Xoves 5 Decembro 2024

O IV Premio ‘Contar a Ciencia’ arranca cunha charla de Jorge Mira

A Real Academia Galega de Ciencias (RACG) convocou a cuarta edición do premio universitario de comunicación científica Contar a Ciencia “la Caixa”, dirixido a estudantes das facultades de xornalismo e comunicación das tres universidades galegas. Os obxectivos do premio consisten en fomentar a divulgación da ciencia e da investigación que se desenvolven nos distintos campus e achegar o xornalismo e a ciencia ao gran público. A convocatoria conta co patrocinio da Fundación “la Caixa” e co apoio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa tecnolóxica Primux.

A presentación do premio tivo lugar hoxe nunha clase aberta celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, na que o físico e divulgador científico Jorge Mira ofreceu unha charla na que falou sobre diversos aspectos da comunicación no mundo da Ciencia. No acto tamén interviron o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, ademais do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e representantes da fundación “la Caixa” e de GCiencia, o portal da ciencia galega, que participa como entidade organizadora.

Publicidade

Mira animou aos estudantes a procurar as novas científicas no seu entorno

Durante a súa charla, Jorge Mira animou aos estudantes a procurar as novas científicas e non agardar por elas e tamén destacou a necesidade de que os xornalistas simplifiquen as investigacións científicas para facelas máis accesibles ao gran público. Pola súa banda, Anxo Pérez, director de Comunicación de Caixabank, resaltou a mellora da calidade das reportaxes que se presentan cada ano a este certame. O secretario xeral de Universidades sinalou que este tipo de iniciativas contribúen a incrementar o interese pola ciencia na sociedade e o presidente da RAGC apuntou que o premio trata de achegar aos xornalistas mozos á ciencia ao mesmo tempo que os científicos poden achegarse á divulgación.

Tras a gran aceptación do premio nas tres primeiras edicións, na que o certame foi desenvolvido por GCiencia, este ano a Real Academia Galega de Ciencias faise cargo da convocatoria, que mantén o patrocinio de “la Caixa” a través da súa obra social. Colaboran tamén no proxecto a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Universidades, e a empresa Primux.

Publicidade

Como todos os anos, poderán participar alumnos das facultades de comunicación de Santiago, Pontevedra e A Coruña. O prazo para presentar os traballos comeza o 17 de febreiro e concluirá, na súa primeira fase, o 15 de marzo. Posteriormente os estudantes seleccionados terán ata o 20 de abril para elaborar os seus traballos, que serán avaliados por un xurado presidido polo presidente da RAGC. O veredicto do xurado chegará a finais de maio e no mes de xuño celebrarase un acto no que se fará entrega dos premios aos gañadores e finalistas.

O prazo para presentar o borrador dos traballos concluirá o 15 de marzo

Os estudantes interesados en participar no premio terán que presentar reportaxes escritas, traballos audiovisuais –tamén fotográficos– ou a combinación de ámbalas dúas modalidades, nas que os alumnos participantes expliquen proxectos de ciencia e tecnoloxía que se desenvolvan nunha das tres universidades galegas. Coma novidade mais destacada, este ano haberá tres traballos premiados, en lugar de dous, como viña sucedendo ata o de agora.

De acordo coas bases do premio, os alumnos (de xeito individual ou en grupos de dous) presentarán as súas propostas de reportaxe ata o vindeiro 15 de marzo. Trátase de presentar esquemáticamente unha idea que deberá desenvolverse nunha fase posterior. O xurado seleccionará as máis destacadas pola súa calidade, orixinalidade do tema tratado e o seu valor periodístico e comunicativo, que se convertirán en finalistas. Os autores dos traballos seleccionados disporán ata o 20 de abril para presentar as súas propostas xa totalmente elaboradas e feitas en galego.

Ao longo das semanas seguintes publicaranse no portal GCiencia todos os traballos que pasen esa primeira proba. O traballo que resulte gañador obterá un premio de 700 euros e un smartphone da marca galega Primux, ademais haberá outros dous gañadores que serán premiados con sendas tablets cortesía de Primux. Os traballos seleccionados na primeira fase obterán un diploma acreditativo como finalistas. O xurado estará integrado por representantes da RAGC, de GCiencia, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, de “la Caixa”, da Secretaría Xeral de Universidades e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Na última edición do premio a gañadora foi a estudante da Uvigo Ariadna Cordal

Na última edición de Contar a Ciencia a gañadora foi a estudante da Uvigo Ariadna Cordal, quen realizou unha reportaxe sobre un proxecto de domótica para axudar ás persoas dependentes. O premio é unha iniciativa que pretende involucrar aos estudantes galegos no coñecemento da investigación que se fai nos seus campus, moi preto de onde cursan as súas titulación. Ademais, trátase de promover o xornalismo e a divulgación científica entre os futuros profesionais da comunicación.

O certame destacou nas anteriores edicións pola calidade das propostas seleccionadas. En 2016 chegaron á fase final un total de nove reportaxes que analizaban temáticas científicas moi diversas, como o uso das novas tecnoloxías para axudar as persoas dependentes, as técnicas de conservación do patrimonio arqueolóxico galego ou o uso da nanotecnoloxía para a prevención do alzhéimer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Vigo acha un biomarcador dunha doenza muscular que pode ser letal

Un equipo médico avanza no tratamento dunha enfermidade inflamatoria que debilita de forma rápida e progresiva os doentes

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo

Cando ciencia e pesca van da man: premiado un barco galego pola recaptura dunha quenlla

O exemplar de 'Prionace glauca', identificado e marcado por primeira vez no 2016 en Terranova, foi recuperado polo buque 'Punta do Xuncos' na mesma rexión seis anos despois

▪️ Un libro homenaxea o Matemático como o gran científico de Galicia

A obra da RAGC e do CCG está producida por GCiencia e coordinada polo académico Juan José Nieto Roig