Os institutos galegos darán clase de intelixencia artificial e Chat GPT o próximo curso

As materias ofertaranse nas etapas da ESO e Bacharelato como optativas

Que é a intelixencia artificial? Como funcionan os algoritmos? Cando se pode usar Chat GPT? Todas esas preguntas formularanse e responderanse nas escolas, xa que o currículo educativo do vindeiro curso contempla dúas novas materias vinculadas ao coñecemento dixital e ás novas tecnoloxías. Así o confirmou este martes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen confirmou que Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías Intelixentes se ofertarán no vindeiro curso escolar 2023-24 nas etapas da ESO e Bacharelato, respectivamente, como materias optativas.

Intelixencia artificial para a sociedade

A materia Intelixencia artificial para a sociedade ofertarase para 4º da ESO cunha carga lectiva de tres horas semanais. O seu obxectivo é avanzar na alfabetización e na mellora das competencias dixitais dos alumnos, en liña cos retos marcados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030. O conselleiro Román Rodríguez destacou a súa “transversalidade” na medida en que “ofrece coñecementos útiles para calquera disciplina” e, ademais, cobra “particular relevancia en Galicia” tras o anuncio do establecemento na Coruña da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.  

Publicidade

No seu currículo introdúcense aspectos da intelixencia artificial desde unha perspectiva dos alumnos como futuros usuarios dos sistemas intelixentes. Trátase de adquirir, a través dun enfoque transversal e coñecementos desta disciplina para que se familiaricen con ela e desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu futuro.

Nesta liña, a materia estrutúrase en catro bloques: que é a intelixencia artificial, o impacto da intelixencia artificial (no que se abordarán cuestións como a ética, a sustentabilidade e os aspecto legais), áreas da intelixencia artificial (percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automática e interacción natural) e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica autónoma ou a internet das cousas).  

Publicidade

Tecnoloxías intelixentes

Tecnoloxías intelixentes ofertarase en 1º curso de Bacharelato cunha carga horaria semanal de catro sesións lectivas e está enfocada a que os alumnos “adquiran coñecementos básicos de programación, emprego de datos e de estatísticas e análise de resultados automáticos”. Román Rodríguez salientou o “enfoque práctico” desta materia a través do uso de programas de procesamento de datos.  

Así pois, o seu contido céntrase na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de programadores de sistemas intelixentes e brinda ao alumnado uns coñecementos específicos como aprender a obter e preparar os datos para adestrar sistemas, empregar técnicas de modelado estatístico, utilizar diferentes tipos de redes neuronais, manexar librarías dixitais ou avaliar a calidade dos resultados obtidos por modelos automáticos. Paralelamente os estudantes poderán adquirirán outras competencias transversais como pode ser a resolución de problemas, a toma de decisións nun entorno tecnolóxico ou a programación en linguaxes de programación de alto nivel.

Estruturado en catro bloques temáticos, o currículo desta materia abordará os coñecementos básicos de programación (fundamentos de programación enfocados ao uso de librarías dixitais), o axente intelixente (abrangue o estudo de áreas da intelixencia artificial como son a percepción, a actuación, a representación, o razoamento e a aprendizaxe) e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos datos (consideracións éticas e aspectos legais en consonancia coas recomendacións da Unión Europa, así como cuestións de sustentabilidade). 

  1. Moi ben! E quen a vai impartir??
    Outro capítulo de “Comenzando a casa polo tellado” ou “Como quedar ben ante a xente sen ghastar un peso!”, serie principal da nosa Consellería de Educación.
    Moita sorte, físicos, enxeñeiros agrónomo, peritos industriais etc., que sacastes unha oposición de Tecnoloxía e non sodes expertos en IA. Tocouvos aguantar o pau da vela desta moda. Ánimos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Resucitar moléculas da Prehistoria contra as superbacterias: a nova fronteira dos antibióticos por IA

Os modelos xenerativos xa poden recuperar péptidos do ADN de especies desaparecidas e agora enfrontan o reto de converter os achados computacionais en medicamentos

É a IA unha ameaza? “Os avances van máis rápido do que a sociedade pode asumilos”

Fernando Suárez e Senén Barro aseguran que a intelixencia artificial si presenta riscos, pero a destrución da humanidade non se atopa entre eles

Un grupo de investigación da USC alerta dos perigos da intelixencia artificial en contacto coa infancia

O traballo analiza diferentes experiencias dos Estados Unidos e China e expón a necesidade de valorar a IA dende unha perspectiva tecnolóxica, educativa, lexislativa e ética