Este 19 de marzo, día de San Xosé e festividade autonómica en Galicia, darase en marcha un novo paso na desescalada despois do impacto da terceira onda posterior ao Nadal. Como aconteceu en decembro, despois dun mes de peche da hostalaría, o territorio quedará dividido en catro niveis de restricións, en función da evolución epidemiolóxica nas últimas dúas semanas. As medidas estarán vixentes, en principio, desde a medianoite do xoves 18 ao venres 19 ata “o luns ou martes da Semana Santa”, en palabras do presidente da Xunta, e á espera da confirmación, negro sobre branco, no Diario Oficial de Galicia.
Por norma xeral rexerán varias medidas: tal e como acordou o Consello Interterritorial da pasada semana, manterase o peche perimetral de Galicia e o confinamento nocturno estará vixente na mesma franxa, de 22 a 6 horas. Ademais, a mobilidade estará permitida por todo o territorio, agás no caso dos concellos pechados perimetralmente e en niveis máximos de restricións.
Unha das principais novidades é a das reunións de persoas en domicilios. Aínda que se relaxan as medidas nos espazos públicos, onde se poderán reunir ata seis persoas (de estar ao aire libre) ou catro (no interior), non se permitirán as reunións dentro dos domicilios con persoas non conviventes. A medida encamíñase a evitar o risco de transmisión observado durante o Nadal, onde unha parte importante dos contaxios se produciu en vivendas particulares, con reunións familiares ou de amizade. Esta limitación, segundo o acordado no Consello Interterritorial da semana pasada, estará en vigor entre os días 17 e 21 de marzo e entre o 26 de marzo e o 9 de abril, co gallo da ponte de San Xosé e a Semana Santa. Porén, e á espera do que diga o DOG, a intención en Galicia é manter esta medida durante o lapso de tempo que vai ata o Domingo de Ramos.
A hostalaría abrirá en Galicia ata as 21 horas a partir do venres
Alén disto, estableceranse catro niveis en función da incidencia acumulada por 100000 habitantes nos últimos 14 días.
- Concellos cunha IA superior a 500
En Vilardevós, Paradela e Maside manteranse a partir do venres as medidas propostas polo comité clínico este martes. A hostalaría seguirá pechada, non poderá haber de reunións non conviventes e ficará o peche perimetral individual. - Concellos cunha incidencia entre 250 e 500
Serán Sobrado, Boborás, A Mezquita, Pontecesures, Neda e Arteixo. Neles a hostalaría só estará aberta nas terrazas, ao 50%, e amplíase o seu horario ata as 21 horas. Permitiranse as reunións de catro persoas en espazos interiores e de seis no exterior. - Concellos con IA entre 150 e 250
Serán un total de 14 municipios, nos que vive o 12,4% da poboación: Boimorto, A Coruña, Culleredo, Mugardos, Ponteceso, Valdoviño, Bergondo, Laxe, Chantada, Guitiriz, Pantón, Sober, Soutomaior e Coles. As reunións con non conviventes, no mesmo caso que nos tres niveis de menores limitacións, permitiranse sempre que non sexa no domicilio, con catro persoas en espazos interiores e seis en exteriores. Na hostalaría abrirán un 30% no interior e un 50% as terrazas. O horario tamén se amplía ata as 21h. - Concellos cunha incidencia menor a 150
O descenso da terceira onda sitúa neste nivel a 290 concellos galegos, onde reside o 85,6% da poboación. Ademais do indicado en canto ás reunións (4 persoas en interiores e 6 en exteriores), a hostalaría poderá abrir ao 50% no interior e 75% no exterior, tamén ata as 21 horas.
As medidas tamén rexerán noutras actividades como instalacións deportivas, culturais e doutros sectores. Segundo o presidente da Xunta, a normativa podería estar dispoñible este mesmo mércores no Diario Oficial de Galicia.
Así quedará, por tanto, o mapa a partir do venres: