Venres 29 Marzo 2024

A feira das 1.001 respostas

Centos de mozas e mozos participan en Pontenciencia, onde os estudantes desenvolven e presentan os seus propios proxectos de investigación

Hai algo que probablemente vostede non sabe (eu, polo menos, non o sabía ata esta mañá, cando mo explicaron uns rapaces do CEIP San Martiño en Pontenciencia). Cóntolle: colla dous vasos de auga e dúas pelotas de tenis de mesa: encha un dos vasos ata arriba de todo, e outro ata máis ou menos a metade, e poña as pelotas en cadanseu vaso. Acontece algo ben curioso: a pelota do vaso medio cheo (ou medio baleiro, segundo se mire) vaise cara unha das paredes do vaso, mentres que a outra fica exactamente no centro. Dá igual que as intente mover co dedo; unha vez que o retira, volven ao seu lugar: unha ao centro e outra contra unha parede. É cousa da tensión superficial da auga, o mesmo efecto que provoca que os zapateiros (os insectos, non os que fan zapatos) poidan camiñar sobre a auga, debido á peculiar distribución das moléculas do líquido elemento. Eu non o sabía, e foi unha das moitísimas respostas que ofrecen as mozas e mozos que participan nesta sexta edición de Pontenciencia, organizada polo Concello de Pontevedra e a a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), que se pecha este sábado na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.

Poderían escribirse 47 parágrafos como o anterior, un por cada un dos proxectos que participan na feira. Desde a mañá do venres, centos de rapazas e rapaces, pero tamén adultos que conservan intacta a paixón por aprender, desfilan por diante dos expositores de colexios e institutos da cidade. O venres foi a quenda dos proxectos escolares (pola mañá os colexios e pola tarde os institutos), e o sábado tócalle a outra iniciativa igual de ilusionante, a de Ciencia en Familia: seis fogares convertéronse nos últimos meses en auténticos laboratorios de investigación que seguiron polo miúdo o método científico: observar, medir, probar, desenvolver a hipótese, contrastar e, sobre todo, aprender e gozar do coñecemento.

Publicidade

Toda persoa que pasara pola Escola de Forestais saíu, sen dúbida, sabendo máis cousas que cando chegou. Así o recoñecían, por exemplo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernandez Lores, e a concelleira de Educación, Carme Fouces, que percorreron os expositores, moi atentos ás explicacións dos rapaces. E posiblemente, a partir de agora, quen observou estes traballos tamén se fará máis preguntas, que son a base de toda aprendizaxe e descubrimento. Non só estaba a tensión superficial: había tamén un proxecto que explicaba, con probas evidentes, a presenza das bacterias na nosa vida diaria, a cantidade de azucre que comemos cos alimentos moi procesados, por que as froitas poden producir electricidade ou como é posible construír un foguete de auga: bioloxía, física, química, enxeñaría, saúde, nutrición… Non quedou disciplina sen tocar.

Labor social

Un dos aspectos reseñables de Pontenciencia é o papel social que pode (e moitas veces debe) xogar a ciencia. Así, este ano os premios de Investigación (categoría na que participan os estudantes de Secundaria e Bacharelato) están centrados na homenaxe á muller investigadora. Así, 20 equipos de investigación de cinco centros afondaron nos grandes achados femininos na historia e, ao mesmo tempo, subliñaron a necesidade de acabar coa desigualdade.

E non só iso: algúns dos proxectos xurdiron da solidariedade e das ganas de axudar a quen o precisa.  É o caso do grupo do CEIP Froebel, que desenvolveu un admirable traballo de gran trasfondo social: un prototipo de próteses con materiais reciclados, que se lles ocorreu ao pensaren nos miles de nenas e nenos que son vítimas das minas antipersona que seguen facendo dano en moitos países. E non queren acabar con Pontenciencia. Segundo a súa profesora, xa traballan no perfeccionamento das próteses cun modelo de silicona. “É admirable ver o creativos que son, as ideas que teñen, a ilusión que lle poñen… Ver o percorrido que ten cada un deles para facer realidade este traballo é unha marabilla”, di a docente.

Divulgación sen pausa

Alén das exposicións propias dos alumnos, o alumnado que participou en Pontenciencia ou ben visitou a feira puido disfrutar de diversas actividades de divulgación nas aulas e laboratorios da Escola. Entidades como o CSIC, o IEO, a UVigo, a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura ou o Parque Nacional Illas Atlánticas, e tamén empresas como Alén Space, Hifas da Terra, Cristalería Pontevedresa, Orballo, Setga ou Viaqua colaboraron con obradoiros e charlas para achegar á rapazada a investigación científica que fan diariamente.

Unha vez que o xurado valore todos os traballos presentados coñeceranse os gañadores de Pontenciencia 2019. Mais alén dos galardóns, hai algo que xa todos gañaron: moitas respostas a cuestións do día a día, unha experiencia ben enriquecedora e, posiblemente, os primeiros pasos dunha vocación científica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento