Alumnos participantes na pasada edición das olimpíadas.

Alumnos de Minas de Vigo viaxan a París para participar nas súas propias olimpíadas

86 alumnas e alumnos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas partiron este martes cara París para participar nun evento deportivo universitario de ámbito internacional único en Europa no que cada ano participan as escolas de minas de Francia, Alemaña, Italia e España. A competición, na que se reúnen arredor de 1300 participantes, iniciarase o vindeiro xoves 21 de abril e consistirá en catro intensos días de deporte, festa e compañeirismo nos que o alumnado galego tentará deixar ben alto o nome de Vigo e da súa universidade.

“Este ano batemos todos os récords de participación”, explica Sergio Villamarín, responsable local da organización, que atribúe o éxito ao boca a boca entre o alumnado, “que derivou en que este ano haxa participantes desde primeiro de grao ata os máis veteranos que están a piques de rematar ou, incluso, matriculados xa no Máster de Enxeñaría de Minas”.

O curso pasado acadaron o sétimo posto na clasificación xeral e este ano agardan poder mellorar esta marca. “Participaremos en todos os deportes posibles, exceptuando rugby e tenis de mesa”, explica Villamarín, que apunta que na anterior edición, celebrada na cidade francesa de Nantes, foron quen de facerse co primeiro posto en tenis e un terceiro en fútbol, ambos en categoría masculina.

En deportes colectivos montaron equipos de baloncesto, balonmán e voleibol, tanto masculino como feminino; fútbol masculino e relevos de natación e atletismo. A maiores, en deportes de parella ou trío participarán en tenis (dobres), bádminton e petanca, e en deportes individuais en cross e escalada. “Buscamos revalidar o título en tenis e conseguir o noso terceiro ouro en catro anos en fútbol masculino”, explicaron desde a organización, ao que engadiron que no resto de deportes se agardan bos resultados en atletismo, no que o ano pasado se acadou un cuarto posto e tamén nos demais deportes colectivos “nos que este ano participan bastantes xogadores e xogadoras con experiencia neles”.

Os futuros enxeñeiros queren acadar en fútbol o seu terceiro ouro en catro anos

A maiores da experiencia deportiva a localización do cartel na capital francesa supón para os participantes a oportunidade de coñecer unha das grandes capitais europeas. “É certo que todos temos aínda presentes os lamentables acontecementos acontecidos na cidade hai só uns meses, pero isto non fixo diminuír a participación con respecto a outros anos, xa que temos total confianza na seguridade, tanto do evento como da propia cidade”, subliñaron antes de partir cara París, cheos de ilusión e dispostos a sacarlle o máximo proveito ao traballo de organización que unha cita deste tipo trae detrás.

Este ano, como vén sendo habitual, contan cunha subvención de 3000 euros da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, que aparte desta axuda económica “colabora connosco para que o noso labor sexa o máis levadío posible”; 700 euros do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España e axudas puntuais dalgunhas empresas.

O esforzo “merece a pena”. Para Villamarín a súa primeira participación nunha viaxe deste tipo foi en 2013 en Oviedo, hoxe, a piques de encarar o seu cuarto cartel, “penso que grazas a isto puiden desenvolver relacións de amizade con estudantes de case todas as escolas que se dan cita cada ano, especialmente coas españolas, o que estou seguro me axudará no meu futuro profesional”, un aspecto no que tamén se fai fincapé dende a escola.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.