Salustiano Mato, novo presidente do Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Portugal

O padroado do Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-norte de Portugal celebrado este mércores en Vila Real acordou o cambio na presidencia deste organismo, ao fronte do cal pasa a estar o reitor da Universidade de Vigo. Salustiano Mato toma a remuda do reitor da Universidade de Minho, António M. Cunha, que pechou unha etapa caracterizada por un “salto significativo” do CEER, favorecendo novas redes de traballo, desenvolvemento de novos proxectos e un escenario económico máis favorable, como explican dende o propio centro.

Nesta nova etapa que se inicia con Salustiano Mato como presidente, entraráse nunha fase máis expansiva, “na que se está agardando por proxectos Interreg coa cooperación das universidades do CEER e doutros países europeos, e na que tamén se tratará de afondar na colaboración nas áreas de cultura e deporte, que tan ben estiveron a funcionar nos últimos anos”, destacan dende o centro. Entre os retos de futuro marcados nesta xuntanza do padroado, a segunda á que asisten os seus reitores, está a consolidación da Cátedra Santander e a celebración dun primeiro curso de especialización entre todas as universidades, que será unha oferta piloto que quere promover os cursos e titulacións conxuntas entre as institucións da eurorrexión. Por outra banda, na reunión tamén se aprobou o balance de contas, que este ano presenta superávit.

Publicidade

A CEER reúne ás tres universidades galegas e ás tres do Norte de Portugal

A fundación CEER está constituída polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña xunto coas portuguesas de Porto, Minho e Trás-os-Montes e Alto Douro, a Xunta de Galicia e a Comunidade de Traballo Galicia-norte de Portugal. O seu obxectivo é buscar sinerxías e complementariedades nos eidos académicos universitarios da Eurorrexión coa finalidade de reforzar as vinculacións entre as universidades de Galicia e o norte de Portugal cun carácter netamente plural, integrador, dinamizador e innovador no ámbito do estudo, análise e desenvolvemento do cadro eurorrexional. Para iso, as seis institucións académicas traballan na promoción, dinamización e desenvolvemento de investigación interuniversitaria de carácter multidisciplinar, a programación de actividades docentes, a realización de informes e asesoramento técnico en temas de investigación da súa competencia, a creación de bases de datos e bibliográficas e documentais, ó servizo da comunidade científica, de carácter especializado nas áreas de investigación propias do CEER e na promoción e colaboración na organización de seminarios, debates, congresos, reunións científicas e publicacións, etc.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía