Dez propostas de proxectos de investigación que buscan contribuír ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A vicerreitoría do campus vén de facer pública a resolución da convocatoria de axudas de investigación Inou 2017, coas que financiará, con 45.150 euros, unha decena de proxectos, a realizar por persoal investigador deste campus, que abranguen desde a formulación de cosméticos ata a valorización arqueolóxica.
A convocatoria, financiada pola Deputación Provincial de Ourense, nace cun duplo obxectivo. Por unha banda, e buscando ser motor da contorna na que se insire o campus, financia proxectos relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia, como o turismo, a agricultura, a gandería, o comercio e a xestión integral e o aproveitamento dos recursos hídricos, especialmente os relacionados co termalismo. Por outra banda, pretende ser unha vía para que os investigadores e investigadoras a tempo completo máis novos e que teñen máis dificultades para acudir a outras convocatorias poidan pór en marcha os seus proxectos. As dez propostas elixidas neste 2017 proceden das diferentes facultades e escolas do campus.
A auga é o eixe temático de máis da metade das propostas elixidas
Dous dos proxectos proceden da Facultade de Ciencias. O primeiro deles, da investigadora Noelia Flórez, abordará a fomulación de cosméticos con extractos obtidos de biomasa forestal e con augas termais da provincia de Ourense. O segundo, de Jorge Eduardo Regueiro, estará centrado na determinación de cianotoxina emerxente B-N-Metillamino-l-alanina (BMAA) en augas de conca hidrográfica do Miño-Sil. Tamén no eido científico-tecnolóxico, o físico e docente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Daniele Tommasini, abordará un proxecto de realización dun sistema óptico montado nun dron para medidas de contaminación de augas.
As achegas á auga non só se realizarán desde o punto de vista científico e tecnolóxico, senón tamén desde o eido humanístico e xurídico-social. Deste xeito, Fátima Braña, da Facultade de Ciencias da Educación, abordará o perfil de usuarios, usos e valoración das termas na provincia de Ourense; Susana Álvarez, de Dereito, afondará nas novidades lexislativas e xurisprudenciais nos recursos hídricos, a ordenación do territorio e a sustentabilidade ambiental e Patricio Sánchez, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, abordará a avaliación do impacto económico dun proxecto de especialización de campus na economía local, centrándose na súa aplicación ao caso concreto do Campus da Auga na provincia de Ourense.
Alén de proxectos con relación directa co Campus da Auga, a convocatoria Inou 2017 tamén financia outros estudos de interese acorde coa temática da súa convocatoria. Deste xeito, Miguel Reboiro, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, levará a cabo o proxecto Multitasking Cubes, centrado nunha ferramente para a rehabilitación cognitiva e Laura Ruiz, da Facultade de Ciencias da Educación, realizará unha avaliación do alumnado universitario sedentario no campus de Ourense. Pola súa banda, Francisco Javier Sánchez Sellero, profesor de Ciencias Empresariais e Turismo, desenvolverá o proxecto “Evidencia experimental da relación entre prezo de venta e calidade percibida. Implicacións estratéxicas e contables para as denominacións de orixe vitivinícolas ourensás” e Patricia Valle, da Facultade de Historia, “Descubrindo o Allariz vello. Revalorización patrimonial e paisaxista do xacemento do Castelo de Malpaso e a súa contorna”.