Venres 23 Febreiro 2024

Portugal conserva a cabeza de Diogo Alves, o asasino en serie galego

Foi un dos últimos condenados a morte na historia en Portugal, e a súa cabeza aínda se conserva hoxe na Facultade de Medicina de Lisboa. Na década de 1830, Diogo Alves foi culpado de numerosos crimes que aconteceron na capital lusa, polo que foi aforcado no 1841. E Diogo Alves era galego, xa que naceu en Samos, no municipio do coñecido mosteiro, por onde pasa o Camiño de Santiago.

Desde Samos viaxou, moi novo, á cidade lisboeta, para traballar servindo en casas podentes. Porén, segundo se conta, tardou pouco en entrar no mundo do crime. Non tardaron en poñerlle o nome de ‘O Pancada’, e xunto a outros bandidos (algúns tamén de orixe galega) como Beiço Rachado, Pé de Dança, João das Pedras, o Apalpador ou o Enterrador. Asaltaban vivendas, negocios e a persoas pola rúa.

Culpárono de decenas de mortes no acueduto de Águas Livres, desde onde guindaba ás súas vítimas

Mais a maioría dos crimes que se lle atribuíron ao galego Diogo Alves aconteceron no acueduto de Águas Livres. Naqueles anos apareceron decenas de cadáveres ao pé da construción, e nun principio criuse que eran debidos a unha anormal vaga de suicidios na cidade. Pero ante a fama que precedía a Alves e ao grupo de bandoleiros do que formaba parte, non tardaron en xurdir as voces que os culpaban daquelas mortes. Ao parecer, atacaban ás persoas que transitaban polo paseo do acueduto, golpeábanas cunha pedra, roubábanlles e guindábanas desde decenas de metros de altura.

Non había probas sobre a participación do galego naquelas mortes pero, segundo contan as crónicas, en Lisboa os rumores eran intensos. E finalmente, a xustiza atopou probas para converter os rumores en probas. En 1839, Alves e outros membros da súa banda asaltaron a casa dun médico e mataron catro persoas. Foron arrestados xunto a Gertrudes Maria, unha taberneira alcumada A Parreirinha, ao parecer namorada de Alves e, segundo algunhas fontes, instigadora dos crimes que cometía. Os bandoleiros foron condenados a morte e aforcados en 1841. Pero a historia de Diogo Alves perdurou ata os nosos días.

A cabeza de Diogo Alves

Entre algúns médicos daquela época era moi popular a pseudociencia da frenoloxía, unha teoría segundo a cal a conformación externa do cranio permite coñecer os caracteres psíquicos dos individuos. Unhas ideas que tiñan unha especial relevancia no caso dos asasinos, pois ao parecer, os crimes violentos poderían ter unha especie de predestinación xenética.

Deste xeito, tras ser aforcado, cortáronlle a cabeza e conservárona en formol. E así permaneceu ata os nosos días na Facultade de Medicina da Universidade de Lisboa. De cando en vez, o cranio de Alves, no que o tempo parece ficar conxelado, sae en exposición polas cidades de Portugal.

A historia de Diogo Alves deixou unha fonda pegada na cultura popular da época. O xornalista e escritor Francisco Leite Bastos publicou anos despois o libro Os crimes de Diogo Alves. E no ano 1911, un dos primeiros filmes da historia do cinema portugués, co mesmo título que o libro, contou de novo a historia do asasino en serie galego. E en 2014, a xornalista Anabela Natário publicou unha novela (O assassino do aqueduto) baseada na historia real de Alves.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A borrasca Louis activa a alerta vermella en Galicia por ondas de ata 8 metros

As baixas presións situadas en Islandia provocan un forte temporal marítimo e envían chuvia, vento e neve ao noroeste peninsular

Unha potente borrasca traerá chuvia abundante e desplome de temperaturas a partir do xoves

Galicia acadará os 22 graos entre luns e martes mentres que a fin de semana estará marcada por un "temporal invernal"

O déficit de transporte de humidade do Atlántico triplica a posibilidade de seca en Galicia

A investigación realizada na Universidade de Vigo foi publicada na revista ‘Nature Water’