O incendio de Nigrán que segue falando 2.000 anos despois

Científicos galegos reconstrúen a vida no castro de Nabás grazas a que o lume permitiu a conservación de materiais orgánicos

O monte do Outeiro Grande, na parroquia de Priegue (Nigrán), segue sendo hoxe unha fermosa atalaia para enxergar toda a entrada da ría de Vigo, desde o cabo Silleiro ata o cabo Home. Xa o era hai máis de 2.000 anos, cando as distintas comunidades que habitaron o lugar que hoxe se chama Nabás deixaron as súas pegadas en forma de petróglifos e tamén construíron aquí un castro. Por algún motivo, un día decidiron prenderlle lume a unha vivenda. E iso sábese porque precisamente debido a aquel incendio conserváronse restos orgánicos que analizou recentemente un equipo de científicos galegos.

Un artigo que se acaba de publicar na revista Vegetation History and Archaeobotany resume a historia do incendio que, dous milenios despois, achega pistas sobre a vida diaria daqueles poboadores. No traballo participaron María Martín Seijo, Andrés Teira Brión e Carlos Rodríguez Rellán, do GEPN-AAT, e Andrés Currás, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC.

Publicidade

Situación do castro de Nabás, en Nigrán, na entrada da ría de Vigo. Fonte: Google Maps / Elaboración propia.
Situación do castro de Nabás, en Nigrán, na entrada da ría de Vigo. Fonte: Google Maps / Elaboración propia.

“Os datos dos que dispoñemos poderían apuntar a que os habitantes do castro, nun determinado momento, deciden abandonalo e como último acto incendian o lugar”, explica María Martín Seijo, investigadora do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela. Son as conclusións dun enclave cuxa historia se rescatou hai case 30 anos. En 1991, durante as obras do centro de día e residencia da Fundación Menela en Nigrán, confirmouse a existencia dun castro neste recinto. Naquel momento, no marco das obras do novo edificio, realizouse unha intervención destinada a recoñecer e delimitar o xacemento.

E quince anos despois, en 2006, acometeuse un novo traballo co obxectivo de difundir unha das estruturas, no que se investigou recollendo mostras e documentando os restos arqueobotánicos recuperados no interior da vivenda. Aquela intervención xa estivera dirixida por María Martín e supervisada cientificamente pola profesora Josefa Rey Castiñeira; nunha intervención financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Foi entón cando se observou con detalle o incendio no interior dunha das vivendas do castro.

Publicidade

A conservación por carbonización

“O contacto co lume, se non chega a ser unha combustión completa, permite a preservación dos restos vexetais mediante carbonización”, expón a científica galega. Alén disto, os indicios de que o lugar foi recollido e incendiado como o episodio final do abandono “permitiu que todos os restos vexetais se conservaran in situ“, o que supuxo unha gran vantaxe para os investigadores. Aqueles sucesos, segundo as dúas datacións radiocarbónicas que se realizaron, oscilan entre os séculos II e I antes da nosa era.

Aínda que, con moita probabilidade, o motivo do incendio quedará para sempre no terreo do misterio, todo apunta a que o lume foi provocado polos propios habitantes do castro. Unha hipótese que está “sustentada en evidencias arqueolóxicas e arqueobotánicas”, segundo Martín Seijo. Así, “no interior da casa e das outras construcións non se recuperaron practicamente materiais cerámicos, líticos ou metálicos, como sería de esperar no caso dun incendio fortuíto ou froito dun episodio violento, nos que poderíamos localizar todo o enxoval da vivenda, máis ben semella que todos os obxectos utilitarios e os materiais de valor foron levados antes do lume de maneira intencionada”.

Madeira traballada e restos de sementes almacenadas

Restos de madeira conservada polo incendio de hai máis de 2.000 anos. Imaxe cedida por María Martín Seijo.
Restos de madeira conservada polo incendio de hai máis de 2.000 anos. Imaxe cedida por María Martín Seijo.

A conservación por carbonización permitiu, por tanto, “realizar a documentación e análise das madeiras utilizadas na armazón e cubrición da estrutura da vivenda, así como a leña utilizada durante o último lume acendido no interior desta construción”, segundo expón o equipo investigador. Atoparon, por exemplo que a armazón “estaba feita en madeira de carballo (Quercus sp. caducifolio) e sobreira/aciñeira (Quercus sp. perennifolio), cun entretecido e/ou unha cuberta vexetal feita probablemente con ramiñas de abelaira (Corylus avellana), fabáceas arbustivas tipo xesta/toxo (Fabaceae) e ramiñas de Quercus sp”. Alén disto, por primeira vez rexistrouse o uso de carriza/cana (Phragmites/Arundo).

Tal é o grao de conservación destes restos que mesmo se puido detectar que “unha porcentaxe significativa dos carbóns interpretados como parte da cuberta presentaban evidencias de biodegradación como fungos e galerías de insectos xilófagos, que aparecen habitualmente na madeira de construción e nas manufacturas en madeira”, explica María Martín Seijo.

Pero un dos feitos “máis sorprendentes” para os científicos que estudaron a construción de Nabás foi o tipo de materiais que se queimaron para aquel incendio provocado de hai máis de 2.000 anos. Eran claramente “pezas de madeira manufacturadas, fundamental mente táboas, e un obxecto en forma de gancho”.

E ata se puideron atopar evidencias dos cultivos que desenvolvían os habitantes do Nabás. Conta María Martín que “no interior do fogar e nas súas inmediacións localizouse unha concentración de sementes de paínzo (Setaria italica)”. Sábese isto porque, ao estudalas, apareceron evidencias de que estaban almacenadas probablemente no interior de algún tipo de contedor orgánico que non se preservou, para ser posteriormente sementadas. Aínda que non podemos coñecer con seguridade o seu uso, este cultivo adoita ser unha planta forraxeira da que se aproveitan os talos aínda verdes”.

Todas estas sinais dan conta dunha práctica pouco habitual neste tipo de asentamentos. Por tanto, a queima de táboas manufacturadas a modo de leña, e o feito de queimar as sementes que, en teoría, se deberían plantar nas zonas de cultivo levan a pensar que forman parte dun abandono polos habitantes do castro.

Método

Tal e como explica a autora principal do traballo, “durante a intervención foron cribados en auga 95 litros de sedimento e en paralelo foron recollidos os carbóns de maiores dimensións para evitar a súa fragmentación”. Posteriormente, “a identificación taxonómica dos restos e o seu estudo estatístico permitiu documentar a validez deste tipo de recollida en contextos de incendio, que ademais favorece a preservación da forma orixinal dos carbóns evitando que se fragmenten en pezas máis pequenas, e permitindo documentar a presenza de manufacturas en madeira”.

A investigación de Nigrán é pioneira en Galicia grazas á minuciosa recollida de mostras que se realizou ao tempo que se escavou. “Por primeira vez puido documentarse de forma detallada e exhaustiva os restos arqueobotánicos recuperados no interior dunha vivenda incendiada no interior dun castro”.


Referencia: After the fire: the end of a house life-cycle at the Iron Age site of Nabás (North-western Iberia) (Publicado en Vegetation History and Archaeobotany).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

Sen aristocracia nin diferenzas sociais: así era a sociedade igualitaria da Galicia castrexa

A Deputación da Coruña publica de balde o traballo do doutor en Historia Martín Fernández Calo sobre a xerarquía das sociedades antigas

O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble