Un docente vigués ingresa no Centro Internacional de Matemáticas da Unesco

Potenciar a investigación e impulsar as matemáticas en países en vías de desenvolvemento. Estas dúas accións resumen a razón do ser do Centro Internacional de Matemáticas Puras e AplicadasCIMPA, un centro da UNESCO, nado hai agora máis de 30 anos, que vén de elixir o seu novo consello de administración. Cos votos dos socios e socias, individuais e institucionais que integran o centro, o docente e investigador do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo Iván Area, converteuse nuns dos sete membros por elección, non de dereito, que conforman o novo consello de administración do CIMPA, ao que se incorpora co obxectivo de “asumir máis responsabilidades dentro dunha organización que fai un traballo importantísimo na potenciación das matemáticas ao máis alto nivel”.

O investigador da Universidade de Vigo entrara no ano 2010, en representación da Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, a formar parte do Comité de Orientación e Pilotaxe, creado para axudar na avaliación dos distintos proxectos que se presentan para ter o selo do CIMPA e na toma de decisións. “Despois destes anos de traballo no comité valorouse en xuño de 2015 a idea de presentar unha candidatura para o seguinte período do consello de administración, pois xusto en xuño había novas eleccións e o equipo saínte xa non podía repetir mandato”, explica Area, que xunto ao resto de integrantes do novo consello comezará o seu traballo en xaneiro de 2017.

Publicidade

Unha das actividades máis representativas do CIMPA son as chamadas research schools, escolas de investigación, das que cada ano se celebran entre 20 e 25 e nas que matemáticos e matemáticas de recoñecido prestixio se desprazan a países en vías de desenvolvemento para impartir un curso sobre una temática específica. “O CIMPA axuda a que novos investigadores e investigadoras de territorios próximos asistan a estas escolas, tecendo redes e fomentando a cooperación”, detalla o novo integrante do consello de administración do CIMPA en relación con estas escolas, que deben estar coordinadas por un investigador ou investigadora dun país en desenvolvemento e un investigador de Francia, Noruega, Suíza ou España. “Deste xeito axudamos a potenciar a investigación do máis alto nivel en territorios como Camboia, Mongolia, Kurdistán, Vietnam, Bhutan, practicamente en toda África, e por suposto en América do Sur, por citar algúns dos espazos onde se desenvolven actividades do CIMPA”, detalla Iván Area.

As Research Schools achegan as matemáticas a investigadores de países en desenvolvemento

A realización dunha escola de investigación debe estar precedida dunha cooperación previa entre o investigador ou investigadora local e o investigador ou investigadora que traballa en Francia, Noruega, Suiza ou España. “Por suposto, valoramos o equipo que impartirá os cursos, que normalmente é excelente. Tamén valoramos a igualdade de xénero nos comités científicos e organizador, así como no corpo docente e no alumnado asistente”, sinala o investigador vigués, que engade a estes requisitos o do número de estudantes de territorios próximos que se desprazan para asistir.

Publicidade

O CIMPA colabora habitualmente co Abuds Salam International Centre for Theoretical Physics, ICTP, con sede en Trieste, Italia, para un mellor aproveitamento dos escasos recursos que existen para a promoción das matemáticas en países en vías de desenvolvemento. Un traballo que tamén realizan outras institucións como o African Institute for Mathematical Sciences, AIMS, ou a International Mathematical Union.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Tres científicos e dúas científicas de USC e UVigo reciben as Medallas de Investigación

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a Mabel Loza, Sebastian Villasante, Leandro Alejano, Rosa Crujeiras e Francisco Rivadulla

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

A UVigo participa no descubrimento dunha gran fusión que marcou a infancia da Vía Láctea

A investigación na que colabora o catedrático Fernando Aguado identifica os restos dunha galaxia anana absorbida hai uns 12.000 millóns de anos