O responsable de cartografía de Google, Ed Parsons, visita Vigo no Atlantic Geospatial Day

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación converteuse este mércores en centro neurálxico e lugar de encontro para todos os axentes interesados no desenvolvemento en Galicia da tecnoloxía xeoespacial, un sector que medra a mesma velocidade que avanza o estudo dos datos xeográficos e espaciais xerados a través do emprego das novas ferramentas dixitais. A xornada, bautizada como Atlantic Geospatial Day, chegou da man do mestrado en Xeoinformática, coorganizado entre as universidades de Vigo e Coruña, e con vocación de converterse nun encontro anual entre desenvolvedores, usuarios e empresas dun sector con gran potencial de crecemento e no que Galicia ten, segundo apuntaron os organizadores da xornada, moito que dicir.

Atlantic Geospatial Day 1

“A día de hoxe non somos a comunidade autónoma punteira neste sector, pois aínda non temos entidades tan potentes como Deimos Space e Deimos Imaging, empresas con 300 e 400 empregados nacidas en España e que hoxe van participar nestas xornadas, pero si que vivimos xa certa actividade e pensamos que isto pode ir a máis”, subliñaba intres antes de arrancar as ponencias Higinio González, profesor da ETS de Enxeñaría de Minas e coordinador na Universidade de Vigo deste mestrado e tamén da xornada, que fixo fincapé en que o encontro, ademais de reunir aos principais actores que están a traballar a día de hoxe nestas cuestións, busca tamén abrir o sector ao público en xeral, difundindo a ampla variedade de ramas do coñecemento das que consta, e que van desde o desenvolvemento de satélites e sensores para a adquisición de imaxes ata o tratamento e xestión destes datos espaciais en bases de datos, sistemas de información espacial e aplicacións webs e móbiles.

Publicidade

“En Galicia hai xa algunhas empresas traballando neste sector, caso de Marine Instruments, unha das empresas participantes na xornada, así como start-ups vinculadas ás universidades”, recalcou González, que quixo tamén vincular este auxe a outras iniciativas que están collendo gran forza na comunidade, en referencia ao sector aeroespacial e, máis concretamente, “aos cubesat desenvoltos nesta escola polo grupo de investigación do profesor Fernando Aguado”.

O Atlantic Geospatial Day foi organizado polo máster en Xeoinformática

Cun notable éxito de persoas inscritas, entre eles o propio alumnado do mestrado, os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar a algunhas das figuras máis destacadas a día de hoxe neste sector: Ed Parsons, un dos principais responsables de Google en Europa, que falou sobre os diferentes proxectos desta marca para cuantificar a información xeoespacial do planeta que se obtén a través de satélites, vehículos aéreos non tripulados, escáneres… Félix Pedrera, de Deimos Space, e Laura Abuja, de Deimos Imaging, dúas das principais empresas do sector a nivel español, tal e como recalcaron os coordinadores do mestrado.

Publicidade

“Para o noso alumnado esta xornada é unha excelente oportunidade de contactar coas principais empresas do sector e agardamos que de aquí saian para eles interesantes oportunidades laborais”, recalcou González xunto a Miguel Rodríguez, coordinador do mestrado na Universidade da Coruña.

A apertura do encontro estivo presidida polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; os directores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Minas, Íñigo Cuiñas e Natalia Caparrini, e a vicedecana da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Susana Ladra. Todos coincidiron en que o mestrado en Xeoinformática, adscrito ás ETS de Enxeñaría de Minas e a Facultade de Informática da UdC e único no noroeste peninsular, naceu como un título para formar profesionais de alta especialización nestas novas tecnoloxías que sexan quen de dar resposta ás necesidades da industria xeoespacial . “A nosa escola fixo unha aposta importante por este título, unha aposta que consideramos estratéxica polo grande interese que representa o título para o centro, xa que acerca e complementa enxeñarías tradicionais coas tecnoloxías da información e a comunicación”, subliñou Natalia Caparrini, que recalcou que “este tipo de iniciativas constitúen a mellor maneira de facerlle chegar á sociedade as tarefas que leva a cabo a comunidade universitaria, tanto a docente e investigadora como a da transferencia”.

A elevada demanda que tivo o mestrado neste primeiro ano de implantación demostra, a xuízo dos participantes na inauguración, o elevado interese dun sector con gran futuro, debido ás múltiples aplicacións que ofrece. A maiores, houbo tamén palabras de agradecemento para os dous grupos de investigación que, dende Vigo e Coruña, están a impulsar estas cuestión: o Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña e o grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

atlanTTic celebra 15 anos impulsando o estudo das telecomunicacións dende Galicia

O encontro pon en valor avances en áreas como a comunicación 6G, a intelixencia artificial ou a ciberseguridade, así como a crecente colaboración co tecido produtivo

A IA de Google aprende galego: “É vital falalo para que a tecnoloxía non sexa unha barreira”

Gemini 3 integra o idioma por primeira vez, nunha actualización que reforza a comprensión multimodal á altura de competidores como ChatGPT e Copilot

Un equipo galego demostra os efectos negativos do eucalipto nos ecosistemas fluviais

O estudo da UVigo constata que a diversidade de especies nos regatos diminúe naqueles lugares rodeados das árbores oriúndas de Australia