atención a persoas con tuberculose, aínda que a obra non chegou a acabar. Está abandonado e en ruínas, con perigo de derrubamento, e é obxecto de vandalismo. Hai anos ideouse un proxecto de rehabilitación que non se levou a cabo.
Torre da Penela. Cabana de Bergantiños
É a única das torres que se conservan da construción, de orixe medieval e que protexía o condado de Penela. Está recoñecida como Ben de Interese Cultural, pero atópase en ruínas. O Concello de Cabana iniciou en 2018 os trámites para adquirila e acometer a súa restauración, xa que hai varios anos sufriu derrubamentos.
Casa da Cadea. A Pobra do Caramiñal
Unha das poucas mostras do seu tipo en Galicia. Construído no século XVIII, e funcionou como cárcere ata finais do século XIX. Está inventariado pero en estado ruinoso. Hai uns anos valorouse a súa demolición para utilizar as súas pedras nunha nova construción.
Mosteiro de Monfero
Aínda que a igrexa foi restaurada hai pouco tempo, as dependencias do mosteiro seguen en estado ruinoso, pese a que se catalogou como Monumento Histórico Artístico Nacional desde 1931.
Parque do Pasatempo. Betanzos
O complexo segue na lista vermella, aínda que nos últimos meses recibiu boas noticias coa súa catalogación definitiva como BIC e o comezo de obras de restauración, que obrigan a manter pechado o parque.
Pazo de Baldomir. Bergondo
Construído entre os séculos XVII e XVIII que pasou polas sucesivas xeracións da casa de Baldomir ata que se vendeu a un particular nos anos de 1970. Despois dun incendio en 1990, quedou en ruínas.
Capela de San Xoán de Mosteiro. Ortigueira
Igrexa situada nos montes de Espiño, cun importante valor arquitectónico, ademais de detalles de madeira vista con artesonado e restos de frescos preto do altar maior, cada vez máis deteriorados. O ben está inventariado pero non se acometeron actuacións sobre el.
Convento do Bon Xesús de Trandeiras. Xinzo de Limia
Fundado en 1520, e destruído polo exército francés na Guerra da Independencia en 1809 e por un incendio en 1813. Foi vendido posteriormente a particulares, e sufriu expolio e deterioro. A igrexa mantén o culto pero o mosteiro está abandonado.
Colexio Santiago Apóstol de Camposancos. A Guarda
Comezou a construírse a mediados do século XIX e cumpriu a función de colexio ata a Guerra Civil, cando foi usado como campo de concentración. Logo acolleu o tribunal militar, e pouco despois caeu no abandono. Sofre algún derrubamento e outros sinais do seu pésimo estado de conservación.
Mosteiro de Santa Comba de Naves. Ourense
Mosteiro benedictino fundado no ano 888. O conxunto foi reconstruído en 1760 e foi abandonado en 1836. Padeceu tamén un longo proceso de deterioro e expolio.
Torre da Fortaleza. Sarria
Ten a súa orixe no século XII, aínda que foi reconstruída trala revolta irmandiña. Foi caendo pouco a pouco no abandono ata a súa situación actual. É Ben de Interese Cultural desde 1994. Porén, o recinto está pechado e a non se permiten visitas. Está na lista vermella polo risco de desprendemento nalgunhas zonas.
Barrio de Ferrol Vello
O barrio arredor do cal medrou a cidade atópase na actualidade nun estado importante de deterioro. As vivendas e o trazado urbanístico remiten á historia mariñeira e naval da cidade. Na actualidade, unha parte importante dos edificios están deshabitados e en mal estado, chegando a ter que pechar rúas para garantir a seguridade dos transeúntes. O Plan Especial de rehabilitación da zona, xunto á candidatura a Patrimonio da Humanidade, procuran rescatar esta zona.
Casa Bailly. Cambre
Complexo construído nos anos de 1920, concibido primeiro como hotel e logo como vivenda de verán. A familia propietaria tivo que fuxir debido á Guerra Civil e a casa foi incautada pola Falange. Os seus sotos foron usados para encerrar presos republicanos, e logo converteuse en sede do Sindicato Vertical. Un incendio en 1969 deu paso a unha etapa de abandono que dura ata hoxe.
Outros bens en risco
A listaxe suma en total máis dunha trintena de bens na lista vermella en Galicia. Destacan, entre outros, a Fonte de Troncoso, en Mondariz, a Torre da Caldaloba, en Cospeito, o Convento de Nosa Señora das Donas, en Betanzos.
Algúns deles, como as pinturas do mosteiro de Moraime, en Muxía, o mosteiro de Oia ou o dolmen de Moruxosa, en Toques, foron retirados da listaxe pola realización de traballos de conservación que melloraron as condicións nas que se atopaban ou as ameazas que poderían comprometer a súa conservación.
Podes ver a lista vermella completa de Galicia nesta ligazón.