O ciclo “Vigo Científico”, organizado por GCiencia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, continuou este martes 23 de marzo coa entrevista aFernando Aguado Agelet, un dos investigadores de referencia en Galicia na enxeñaría das telecomunicacións e aeroespacial. O coloquio púidose seguir a través de gciencia.gal e as súas canles en Facebook e Youtube, coa introducción do delegado do Estado na Zona Franca, David Regades.
Fernando Aguado é doutor e enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Actualmente é profesor titular do departamento de Teoría do Sinal e de Comunicacións na mesma universidade. A súa investigación céntrase na Enxeñaría de Sistemas para nanosatélites, as comunicacións espaciais e as constelacións de pequenos satélites.
Desde comezos de século converteuse nun dos principais artífices da posta en marcha da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo e do Centro Galego de Innovación Aeroespacial (CINAE), que involucrou a equipos de investigación e empresas para emprender a carreira espacial desde a cidade.
No eido empresarial, Aguado é asesor da spin-off Alén Space, compañía nacida na Universidade de Vigo e pioneira na filosofía do ‘new space’, a gran ventana de oportunidade que se abre ao ser posible o envío ao espazo de sistemas pequenos, baratos e rápidos accesible para un número moito maior de organizacións.
Desde o nacemento destas entidades, estes equipos conseguiron completar misións como a do Xatcobeo (2012), primeiro nanosatélite español, e en anos posteriores as do Humsat-D, o Serpens, o DustCube ou o Lume 1. Este mesmo luns, a través de Alén Space, lanzouse o primeiro satélite da constelación Sateliot, co que se dará un importante paso para achegar á cidadanía o internet das cousas (IoT) mediante a cobertura 5G. Ademais, un consorcio do que forman parte a UVigo e Alén Space foi seleccionado pola Axencia Espacial Europea para os plans de exploración das covas da Lúa.
Entre outros recoñecementos, o profesor Aguado é membro da Academia Internacional de Astronáutica, e foi elixido como pontevedrés do ano 2012 e recibiu, en nome do satélite Lume-1, o Premio da Crítica de Galicia 2019 na categoría de Investigación.
What is the life expectancy of a cubesat?