Unha tese de Santiago estuda as moléculas de organismos mariños empregados en farmacia

Unha nova tese do Departamento de Enxeñaría Química da USC continúa avanzando na busca da sustentabilidade ambiental. Neste caso, a doutoranda Paula Pérez López focalizou o seu traballo na perspectiva de ciclo de vida dos sistemas da biotecnoloxía azul. Trátase dunha área estratéxica para Europa que persegue obter, a partir do cultivo de organismos mariños, unha ampla gama de produtos que inclúen biomoléculas de alto valor engadido con potenciais aplicacións en sectores como a industria farmacéutica, nutracéutica ou cosmética, así como na produción de biocombustibles como alternativa limpa ás actuais fontes fósiles.

Evolución dos microorganismos mariños usados en farmacia.
Evolución dos microorganismos mariños usados en farmacia.

No seu traballo ‘Environmental sustainability of bioactive molecules from marine organisms’ e no marco dun proxecto europeo do programa FP7 con colaboradores de oito países, Paula Pérez proporcionou os primeiros perfís ambientais de compostos con actividade biolóxica de interese como ácidos omega-3, enzimas, carotenoides con propiedades antioxidantes ou alcaloides con actividade antitumoral, extraídos de diversas especies de micro- e macroalgas, esponxas, fungos e outros microorganismos mariños.
A investigación, que dirixiron os profesores do Grupo de Investigación de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, permitiu así mesmo afondar en aspectos clave do cultivo de microalgas comparando as principais alternativas tecnolóxicas para a súa produción a escala piloto e industrial e cuantificando os efectos da incerteza que se deriva da ampla variabilidade dos parámetros matemáticos nos resultados ambientais. Ademais, xunto aos aspectos relevantes para o medio ambiente, a tese incorpora a avaliación de indicadores sociais e económicos para obter unha análise conxunta das tres dimensións nas que se basea o desenvolvemento sustentable.
Máis información no seguinte enlace:
http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2015_12/noticia_0004.html

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous investigadores de Santiago, premiados polas súas achegas á investigación sanitaria

Os científicos do IDIS Anxo Fernández Ferreiro e Alana Aragón Herrera foron recoñecidos polos seus estudos nos eidos da farmacia e da cardioloxía

Unha nova especie exótica con potencial invasor aparece nas augas de Galicia

Un estudo recolle a identificación de 'Pyura herdmani', de gran tamaño e orixinaria de África, que altera os ecosistemas mariños

Un verme invasor devora mexillóns e ameixas en Asturias: as posibilidades de que chegue a Galicia

A especie, orixinaria de Nova Zelandia e identificada por primeira vez en Europa, pode supoñer unha seria ameaza para especies con valor comercial

Obeliscos: o descoñecido microorganismo que acaban de atopar no corpo humano

A nova entidade biolóxica, que recibe o nome pola súa semellanza cos monumentos exipcios, pode ter un papel clave na regulación da dixestión e no funcionamento do sistema inmune