Venres 29 Marzo 2024

Por que preocupa tanto a couza da pataca?

Que é a couza da pataca? E como chegou a ameazar o cultivo dunha das pezas básicas da dieta galega? A Tecia solanivora Povolny é un insecto orixinario de América Central, e ten unha especial incidencia en Guatemala; de aí o seu sobrenome. Foise estendendo despois a outros países de América do Sur. Pasou a Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa este insecto foi observado e identificado por primeira vez nas illas Canarias en 1999, nun cargamento ilegal de patacas.

Este becho ten capacidade de atacar aos tubérculos tanto no campo como en almacén. Os exemplares adultos son nocturnos e voan distancias curtas. Cando actúan no campo, poñen os seus ovos no chan ou nos tubérculos ao descuberto. As larvas emerxentes entran en tubérculos e aliméntanse deles construíndo galerías que acaban destruíndo completamente o tubérculo. No caso de actuar no almacén, os insectos poñen os ovos nos tubérculos e poden chegar a provocar danos moi importantes. A fase de pupa pode ter lugar no chan, nas paredes dos almacéns, nos sacos almacenados ou na terra cultivada. Non ten ningún problema para a saúde humana, nin tampouco de seguridade alimentaria, pero acaba por estragar totalmente as colleitas.

Publicidade

A Tecia solanivora está incluída na lista A2 como praga en corentena

Así, a Tecia solanivora é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization) polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

En Galicia, a couza guatemalteca detectouse por vez primeira en novembro de 2015 nos concellos de Ferrol, Narón e Neda. Ano e medio despois, en febreiro de 2017, a corentena xa se estendera a 31 concellos afectados e unha área de seguridade doutros 16, todos situados en comarcas do norte das provincias de Lugo e A Coruña. En conxunto, estes municipios sumaban xa o 17,2 por cento do territorio de Galicia, un total de 3.186 quilómetros cadrados.

O Diario Oficial de Galicia publicou a comezos de 2017 as medidas fitosanitarias que se deben levar a cabo para facer fronte á praga. Os agricultores dos concellos afectados deberon retirar e destruír todos os tubérculos danados, realizando tratamentos específicos para a súa eliminación. Ademais, tiveron que colocar trampas para a captura do insecto responsable da doenza, e desinfectar os almacéns dos comercializadores. Ademais, quedou prohibido extraer pataca nas zonas demarcadas.

Nesas zonas, os agricultores están obrigados a colocar trampas de captura con feromona sexual, aplicar os insecticidas recomendados, utilizar semente libre de praga (certificada mediante garantía sanitaria) realizar tratamentos con materias autorizadas polo Ministerio de Agricultura e retirar e destruir todos os tubérculos danados, así como os restos da colleita.

Do mesmo xeito, Xunta e Ministerio recomendan preparar o terreo e desenterrar os tubérculos afectados de campañas anteriores, recollelos e eliminalos, enterrar a semente a unha profundidade mínima de 15cm e tapala ben para evitar o acceso das larvas, eliminar as plantas de colleitas anteriores que broten durante as primeiras etapas de cultivo, aporcar por ambos lados e a unha altura mínima de 25-30 cm e facer rotación de cultivos.

Ademais, a praga estendeuse desde Galicia ao Principado de Asturias, onde en poucos meses ocupou toda a costa, dende Vegadeo ata Ribadedeva, nun total de 240 quilómetros. E detectouse tamén en municipios do interior do Principado. Na primavera, o Boletín Oficial do Principado adoptou tamén a normativa desenvolvida polo Ministerio de Agricultura para frear a expansión da praga, decretando a prohibición de sementar en numerosos municipios.

Por agora, a situación parece estar baixo un relativo control. Non en tanto, autoridades e produtores están en vilo e en garda ante o posible avance do insecto. O principal temor é que se espalle ás principais zonas produtoras de Galicia, como as comarcas da Limia e Bergantiños. En caso de que acabe chegando a estes cultivos, as perdas serían millonarias.

logo_MEIC_FECYT_Web

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.