María José Alonso recolle o Premio Nacional de Investigación 2021

A catedrática da USC, galardoada co Juan de la Cierva de Transferencia, reclama aos investigadores que teñan sempre presente a repercusión social do seu traballo

“Temos que ter sempre presente que o noso traballo debe ter unha repercusión social”. Así o afirmou a catedrática da USC María José Alonso no acto de entrega do Premio Nacional Juan de la Cierva na área de Transferencia de Tecnoloxía. Alonso recolleu este xoves, de mans do rei Felipe VI, este Premio Nacional de Investigación que outorga o Ministerio de Ciencia e Innovación e que recoñece “a excelencia da súa traxectoria científica no ámbito da nanomedicina, así como a súa importante contribución para a adecuada e equilibrada transferencia de tecnoloxía e coñecemento”. O reitor Antonio López tamén estivo presente no acto.

Trátase dun premio “ao esforzo de máis de tres décadas de traballo, así como ás máis de cen persoas que teñen traballado no meu grupo de investigación durante todo este tempo”, explicou María José Alonso, á fronte do grupo Nanobiofar do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS).

Publicidade

Maior visibilidade

“Este é un premio dun nivel extraordinario que lle outorga unha maior visibilidade á nosa capacidade e ao noso empeño, ademais de abrir novas perspectivas de colaboración”, engadiu. “A namomedicina é un ámbito transversal que permite a colaboración con outros grupos e coa industria. A difusión que implica este premio pode abrirnos novas portas como grupo, así como ás persoas que integran o meu equipo de traballo”.

Creados en 1982, estes premios son o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica. Teñen como obxectivo recoñecer o mérito daquelas persoas investigadoras españolas que están a realizar un labor profesional destacado de relevancia internacional nas súas respectivas áreas de investigación e campos científicos, e que contribúen excepcionalmente ao avance da ciencia, ao mellor coñecemento do ser humano e a súa convivencia, á transferencia de tecnoloxía e ao progreso da humanidade.

Publicidade

A contía total dos premios ascende a 300.000 euros, cunha dotación económica de 30.000 euros para cada unha das categorías. Ademais de María José Alonso, foron recoñecidos na presente convocatoria Francisco José García Vidal, Hermenegildo García Gómez, Montserrat Vilà Planella, Luis Vega González, Jesús Fernando San Miguel Izquierdo, Purificación Muñoz Cánoves, Aníbal Ollero Baturone, Jordi Galí Garreta e Margarita Díaz-Andreu.

Traxectoria

María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, onde entre os anos 2006 a 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación. Traballou como científica visitante na Universidade de París XI, (1986-87), na Universidade de  Angers, Francia (1989) e no  MIT, Estados Unidos, durante 1991-1992 e en 2012.

O seu laboratorio ten tres décadas de experiencia na formulación de  macromoléculas, é dicir, péptidos, proteínas, antíxenos, anticorpos monoclonais e polinucleótidos, utilizando sistemas de administración baseados en polímeros, alén de ser pioneira en numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e a nanomedicina. María José Alonso coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación  Gates e a Comisión Europea.

Recibiu máis dunha trintena de premios, entre eles, a Medalla á Excelencia en Investigación e Educación outorgada polo Goberno de España, o Premio Jaime I, a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia, e outros premios outorgados por organismos e fundacións científicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez, directora de Unirisco: “Investir en ciencia é responsabilidade de todos”

A cuarta edición do evento organizado pola empresa de capital de risco celebrarase en Santiago de Compostela os días 11 e 12 de febreiro

Tres científicas da USC reciben 1,5 millóns da Xunta para investigar en cancro, nanotecnoloxía e baterías

Os proxectos liderados por Clara Álvarez, María José Alonso e María Giménez foron seleccionados na quinta convocatoria do Programa Ignicia

Unha empresa galega logra 2,1 millóns para ensaiar a súa terapia de prevención da gripe

A compañía Smart Vitamins consegue no experimento en roedores protexer no 100% dos casos contra o desenvolvemento da enfermidade

Un estudo sobre doenzas cardíacas no que participa María José Alonso obtén un millón de euros

A iniciativa premiada pola Fundación "la Caixa" busca trazar unha nova estratexia terapéutica para combater as enfermidades do corazón