Sábado 20 Abril 2024

Muro de Trombe: o truco para aforrar enerxía dun instituto de Pontevedra

Tres alumnos e un profesor do IES Luís Seoane participan en Pontenciencia cun prototipo dunha construción que mellora a eficiencia enerxética

A construción de vivendas que non ten en conta a eficiencia enerxética e as características térmicas das diversas estancias pode supoñer un problema para a habitabilidade. Vivir en edificios moi fríos e húmidos no inverno, ou que acumulan moita calor en verán, convértese ás veces nun incordio no que debería ser o fogar. Ter en conta isto é un factor moi importante, e coñecer a existencia de ideas como a do muro de Trombe poden axudar a ter unha casa máis acolledora. Isto é o que pensaron os alumnos Jesús Nicolás Díaz, Iván García e Abraham Leiro, do IES Luís Seoane de Pontevedra, para desenvolver o proxecto que prepararon para a feira Pontenciencia, que terá lugar esta fin de semana na cidade pontevedresa.

O muro de Trombe é un sistema sinxelo e eficiente de calefacción e ventilación baseado na captación de enerxía solar. Constrúese con materiais que acumulan o calor baixo o efecto de masa térmica, como pedra ou formigón. Esta capa combínase cunha lámina de vidro, pero deixando un espazo entre ambas; o aire que ocupa ese espazo, que é o que se quenta, sairá despois por uns ocos de ventilación, a xeito dun colector solar térmico.

Publicidade

O seu funcionamiento baséase na diferencia de densidade do aire quente e o frío, que provoca correntes nunha ou noutra dirección, combinada con dúas aberturas que se abren ou se pechan en función do efecto desexado. Durante o día, o sol atravesa a lámina de vidro e almacena o seu calor na masa térmica do muro. O aire frío da habitación entra pola abertura de abaixo; quéntase grazas á lámina de vidro, o que fai que a súa densidade aumente e o aire suba, para volver á habitación polo orificio de enriba.

Funcionamiento do muro de Trombe durante o verán.
Funcionamiento do muro de Trombe durante o verán.

A idea de Jesús, Iván e Abraham xurdiu durante a clase de Tecnoloxía Industrial, co profesor Fernando Malvar, cando falaban do illamento dos edificios: “Aos rapaces interesoulles o tema, e decidimos facer un prototipo do muro de Trombe. Despois descubrimos a convocatoria de Pontenciencia, que era o marco perfecto para presentar e desenvolver o proxecto.”

O aspecto medioambiental

Esta iniciativa, destaca Malvar, atópase dentro da temática de protección medioambiental, en termos de aforro e eficiencia enerxética. Trátase dun sistema de calefacción ecolóxico, xa que a única enerxía da que precisa é a solar; deste xeito, non produce emisións de dióxido de carbono (CO2), nin require gasto doutras enerxías contaminantes, como sucede con algúns sistemas.

“Falando co director do instituto e cun dos rapaces do Consello Escolar, comentáronnos que se gastan arredor de 25.000€ en gas natural para calefacción”, declara Malvar. Aínda que o muro é un prototipo pequeno, a idea de que algún día a Xunta e o director se animen a elaborar un anaco da fachada con este sistema esperta a emoción dos rapaces, para aforrar cartos e emisións.

A proposta podería axudar ao instituto a aforrar unha cantidade importante de diñeiro en calefacción

Na fachada do Luis Seoane dá toda a mañá o sol. “Incluso nos días máis fríos de inverno estase ben dentro”, admite o profesor. A idea de aproveitar ese sol para algo foi tamén decisiva para dar pé ao proxecto. Para a súa realización, os alumnos empregaron materiais convencionais, como madeira contrachapada, chapa de aluminio, vidro e materiais illantes; e tamén outros de tipo técnico, como engranaxes, parafusos, e unha placa programada de Arduino (unha compañía internacional que deseña placas de desenvolvemento de hardware para construir dispositivos dixitais).

A elaboración do prototipo do muro de Trombe

A elaboración do prototipo en si, da parte máis física, levou arredor de 20 ou 30 horas, segundo lembra Malvar. Dentro dese proceso houbo varias pequenas tareas que foron máis rápidas, como a programación da placa ou o deseño dunha caixiña para protexela e evitar que lle dese o sol. Ademais, profesor admite que a medida que elaboraban o prototipo ían modificando certos aspectos: “Ás veces había que refacer cousas que xa estaban feitas”.

Pero sen dúbida valeu a pena. A perspectiva de participar nunha iniciativa como Pontenciencia interesou moito aos alumnos involucrados, así como feito o feito de amosar o seu traballo na feira ante o público.”Está moi ben como motivación e a xeito de saír un pouco do ámbito estrictamente educativo”, afirma Malvar. “Nós sempre facemos moitas cousas prácticas, pero isto é máis real. Non é para que o profesor te poña unha nota, senón que ten aplicación no ámbito real, no instituto e na eficiencia enerxética no mundo”, conclúe o profesor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Baterías con selo galego: así serán as futuras tomas de corrente transportables

Os equipos enerxéticos de Enercraft están fabricados con electrónica feita en Galicia

EEUU confirma o logro da fusión nuclear: “Simulamos unha estrela. Fixemos historia”

O Departamento de Enerxía dos EE.UU. logra, por primeira vez, que unha proba de fusión nuclear consiga producir máis enerxía da que consome

A UVigo aplica un plan de medidas urxentes para reducir ata un 30% o consumo enerxético actual

A xestión da calefacción e da climatización e o axuste da iluminación son accións prioritarias

Converter os excrementos das galiñas en enerxía: o reto cumprido da economía circular

O grupo de Energylab avanza nun proxecto para a transformación dos residuos contaminantes das aves como fonte enerxética renovable