Buscan vítimas galegas do nazismo para devolverlles obxectos roubados

Emilio Rodríguez tiña 31 anos cando morreu no campo de concentración de Buchenwald, no corazón de Alemaña. Este coruñés nacido en 1913 foi un dos máis de cen galegos que remataron os seus días no holocausto nazi. A meirande parte fuxiron a Francia tras a Guerra Civil e alí foron logo detidos pola Gestapo e internados sobre todo no campo de Mauthausen, en Austria.

Obxectos persoais dun preso polaco. (ITS)

Rodríguez morreu o 6 de decembro de 1944 nun campo tristemente famoso polos salvaxes experimentos médicos e pola crueldade do seu xefe, o sanguinario Karl Otto Koch, quen coleccionaba pel tatuada dos presos mortos. O curioso do caso é que 74 anos máis tarde, Alemaña aínda quere resarcir a vítimas como este coruñés. Porque o Servizo Internacional de Rastrexo (ITS), o maior centro do mundo dedicado a documentar a persecución do nazismo, ten unha lista de 3.363 mortos que deixaron obxetos persoais nos campos de exterminio. 68 deles eran españois. E algúns deles galegos, como Emilio Rodríguez, do que teñen documentos e ‘numerosas fotografías’.

Publicidade

Na lista, na que aínda hai nomes sen localizar, aparece outros apelidos galegos. Como os de Manuel Pérez Taboada, anotado como natural de Xeve, en Pontevedra, do que se conservan varios documentos e dous aneis. Tamén aparece Francisco Gutiérrez, nacido o 18 de marzo de 1916 e do que se conservan documentos e un anel. Os axentes alemáns rexistrárono como de Santiago de Compostela, pero na documentación española posterior sinalan que eran oriundo de Alcalá La Real, en Xaén. En realidade, os nazis eran moi burocráticos pero cometían erros por mor do idioma, cando anotaban a man aos presos, trabucándose con apelidos e nomes de vilas de orixe.

Entre os obxectos que quere devolver o ITS hai reloxos de pulseira ou de peto, aneis de voda, certificados de nacemento , diplomas da escola, documentos de identidade, fotos de familia… obxectos que queren que volvan aos seus lexítimos propietarios, que son os herdeiros dos presos mortos nos campos nazis.

Publicidade

Prisioneiros en Buchenwald.

Nos anos sesenta do século XX, o ITS recibiu arredor de 5.000 obxectos persoais que foran roubados a presos políticos deportados. En 2016, despois de varias iniciativas exitosas de devolución e unha exhaustiva catalogación, o ITS lanzou unha campaña para localizar as familias destas vítimas e devolverlles os obxectos roubados.

Ata a data, o centro entregou 210 lotes. Con todo, en España é difícil que avance a investigación, por mor de problemas diplomáticos e administrativos. De feito, os encargados do centro documental pediron axuda a expertos e historiadores españois, que montaron unha rede de voluntarios que está a piques de verificar e situar a maioría destes nomes, dos que El Confidencial publicou recentemente unha listaxe. Entre estas vítimas está Emilio Rodríguez, un coruñés que morreu no campo de concentración de Buchenwald o 6 de decembro de 1944, cando tiña 31 anos. E do que quedan unhas fotos que foron conservadas máis aló do inferno.

E aquí podes ler máis sobre os galegos mortos no campo de Mauthausen

Os galegos que morreron no inferno de Mauthausen

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Entre latas e puñais: a arqueoloxía revela a vida dos estraperlistas de volframio en Valdeorras

Un equipo de arqueólogos de Sputnik Labrego escava varias construcións preto da mina de Valborraz asociadas co comercio ilegal dun mineral clave na Segunda Guerra Mundial

Manuel Otero, o galego que morreu no desembarco de Normandía

Este soldado de Outes caeu nun campo de minas na praia de Omaha hai 75 anos: o 6 de xuño de 1944

Así se divertían por Galicia as Xuventudes Hitlerianas

Unha delegación das mocidades de Hitler fundouse en Vigo antes da II Guerra Mundial perfectamente integrados na vida social

O ADN desmonta unha das grandes teorías da conspiración nazis

Unha nova análise xenética proba que Rudolf Hess era realmente o prisioneiro 'Spandau 7' confinado en Berlín